1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

141114 concGaliza - CIG - O vindeiro domingo, día 23 de novembro, están previstas manifestacións en todas as comarcas do país.


Baixo unha intensa chuvia centos de persoas sumáronse, en todas as cidades e en diversas vilas galegas, ás concentracións silenciosas contra a reforma da Lei de Seguridade Cidadá. As mobilizacións, que se desenvolveron diante das sedes do PP, tiñan como obxectivo manifestar o rexeitamento da Alianza Social Galega ao proxecto de lei de reforma da Lei de Seguridade Cidadá. Unha reforma coa que o PP "pretende acalar a contestación social mesmo eliminando garantías como a presunción de inocencia", denunciou Suso Seixo.

O secretario xeral da CIG, que participou na concentración convocada en Compostela, sinalou ademais que con ese proxecto de lei introdúcense toda unha serie de sancións de carácter administrativo, "totalmente discrecionais" dándoselle presunción de veracidade aos informes policiais. "O que quere o PP é ter nas súas mans a posibilidade de penalizar e castigar cunhas sancións totalmente abusivas a mobilización social contra as súas políticas profundamente antiobreiras e antiusociais".

Ante isto desde a ASOGA ten promovido toda unha campaña durante este mes que comezou con concentracións diante das sedes do PP e que continuará o día 23 con manifestacións en todas as comarcas do país.

As concentracións decorreron con normalidade, agás en Vigo onde houbo de ser adiada pola chuvia torrencial que caía a esas horas e en Compostela, onde a policía impediu desenvolvela diante da sede do PP malia tela comunicado á subdelegación do goberno sen que esta puxera obxección algunha. Isto provocou unha forte discusión coa policía que, ao igual que nas outras concentracións, protexía as sedes do Partido Popular.

MANIFESTO ALIANZA SOCIAL GALEGA:

A REFORMA DA LEI DE SEGURIDADE CIDADÁ E DO CÓDIGO PENAL IMPLANTA UN ESTADO POLICIAL

A nova lei de seguridade cidadá e a reforma do Código penal evidencian o seu obsesivo centralismo, os nulos principios democráticos polos que se rexe o PP e a que clase de intereses serve. Mentres actúa con esta dureza contra os movementos sociais, a clase traballadora e a realidade plurinacional do estado, mantén unha actitude de moita permisividade respecto aos delitos económicos que cometen os seus amigos e o capital financeiro.

Estas reformas normativas teñen como obxectivo reprimir a contestación social.

O PP está provocando, coas reformas laborais e sociais e coas súas políticas económicas, un recorte de dereitos e unha crecente precariedade das condicións de traballo e da calidade de vida das persoas. Ante a contestación social que xeran tales políticas, promove estas reformas para impedir protestas que as poñan en cuestión.

O exercicio democrático e constitucional do dereito á folga e a outros medios de protesta e reivindicación estano poñendo en cuestión as autoridades públicas mediante:

Diferentes causas e actuacións penais contra das persoas traballadoras e dos grupos de reivindicación social por supostas actividades delituosas durante o desenvolvemento de manifestacións, concentracións ou calquera outra forma pacífica de contestación, ou mesmo de defensa dos dereitos que nos están arrebatando.
Un inusitado protagonismo do ministerio fiscal.
Por estas vías pretenden deslexitimar a resposta da cidadanía fronte ás reformas e actuacións inxustas propostas polo poder político deste Goberno.

Coa reforma do Código penal tipifícanse como delito unha serie de accións sociais que até o de agora non tiñan esa consideración.

desorde pública
atentado
desobediencia
resistencia á autoridade, etc.,
o que supón un ataque frontal a dereitos sobre os que asenta a participación democrática: liberdade de reunión, manifestación e de folga.

O PP reforma a lei de seguridade cidadá

para actuar de forma inmediata e contundente contra a conflitividade social que eles crean; evitan así depender de xuíces e maxistrados que non estean dispostos a colaborar na súa política represiva e de recorte das liberdades públicas;
para substituír a infracción penal pola infracción administrativa, á marxe das garantías xurisdicionais, para desalentar a mobilización social, actuando con total discrecionalidade e arbitrariedade;
para aumentar as infraccións (pásase de 30 a 57 e créanse até 36 novos tipos) e as contías das sancións, que se fixarán sen considerar o patrimonio das persoas afectadas (1.000 euros as leves, 30.000 as graves e 600.000 as moi graves);
para despenalizar as faltas co fin de evitar o control da xustiza penal, facendo as sancións inmediatamente executivas; elimínanse así as garantías da presunción de inocencia (pagamento de taxas, presunción de veracidade da actuación da policía, etc.).
A tutela xudicial só opera unha vez imposta a sanción e grava a cidadanía coa carga de promover un proceso sometido a custos adicionais á propia sanción; custos incrementados tamén de forma arbitraria coa reforma da lei de taxas xudiciais.

Preténdese a persecución de todo tipo de mobilizacións e mesmo o exercicio de dereitos fundamentais:

Castiga as «ofensas» ás institucións, himno e símbolos do Estado español; reprime as manifestacións públicas a través de panfletos ou bandeiras que supostamente inciten á alteración da orde pública. Impídese o dereito á folga e as concentracións diante de calquera espazo común, público ou privado (mesmo fóra das horas de apertura), contra a vontade do seu propietario, arrendatario ou titular.
Sanciona duramente os peches, escraches, concentracións contra un desafiuzamento, cortes de tráfico, despregamento de faixas, manifestacións diante das sedes parlamentarias, manifestacións de empregados/as públicas con roupa de servizo, colgar carteis, facer pintadas, acampadas de protesta, recollida de sinaturas ou colocación de mesas nas rúas.
Promove os controis, rexistros, identificacións, cacheos e detencións pola vía da inmobilización «polo tempo estritamente necesario», para actuar ante accións que poidan provocar alarma social.
Prohibe a participación en protestas con carapucha, casco ou obxecto que cubra o rostro. Castiga como desobediencia e resistencia á autoridade a negativa a identificarse.
Implanta unha censura previa de aplicación discrecional contraria á Constitución, ao limitar a captación e difusión de sons, imaxes ou datos de membros das forzas de seguridade do Estado nas súas intervencións públicas, o que socava o dereito da cidadanía a recibir unha información veraz e plural, imposibilita e amedrenta o traballo xornalístico —un dos garantes dese dereito—, promove a impunidade no abuso policial contra os dereitos civís ao impedir a existencia de posíbeis probas gráficas de intervención desproporcionada das forzas de seguridade.
Con esta reforma represiva, o Goberno pretende

converter o conflito social nun continuo conflito de orde pública; camiñamos cara a un estado de carácter policial, onde
obrigar á colaboración cidadá coa policía baixo imposición de sancións, ao tempo que se amplía a impunidade na actuación policial, que non terá o deber de identificarse nin de exhibir identificación ningunha e terá plenas facultades para o uso inxustificado e desproporcionado da violencia;
ampliar as competencias da policía para desaloxos, disolución, mesmo preventiva, de reunións e manifestacións así como as gravacións indiscriminadas de persoas e lugares.
E mentres se aplican estas reformas represivas,

desmantélase o sistema público da Administración de xustiza realizando outras reformas que limitan e impiden o acceso aos xulgados, ben establecendo cantidades económicas para acudir á Administración de xustiza, privatizando servizos que antes eran públicos e gratuítos
traspásanse aos notarios, rexistradores e profesionais privados, servizos que eran públicos, gratuítos e de fácil acceso; e modifican a actual estrutura xudicial, suprimindo partidos xudiciais en localidades, desprazando xulgados a capitais de provincia.
Todo isto deteriora extremadamente o servizo público da xustiza encarecendo os custos e eliminando a proximidade e a facilidade para o acceso á xustiza.

Por todo o dito, as organizacións e entidades que conformamos a ALIANZA SOCIAL GALEGA denunciamos estas novas reformas do PP, claramente dirixidas a impedir o exercicio de dereitos fundamentais, e chamamos o pobo galego a dar unha resposta colectiva que impida este atentado ás liberdades públicas e este golpe de Estado encuberto.

Non podemos permitir este paso atrás, non podemos calar ante a criminalización da protesta social, ante o retroceso inaceptábel das liberdades públicas e das vías de participación democrática que pretende o Goberno do PP e nos sitúa nun escenario que nos retrotrae, en moitos aspectos, á época do franquismo.

A Mesa pola Normalización Lingüística; ADICAE GALICIA; Altermundo; ANPAS GALEGAS; Asemblea de Cooperación pola Paz; Asociación Cívico-Cultural Terra de Outes; Asociación Fuco Buxán; Asociación Galega de Historiadores; Asociación Galega de Mariscadoras/es (AGAMAR); Asociación Monte Pindo Parque Natural; Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA); Asociación Sociocultural Namentras; Asociación Sociopedagóxica Galega; Autónomos de Galicia, AUGA-UPTA; Boa Vida Inclusión Activa; Confederación Intersindical Galega (CIG); COGAVE; Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia; Colectivo Encontro Benestar Social; Comisión pola recuperación da memoria histórica da Coruña; Comités Abertos; CONFAPA Galicia; Confraría Pescadores Poboa do Caramiñal; Coordinadora Galega de ONGDs; Escola Viva; Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura; Federación de Asociacións de Mulleres Rurais; Federación de Profesionais e Autónomos/as de Galicia; Federación Galega do Medio Ambiente; Federación Galega de Bandas de Música Populares; Federación Rural Galega (FRUGA); Fundación 10 de Marzo; Federación de AA. de VV. de Pontevedra "Castelao"; Fundación Defensa dos Consumidores; Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e Divulgación da Realidade Social e Sindical na Galiza; Fundación Galiza Sempre; Fundación Luís Tilve; Fundación Paz e Solidariedade; Iniciativa Estudantil Galega; Iniciativa Galega Pola Memoria; Instituto de Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia ISCOD; Instituto Galego da Historia; Liga Estudantil Galega; Mesa Galega de Educación no Rural; Movemento polos Dereitos Civís; Nova Escola Galega; Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM); Plataforma en Defensa do Ensino Público; Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais; Plataforma Galega Defensa do Ensino Público; Plataforma polo Emprego; Plataforma Queremos Galego; S. N. de CCOO de Galicia; Seminario Galego de Educación para a Paz; Sindicato de Estudantes; Sindicato de Xornalistas de Galicia; Sindicato Labrego Galego; Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG); SOS Sanidade Pública; UGT-Galicia; Unión de Traballadores Autónomos do transporte, o mar e as comunicacións de Galicia (UNIATRAMC-Galicia); Unións Agrarias; USTG; Xustiza e Sociedade.

 


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.