O pesqueiro, que saíu o pasado 11 de maio de Suecia, fixo parada en varios portos dos países escandinavos, Alemaña e Francia. O 'Marianne' unirase aos outros barcos da Flotilla da Liberdade para, unha vez máis, intentar romper o bloqueo inhumano e ilegal que sofren os 1.7 millóns de palestinos residentes na Franxa de Gaza.
A poboación da Franxa de Gaza sufriu castigos colectivos -prohibido pola IV Convención de Xenebra- con ataques indiscriminados, así como un bloqueo por terra, mar e aire que chega ao seu noveno ano e que afoga a vida dentro da Franxa, impedindo a liberdade de movemento, a liberdade de comercio, de servizos de saúde, mantemento e educación.
Non é unha coincidencia que nesta misión un dos barcos da Flotilla da Liberdade sexa un barco pesqueiro. Os pescadores palestinos, aos que as autoridades de ocupación israelís prohiben afastarse máis de seis millas náuticas da costa, sofren acoso diario, bombardeos e confiscación dos seus barcos.
Ao igual que o veleiro 'Estelle' en 2012, o 'Marianne' fai parada en varios portos europeos, realizando eventos para denunciar a situación na que vive a poboación palestina de Gaza e sumar apoio público para o levantamento do bloqueo. O Marianne unirase a outros barcos da Coalición da Flotilla da Liberdade no Mediterráneo, navegando logo xuntos cara a Cidade de Gaza.
Rumbo a Gaza esixe:
O fin do ilegal bloqueo imposto á Franxa de Gaza dende 2006.
O fin da ocupación do Territorio Palestino, que se prolonga xa dende 1967, apelando á aplicación efectiva das decisións das Nacións Unidas que, dende a resolución 242 de 1967 insta a Israel a abandonar os territorios ocupados pola forza militar e tamén obriga a poñer fin á colonización.
Unha solución para a poboación actualmente refuxiada e que foi expulsada en 1948, dando desta forma solución ao programa da UNRWA, que foi unha solución temporal de seis meses levada a cabo pola ONU e que vai xa camiño de cumprir 67 anos.
Que a potencia ocupante sexa responsable xurídica e economicamente dos ataques inflixidos á poboación ocupada da que é responsable, tal e como recolle a IV Convención de Xenebra.
A suspensión do Acordo de Asociación Unión Europea – Israel en virtude da vulneración do seu artigo 2, no que fundamenta o acordo en "o respecto dos principios democráticos e os dereitos humanos" por parte dos dous asinantes.