1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

modesto gutierrezGaliza - Tokata - No xulgado número 1 de instrución de Lugo acumúlanse xa máis dunha ducia de casos que salpican funcionarios, médicos e mesmo ao director do cárcere lucense de Bonxe, Modesto Gutiérrez. Algúns, referidos a presuntas desatencións sanitarias que derivaron na morte de varios reclusos; outros, a supostos favores ilícitos e beneficios para presos VIP; algún máis, a posibles malos tratos entre reixas.


Foto: Modesto Gutiérrez é Diretor do centro.

O caso aberto investiga a historia de Santos Lage, un enfermo que agoniza despois de consumir 22 dos 53 anos da súa vida en celas, e que asegura que o cárcere de Bonxe "lle roubou catro anos" de liberdade. O ex-preso enfermo de VIH, hepatite crónica, atrofia muscular, desnutrición extrema e varias doenzas máis, declarou no xulgado e na mesma mañá foi examinado por un forense para determinar que parte da deterioración física deste extoxicómano se puido deber á mala atención duns servizos médicos carcerarios que a xuíz vixía con lupa dende hai uns anos.

"Este é un sistema deshumanizado", lamenta o avogado, "non o vían consumíndose e morrendo cada día?"

Nas últimas semanas de espera, Santos Lage estivo hospitalizado varias veces, como el mesmo di, para "resistir". Outras fontes próximas ao caso aseguran que a declaración foi "moi satisfactoria", e que durante catro horas Lage describiu "moitos detalles" á maxistrada sobre o seu "calvario" en prisión.

O director do cárcere de Bonxe, Modesto Gutiérrez, principal funcionario contra o que o exrecluso dirixe a súa querela por prevaricación, non quixo dar a súa versión dos feitos porque se trata dun asunto "xudicializado".

"Os internos non poden recorrer a unha segunda opinión médica", di a xuíz. "Deben confiar ás cegas nos de prisión"

modesto_gutierrezSantos Lage conta que xamais foi informado de que tiña dereito a pedir a acumulación das condenas (por delitos semellantes, neste caso de roubo con intimidación ou con violencia para procurarse a dose, pero ningún de sangue), e que polo tanto a súa pena debería terse reducido substancialmente. Segundo o seu avogado, Waldir Sinisterra, é responsabilidade dos servizos xurídicos da prisión reunirse cada seis meses co interno para revisar a súa situación, algo que, Lage, segundo el, non conseguiu.

En xaneiro, despois de varios ingresos hospitalarios do seu cliente e á vista da profunda deterioración da súa saúde, Sinisterra pediu a súa liberdade condicional "por razóns humanitarias". O xulgado de Vixilancia Penitenciaria denegoulla, di, "baseándose no informe do médico" de prisión, que foi "aprobado por unanimidade polo director e a xunta de tratamento do centro penitenciario". Alí dicíase que Santos Lage "podía seguir delinquindo", recorda o letrado, "cando camiña valéndose dun bastón, e necesita tres cuartos de hora para percorrer 60 metros". "Este é un sistema deshumanizado", lamenta o representante legal, "non o vían consumíndose e morrendo cada día? Catro anos, e mesmo catro meses de máis no cárcere, para Santos, é toda unha vida".

Tras este intento falido, Sinisterra optou por pedir a acumulación de condenas. E fíxoo "ás cegas", porque "a día de hoxe, os servizos xurídicos do centro penitenciario non facilitaron o historial" con todas as sentenzas de Lage. A resposta non se demorou apenas: o 30 de marzo, o xulgado do Penal número 2 de Lugo concedía a liberdade ao preso. Segundo el, despois de "retelo" tanto tempo, o "botaron á rúa sen previo aviso", sen deixalo telefonar ao seu avogado para que o fose a recoller e sen a medicación que necesita. Santos Lage toma "22 pastillas ao día", e durante unha semana, ata que xestionou a tarxeta da sanidade pública galega, só tivo aqueles fármacos que logrou facilitarlle a ONG que o apoia, Aliad Ultreia. Nos anos que pasou entre reixas, ao enfermo morréronselle o pai, a esposa e o irmán. Di que ninguén o avisou e que non puido ir aos enterros. Cando á fin, recuperada a liberdade e sen familia viva, localizou o seu avogado, pediulle dúas cousas: ir a cear polbo e ir a ver as tumbas dos seus parentes na Coruña.

En 2013, a xuíz chegou a imputar ao xefe médico de Bonxe pola morte dun preso

Na querela contra o director e os membros da xunta de vixilancia penitenciaria de Bonxe, o exrecluso achega documentación que supostamente demostra que en prisión non respectaron durante anos a orde dun pneumólogo do hospital público acerca dunha medicina fundamental que debían subministrar ao enfermo. O paciente relata, ademais, que a súa vida no cárcere se tornou "invivible" cando decidiu recorrer ao diario El Progreso de Lugo para denunciar os seus problemas. Dende entón, segundo recolle a querela, comezaron as "represalias". Recorda que cando tiña unha crise e buscaba axuda na enfermaría de Bonxe o médico o recibía dicíndolle: "Mírate co xornalista, a que che quite a dor", "vas comer toda a condena con patacas".

A xuíz De Lara tamén quere investigar as canles polas que supostamente chega a droga a prisión. Segundo varios avogados consultados, ás familias e aos letrados revísaselles meticulosamente cando van de visita e "parece imposible que entre nada por esta vía". Pero varias das mortes acaecidas en estrañas circunstancias dentro de Bonxe nos últimos anos foron achacadas a sobredose.

En 2013, a xuíz chegou a imputar ao xefe médico de Bonxe pola morte dun preso. Atribuíalle os delitos de omisión de deber de prestar socorro, homicidio por imprudencia grave e falsidade en documento público. Nun auto duro co cárcere, De Lara defendía que a asistencia médica a Emilio Pena, pai de familia de 33 anos que cumpría unha condena doutros tres por un delito de lesións, fora "nula". Tiña "graves síntomas", pero recibiu "unha total e negativa falta de atención". O doutor Antonio Chorén diagnosticoulle no centro unha enterite, pero en realidade sufría pancreatite aguda. O mesmo día en que saíu de permiso, sen poder apenas respirar nin camiñar, a súa familia levouno a Urxencias e quedou ingresado. Xa non regresou a Bonxe porque morreu aos tres días.

Segundo os testemuños que recolleu a maxistrada durante a investigación, o médico negábase a explorar a Emilio Pena. "Xa estou farto de verte aquí, non te quero atender", berroulle ao enfermo -segundo contou logo outro preso- cando lle foi a pregar que autorizase o seu ingreso nun hospital. A última vez que, tal e como recolle o auto da xuíz, entrou a implorarlle asistencia, o facultativo limitouse a lanzarlle dende o outro lado da sala uns sobres de soro oral para aplacar esa falsa enterite que non remitía. O mesmo xefe médico estivo imputado pola morte doutro recluso por infarto nun curto prazo de tempo. Durante a investigación, a xuíz descubriu que Chorén, o único autorizado para usar o desfibrilador en prisión, se ausentaba do seu posto en horario laboral, e que ao enfermo só se lle puido intentar reanimar manualmente. Non obstante, os casos tiveron que ser arquivados o ano pasado pola morte do médico imputado.

"A situación de privación de liberdade é sen dúbida das máis terribles que pode sufrir unha persoa", escribía Piar de Lara no auto co que declaraba extinta a responsabilidade penal de Chorén. A atención sanitaria aos reclusos debe ser "non só boa, senón extraordinaria" xa que "os internos están privados da posibilidade de escoller un ou outro profesional, ou de recorrer a unha segunda opinión médica, debendo confiar case ás cegas no criterio dos médicos que conforman o servizo de prisións". "Para acudir a urxencias deben pasar o filtro do servizo de garda" do centro penitenciario. E "tan sequera son libres de poder tomar a medicación dispensada polos especialistas do servizo xeral de saúde".

Traduçom de Abordagem.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.