1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

110814 mrGaliza - Diário Liberdade - Reproduzimos os textos e comunicados emitidos por diferentes organizaçons políticas galegas com motivo do 12 de agosto, em que cada ano se homenageia a memória de Moncho Reboiras.


UPG

O 12 de agosto de cada ano a Unión do Povo Galego (UPG) conmemora o aniversario do asasinato en 1975 do seu militante Xosé Ramón Reboiras Noia por disparos da policía española nun portal da Rúa da Terra, en Ferrol.

A encarnizada persecución a que foron sometidos os militantes da UPG e o asasinato do seu dirixente, Moncho Reboiras, teñen causa na firmeza con que afrontaron a loita por unha Galiza soberana e socialista e, particularmente, no empeño permanente por dotar o povo galego de forzas propias en todos os ámbitos, sen dependencias alleas, como a única maneira de garantir ás clases traballadoras da Galiza un futuro que o estado español e os intereses dos seus poderes económico-políticos lle negaban e lle continúan a negar.

Tiña 25 anos cando a vida lle foi arrebatada polo terror fascista, mais desde os 19 anos en que ingresou no Partido desenvolveu un labor esencial na loita política, no combate ideolóxico, na axitación e, especialmente na autoorganización do povo galego: no campo cultural, participando activamente e impulsando a fundación da Frente Cultural Galega, no seu papel na fundación da Asociación Cultural O Castro e da revista Des.parafuso, así como na actividade na Asociación Cultural de Vigo. Operario nos estaleiros de Barreras, en Cerámicas Álvarez, máis tarde en Astano e despois en Intelsa, na Coruña, foi peza fundamental na constitución do Sindicato Obreiro Galego, antecedente do hoxe vizoso sindicalismo nacionalista de clase. Organizador das primeiras células de ERGA nos centros de ensino da Coruña. Membro do Comité Central e do Comité Executivo da UPG, naquel momento clandestina, para a que traballou incasabelmente co obxectivo de a dotar de medios e infraestruturas que permitisen máis capacidade na loita política por un futuro de liberdade e soberanía para a nosa Patria.

Hoxe, cando o Partido ao que Reboiras entregou xenerosamente o seu firme e activo compromiso militante acaba de facer 50 anos de loita ininterrompida ao servizo do Povo e da Patria, recollemos o exemplo do compañeiro Moncho e proclamamos a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza, á que o noso camarada entregou a súa vida. Ao tempo, tiramos tamén a ensinanza fundamental do seu labor militante: é a organización do noso povo o labor máis importante que temos por diante. É precisamente a auto-organización do povo galego o que máis combate e o que máis teme o noso inimigo, precisamente porque é a ferramenta básica para podermos enfrontar con decisión o camiño da nosa liberdade. Gran lección que non teremos que esquecer nunca. 


NÓS-Unidade Popular

Mais um ano, como vem fazendo ininterruptamente desde o ano 2001, a Assembleia Comarcal de NÓS-Unidade Popular em Trasancos convoca para a próxima terça-feira, 12 de agosto, um ato político para reivindicar a figura e trajetória combatente de José Ramom Reboiras Noia, militante comunista e independentista galego, morto a tiros pola polícia espanhola em 1975.

Sob a legenda "Moncho Reboiras, semente da República Galega" a iniciativa consistirá numha concentraçom perante o prédio da cêntrica rua da Terra onde Reboiras foi abatido há 39 anos.

No ato contaremos com a intervençom de Eva Cortinhas, porta-voz nacional de BRIGA e de Maurício Castro, membro da Assembleia Comarcal de Trasancos e da Direçom Nacional de NÓS-UP. Além das intervençons políticas haverá a já tradicional oferta floral e música.

Com esta homenagem a esquerda independentista e socialista, representada por NÓS-Unidade Popular quer lembrar o exemplo de entrega do jovem revolucionário assassinado em Ferrol. Militante entregado à construçom do sindicalismo nacional e de classe e à organizaçom da Frente Armada da UPG.

NÓS-Unidade Popular assume como próprios os objetivos estratégicos polos que Reboiras deu a sua vida: a construçom da República Socialista da Galiza. 


MGS

O Movemento Galego ao Socialismo organiza por quinto ano consecutivo un acto de homenaxe a Moncho Reboiras, no día no que caía abatido por disparos da policía franquista na ferrolá Rúa da Terra. O MGS, organización integrada no BNG, celebra o evento no cemiterio de San Xoán de Laiño, en Imo, no Concello de Dodro, onde repousan os restos do militante revolucionario, na vila na que nacera en 1950.

Reboiras representa para o MGS un militante exemplar, que realizou inmensas achegas á organización do nacionalismo no ocaso do franquismo, asentando as bases da organización política, do sindicalismo nacionalista e do asociacionismo cultural. Era unha época na que unha nova xeración se incorporaba ao soberanismo e ao comunismo, asumindo inmensas responsabilidades, que implicaban a construción dun amplo movemento social e político, coas dificultades propias da clandestinidade. Todas as formas de loita requerían do compromiso dunha xeración que tería que formarse apresuradamente en todos os campos e que manifestaría a súa coherencia ata as últimas consecuencias.

Na noite do 11 de agosto de 1975, a Brigada Político Social (BPS) acordoaba o edificio de Ferrol onde Reboiras, daquela un mozo de apenas 25 anos, pernoctaba con dous militantes máis, que fuxirían grazas á súa intervención, ao centrar a intervención policial. Moncho Reboiras sería acribillado a tiros (algún deles na caluga) nun portal da Rúa da Terra, no que constitúe un dos últimos asasinatos de Estado do franquismo. Tras a súa morte desencaderíase unha nova vaga represiva que non impediría a progresiva consolidación do soberanismo galego, que pronto tería que adaptarse ao contexto político da Transición.

O MGS afirma que a mellor homenaxe que podemos render é continúar a traballar na organización do nacionalismo revolucionario para acadar os nosos obxectivos. No acto deste ano intervirán compañeiras e compañeiros de ámbitos diversos, mais caracterizadas polo seu compromiso co afortalamento das estruturas políticas e sindicais que encarnan un verdadeiro proxecto de transformación e liberación no noso país. Así, contamos con Bieito Pérez, responsábel local do Bloque Nacionalista Galego de Dodro, con Noa Presas, membro da Mesa Nacional da organización xuvenil Isca!, con Xesús Chavez, protagonista directo dos importantes acontecementos obreiros do 72 en Vigo e membro da Asociación Memoria Histórica do 72, e co compañeiro Anxo Noceda, secretario comarcal da Confederación Intersindical Galega en Compostela.

O acto é aberto a todas as persoas interesadas e a continuación celebrarase un xantar de convivio entre as persoas asistentes, nunha zona recreativa moi próxima.


Causa Galiza

Fôrom precisamente estas qualidades extraordinárias, a sua generosa posta a disposiçom do processo de liberaçom nacional e a claridade ideológica do dirigente independentista galego na construçom dumha estratégia integral de confrontamento com Espanha, as que possibilitárom, sob a clandestinidade e num cenário social inicialmente a ermo, sentar as bases para o veloz desenvolvimento da consciência nacional galega e a auto-organizaçom popular nos anos posteriores.

O assassinato de Reboiras foi pois –como certificam recentes investigaçons- umha operaçom policial planificada para a sua eliminaçom física, seguindo a constante do regime espanhol desde 1936 consistente em aniquilar toda modalidade de oposiçom real. Logo, a repressom contra a UPG, detençons, torturas, cárcere, exílio e, também, sobretodo, o espertar à luita dumha nova geraçom de galegas e galegos iluminada polo exemplo limpo de Moncho Reboiras e a certeza de que o dirigente assassinado era "semente de vencer".

Exemplos e contradiçons

Seria um exercício fútil de prospectiva definir como evoluiria o projeto nacionalista após 1975 se um dirigente essencial como Reboiras seguisse pilotando a sua construçom. Contodo, é umha certeza absoluta que Rianxo albiscava um projeto de liberaçom nacional que conciliava todos os métodos de luita, rechaçava o gradualismo autonómico e perspetivava o conflito poliédrico com Espanha como via para a resoluçom da nossa questom nacional.
Em anos posteriores à sua execuçom, seguindo a prática comum de ocultar ou marginalizar aspectos da sua vida e obra incómodos para a historiografia nacionalista oficial, tratou-se de utilizar a figura de Reboiras para legitimar tácticas contraditórias como a reivindicaçom do Estatuto de Naçom, a Declaraçom de Barcelona ou o Estado (espanhol) plurinacional, assim como umha estratégia geral alonjada da política de rutura com o Estado espanhol.

Reboiras vive

"Nom é tempo de sermos timoratos", anunciava em 2012 um destacado dirigente nacionalista numha declaraçom nom isenta de certa auto-denúncia velada durante a homenagem a Moncho Reboiras. Realmente, nunca é tempo para timoratismos numha naçom que avança na recta final da sua destruiçom. A mesma determinaçom e coragem que todas as patriotas galegas e galegos identificamos em Reboiras nas circunstáncias adversas em que combateu som agora imprescindíveis para viabilizar o nosso projeto nacional.

Hoje, a melhor maneira de homenagear para além do formalismo e a retórica esvaziada de factos a trajectória de Moncho Reboiras é contribuir para desenvolver o conflito com Espanha para a nossa liberaçom nacional e social, construir um projeto político independentista e ruturista e afortalar a unidade de açom pola rutura democrática e a independência nacional com os sectores sociais e políticos dispostos a avançar nesta direçom.

MONCHO REBOIRAS, A LUITA CONTINUA!
DENANTES MORTOS QUE ESCRAVOS!
VIVA GALIZA CEIVE!


FPG

Este ano, a Frente Popular Galega e a organización da mocidade comunista XEIRA, celebraremos un acto popular de lembranza e homenaxe dunha figura central da nosa historia recente e imprescindíbel para entender o momento histórico en que vivimos. Na súa persoa conflúen o mellor da loita de emancipación social das clases traballadoras coa necesaria reivindicación dos dereitos colectivos e a defensa cultural e identitaria do noso pobo, ambos piares basilares sobre os que se asenta a democratización radical da nosa sociedade.

A través da lembranza de Moncho Reboiras queremos humildemente manter acesa a chama da súa memoria e traela ao presente para contrastar o compromiso do camarada de Imo, asasinado en Ferrol e vencellado estreitamente co barrio vigués de Teis, coas loitas sociais e nacionais que, como activistas e militantes, nos moven hoxe en día.

Convocamos, polo tanto, unha homenaxe popular que o vindeiro xoves 14 de agosto ás 20 horas faremos na praza do mercado de Teis na memoria de Moncho Reboiras. Na homenaxe, presentada por unha militante de Xeira veciña de Teis, intervirán o camarada da FPG Xosé Luís Méndez Ferrín e os respectivos secretarios de zona de Xeira e da FPG.

Porque canda a Moncho Reboiras, en 2014, e canda a todas as persoas que deixaron o mellor da súa vida no combate contra o fascismo e por unha Galiza Ceibe, a loita continúa!


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.