1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

cc.redimensionadoGaliza - Revista Abordagem - Recollemos do Sermos Galiza este artigo de opinión de Xosé Luis Santos:


1. A primeira parte, escrita o 13 de abril

Quen redacta este artigo para á sección de opinión do Sermos Galiza asistiu ao xuízo que na Audiencia Nacional se celebrou os dias 8 e 9 do mes de abril que andamos; segundo a acusación, Carlos Calvo Varela pertencería a unha banda armada e colocaría un explosivo nun caixeiro de Vigo unha noite de outubro de 2011. O fiscal pedía en principio 16 anos de prisión, que se sumarían aos sete aos que este mozo de Ordes foi condenado polo Tribunal Supremo hai uns meses.

Na quenda de conclusións o fiscal rebaixou este seu pedimento inicial. Explicou naquela sede que, como Carlos Calvo xa fora xulgado por pertenza a banda armada (o Tribunal Supremo fallou no sentido de que esa pertenza non estaba probada), concluíu a acusación que só ía manter como acusación a colocación de explosivos con fins terroristas, ou sexa oito anos. Mais como o autor dos feitos ía disfrazado, continúa o fiscal, cumpría pedir un ano máis de prisión. É moi fácil a suma: nove anos de cadea... e que rápido se di!

O que para quen escribe quedou claro no xuízo, despois de escoitar por videoconferencia o testemuño de dúas mozas, é que o acusado estaba ese día nun concerto do festeiro grupo galego Lamatumbá (por certo, grafado La Matumbá polos media ... quédalle a un a curiosidade por saber como escribirían palabras como laparotomía ou lapote). Era o día das mozas das festas de San Froilán de Lugo, ás máis belas do outono galego, en palabras de Álvaro Cunqueiro. Quedou claro que Carlos Calvo se achegou despois dese concerto á súa morada en Santiago de Compostela, e que desde alí escribiu, unha hora despois da media noite, ou sexa á unha e media en hora española, un correo para unha revista francesa de Filosofía da que non me lembra agora o seu nome.

Á mesma hora, segundo a gravación da cámara dunha axencia bancaria de Vigo que se proxectou naquela sala da Audiencia Nacional, unha persoa coa cara tapada con algo semellante a un pasamontañas deixaba un paquete no interior do espazo do caixeiro automático.

Gustaríame aproveitar este artigo para darlle os meus parabéns ao avogado da defensa, o catalán Benet Salellas, polo seu rigoroso traballo. Como el indicou no mesmo xuízo, é evidente que non é a defensa, senón a acusación, quen debería presentar probas. Non obstante, así o fixo o avogado, demostrando por exemplo como o acusado estaba escribindo na conta de correo da súa computadora para poñer unha mensaxe xusto á mesma hora na que o Fiscal asegura que deixaba unha bolsa no caixeiro automático dunha sucursal bancaria de Vigo.

O que ao meu parecer é moi preocupante, e de aí a pregunta retórica coa que titulo estas liñas, é que un fiscal da Audiencia Nacional poida dicir que solicita nove anos de prisión sen ningunha proba. Dixo que para condenar a nove anos a Carlos Calvo Varela era suficiente cos "indicios" que el presentara. É daquela así este Estado de Dereito?. Toca esperar pola sentenza.

2. A segunda parte, que escribo xusto despois de ler a noticia que fala da sentenza

Segundo a noticia que se difunde en El Correo Gallego e La Voz de Galicia, que leo ás 11 da noite deste día 15 de abril, ao chegar á casa despois de asistir na Facultade de Filosofía á presentación do número 100 da revista de pensamento crítico A Trabe de Ouro, na Audiencia Nacional condenan a Carlos Calvo por facilitar explosivos a Resistencia Galega para estallar en un cajero de Vigo. Condénano a sete anos por algo do que ninguén falou no xuízo ao que eu asistín: facilitar explosivos a non se sabe quen.

Ou sexa que Carlos Calvo estivo nun concerto de Lamatumbá o domingo das mozas do San Froilán do ano 2011, mandou un correo cun seu artigo para unha revista de Filosofía a mesma noite desde o seu correo electrónico... e facilitoulle a unha persoa descoñecida explosivos.

Borro, pois, o interrogante que vai no título deste artigo e escribo a frase afirmativa: é así este Estado de Dereito. Temos urxentemente que mirar por cambialo.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.