Na loita concreta contra os despexos, de entre todas estas accións, sen dúbida deuse na nosa cidade unha das que contou con máis recoñecemento e repercusión, tanto a nivel galego e estatal, como a nivel internacional: a negativa dun bombeiro a cortar a cadea que bloqueaba o portal de Aurelia Rey o 18 de febreiro do pasado ano 2013 na Coruña.
O seu xesto xerou reaccións non só en parques de bombeiros/as como os de Alicante, Madrid, Valencia, Murcia, La Rioja, Asturias, Valladolid, Andalucía, Catalunya ou Canarias, senón tamén noutros colectivos profesionais ao longo de todo o Estado, como os/as cerraxeiros e xuristas. Tamén se levou adiante unha iniciativa cidadá de apoio a través da plataforma Change.org na que se solicitaba que non fora represaliado polo Concello da Coruña, e que chegou a superar as 100.000 sinaturas.
Agora, ano e medio máis tarde, e logo de esgotar tódalas posibilidades de recurso pola vía administrativa, o bombeiro que encheu de orgullo á Coruña enfróntase o vindeiro xoves 4 a un xuízo, supostamente por amosar ese día un cartaz co logotipo de STOP despexos A Coruña, xesto que a Subdelegación do Goberno interpreta como unha "alteración da orde pública"[1], e polo que lle quere facer pagar unha multa de 600€.
Non obstante, todas sabemos que o que lle molestou á Delegación do Goberno non foi que este bombeiro erguera un papel, senón que se tivera negado a colaborar en botar de casa a unha anciá, deixando en evidencia a vergoñenta estampa do circo policial que o Partido Popular tiña instalado na R/ Padre Feijoo para escenificar o despregue de violencia que están dispostos a levar adiante para seguir botando familias das súas casas e regalarlle estes fogares baleiros ás entidades bancarias que primeiro estafaron a estas mesmas familias.
Así, o xuízo que vai ter lugar o vindeiro xoves constitúe un exemplo claro de ata onde está disposto a chegar o goberno do Partido Popular contra quenes loitamos por poñer ás persoas por riba do Capital, en definitiva, contra quenes queremos máis á xente que ós cartos, ben ao contrario dos valores capitalistas defendidos a base de coaccións e acoso policial polo Delegado do Goberno Samuel Juárez e o Subdelegado na Coruña Jorge Atán. Contra esta represión ao bombeiro por parte do Goberno do Partido Popular a nivel estatal iniciouse tamén o ano pasado unha nova recollida de sinaturas a través de Change.org que chegou a recabar máis dun milleiro de apoios.
Aliás, este ataque ao bombeiro que se negou a intervir no despexo de Aurelia Rey, así como as constantes multas, xuízos e o control policial ó que nos vemos sometidas as persoas que defendemos na rúa dereitos básicos como o da vivenda, a sanidade, a educación ou os dereitos laborais, lonxe de amedrentar a quenes loitamos por estes dereitos humanos e sociais, segue a se revelar como un claro síntoma do medo que inunda ao Partido Popular diante dunha sociedade civil crítica e en pé de loita neste contexto de estafa económica. Segundo datos do Ministerio de Interior, Galiza é a terceira comunidade con máis expedientes administrativos abertos, un total de 110, e xa lle foron roubados á cidadanía galega máis de 35.000€ en concepto de multa por protestar contra as inxustizas cas que o PP está a dinamitar o que nalgún tempo se deu en chamar "Estado do benestar".
Así, fronte a esta estratexia de amedrantamento social e criminalización da solidariedade imposta polo Partido Popular dende o Goberno estatal, galego e local, dende STOP despexos A Coruña convocamos a toda a sociedade a arroupar e amosar publicamente o noso apoio a este compañeiro cuxo valor e solidariedade deron a volta ao mundo, acudindo o vindeiro XOVES 4 de SETEMBRO á concentración que terá lugar dende as 11.00hrs. diante do Xulgado Contencioso Administrativo da Coruña (Edificio Proa).
Queremos tamén aproveitar para agradecer novamente a colaboración de tódolos colectivos, persoas particulares e profesionais dos medios de comunicación que fixeron parte fundamental na loita contra o despexo de Aurelia e en todos os que seguiron. Porque sabemos que a unión de forzas e o traballo conxunto é o único xeito de deter este sistema criminal que nos condena ó empobrecemento, á miseria e ó medo.
Os bombeiros/as rescatan ás persoas, non aos bancos!!
Nin xente sen casa, nin casas sen xente!


