1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)

120814 muralGaliza - Diário Liberdade - Reproduzimos os comunicados de Briga e Isca!, que se somam aos atos de NÓS-UP e MGS respetivamente.


Briga

Participamos da homenagem a Moncho Reboiras em Ferrol

Amanhá (12) decorrerá em Ferrol, às 20h na Rua da Terra, a tradicional homenagem que NÓS-Unidade Popular realizar anualmente ao combatente galego Moncho Reboiras, assassinado nesse lugar pola polícia espanhola há 39 anos.

BRIGA tem participado nas últimas ediçons de homenagem ao dirigente comunista da frente armada da UPG com umha intervençom. Desta volta será a membro da Mesa Nacional de BRIGA Eva Cortinhas quem faga a alocuçom em nome da nossa organizaçom.

Apenas um mês após a dêcima Jornada de Rebeliom Juvenil, e quando se achega a data em que BRIGA fai 10 anos de vida, nós continuamos a apostar no confronto de classes e nacional que o Moncho representou numha época nom tam distante. Dixemo-lo 24 de julho, 25 de julho e mantemo-lo neste mês de agosto.

Embora a Galiza de hoje já nom seja a que conheceu o jovem combatente e operário de Dodro, as contradiçons nacionais e sociais tenhem-se agudizado e portanto afiançado as razons da luita patriótica e socialista que Reboiras nos legou.

VIVA GALIZA CEIVE E SOCIALISTA!

MONCHO REBOIRAS, A JUVENTUDE CONTINUA A TUA LUITA!


Isca!

Moncho Reboiras, 39 anos na memoria e na acción!

No 1950, ano no que finaba o célebre Daniel Castelao, nacía na parroquia de Imo (concello de Dodro) Xosé Ramón Reboiras Noia no seo dunha familia de corte popular. Contando con tan só nove anos, Moncho e a súa familia trasládanse a Vigo na busca dunha mellora na súa situación económica asentándose no popular barrio de Teis e sendo Vigo onde continuará a cursar os seus estudos, con brillantes cualificacións.

É alí onde toma contacto co asociacionismo da man de grupos xesuítas e cristiáns de base que levaban a cabo, entre outras actividades, misas en galego. Nestes pequenos espazos de liberdade, que contaban con cobertura legal, comeza a toma de conciencia nacional e de clase que se irá agudizando ao longo do tempo nun contexto de represión do réxime (asasinan ao Piloto, un dos últimos guerrilleiros antifranquistas), sendo quen de espallar tamén esa toma de conciencia entre as mozas e mozos das asociacións das que fai parte. Foron anos de mesto agromar de diferentes asociacións culturais en todo o país que serán unha das máis importantes vías de introdución do discurso nacionalista na sociedade.

A finais da década dos 60 Moncho Reboiras entra a militar na UPG. Segue traballando arreo na denominada fronte cultural, facendo un gran traballo proselitista na mesma, levando a cabo contactos con múltiples entidades máis ou menos comprometidas co país e co movemento contrario ao réxime franquista. A recuperación do idioma, da cultura, da historia, etc. foron uns dos puntos fundamentais. É nesta altura onde realiza os estudos de Enxeñaría Industrial en Vigo, obtendo moi boas cualificacións o que lle dará acceso a traballar nos estaleiros vigueses.

Nun contexto de maior conflictividade social, aparellada á dura represión do rexime franquista, caen asasinados en Ferrol Amador e Daniel en 1972 nun ano de importantísimas mobilizacións obreiras. Moncho destacará sempre polo seu compromiso coa mobilización e o labor sindical, o que lle acarreará a expulsión do seu centro de traballo. Plenamente adicado á tarefa militante e a espallar o ideario da revolución nacional e popular trasládase por diferentes puntos do país. Na Coruña, por exemplo, dirixe a publicación "Xerme". Participa na redacción do borrador provisional que sentaría as bases do Sindicato Obreiro Galego e axudará a crear núcleos sindicais con ideario nacionalista que pasarían a formar parte, nun futuro, do anteriormente referido SOG en 1975, o que permitiu desputar o campo sindical á esquerda española e construir un sindicalismo propio non dependente.

Como apoio ás loitas políticas, obreiras e culturais Moncho asume a responsabilidade de participar cun reducido grupo de persoas nunha serie de accións que terán como obxectivo fornecer, pola vía da expropiación, de recursos económicos, materiais e operativos a todos os eidos de loita, pasando así á clandestinidade. Por dous anos Reboiras recorrerá o país contactando con militantes e simpatizantes e realizando unha labor fundamental: organizar ao pobo para dar unha resposta política nacional e como clase.

O 11 de agosto a Brigada Político Social rodean a vivenda onde se atopaban Moncho Reboiras xunto a outros dous militantes en Ferrol, cuns 300 efectivos. Após a violenta entrada da policia no portal e unha infructuosa fuxida Moncho foi tiroteado e asasinado, ficando o seu corpo sobre o número 27 da Rúa da Terra.

O seu compromiso político inquebrantable

O contexto no que se inseriu gran parte da vida militante de Moncho Reboiras foron os turbulentos anos 70, onde o réxime franquista daba os seus últimos pasos preparando a transición, non sendo esta a que quería e reivindicaba o nacionalismo, que tiña que pasar necesariamente pola ruptura democrática, xa que consistiu simplemente na readaptación do réxime a un modelo de cariz democrático mais que no fondo simplemente consolidaba o sistema capitalista baixo outra carauta máis amable. É ese sistema, socialmente insolidario, economicamente inxusto e ambientalmente insustentábel o que combatiu Moncho desde moi novo. Nese traballo de concienciar á clase traballadora galega de que en Galiza a liberación de clase pasa necesariamente pola liberación nacional, que a construcción dun outro sistena económico solidario, xusto e sustentábel pasa pola independencia do noso país é no que se atopaba Moncho.

O rexime capitalista non vale, nin valeu, nin valerá para a maioría social, para a clase traballadora xa que para que exista capitalismo ten que haber escravos, canto máis se concentre o capital en cada vez menos mans, máis miseria para as maiorías. É preciso identificar con claridade ao inimigo se queremos ser quen de dar unha resposta acaída e ese inimigo non é outro que o capital, xa sexa en forma conservadora ou socialdemócrata. Non pode ser, desde logo, a alternativa neste pais.

É o compromiso os 365 dias do ano a auténtica homenaxe a Moncho. Seguir o seu compromiso ético, até o punto de dar a súa vida pola dos seus compañeiros. Continuar a organizar con paixón todos os ámbitos do nacionalismo reforzando así as estruturas políticas, sindicais, estudantís, ecoloxistas, etc das que nos dotamos nun momento especialmente perigoso onde se tende a deslexitimar ou incluso denunciar as trabas que supostamente supoñen as organizacións para a democracia espontanea pero, que sería do pobo galego e da teoría e practica do movemento popular sen elas? Estruturas propias e autoorganizadas, galegas e populares, rexeitando os intentos de satelización das mesmas pola esquerda española, como tamén aconteceu naquela altura.

Moncho Reboiras é o patriotismo, o compromiso co país e coa clase traballadora, é a loita por unha Galiza soberana e con xustiza social ou, o que é o mesmo, unha Galiza independente e socialista no camiño ao comunismo. Desde Isca! animamos a toda a mocidade que quixer a asistir á homenaxe que o Movemento Galego ao Socialismo organiza, máis un ano, no cemiterio de Imo. Iniciarase ás 13h onde terá lugar o acto político con diversas intervencións e unha ofrenda floral, posteriormente haberá un xantar popular amenizado con música tradicional nun área de lecer próxima, coas intervencións de:

Bieito Pérez, responsábel local do BNG de Dodro.
Xesús Chaves, membro da asociación Memoria Histórica do 72
Noa Presas en nome da Mesa Nacional de Isca!
Anxo Noceda, secretario comarcal da CIG de Compostela.
.

O que eles non puideron,
nin poderán endexamais
é arrincar/esmagar a
semente que deixache
esparexida no corazón
do pobo

Manuel María


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.