Guilherme Álvares Vasques nasceu em Picinha, na Póvoa do Brolhom, há 93 anos. A súa vida está ligada ao traballo da madeira. Inicialmente como aprendiz nunha fábrica de caixons, con posterioridade na RENFE onde operou desde 1943 como carpinteiro desenvolvendo labores de reparación das xanelas e bancos, como recolleu Pablo Quintana na obra Amadeo Goyanes e as sanfoneiras de Monforte publicado pola Central Folque na colección Chave Mestra.
Como operario do ferrocarril Guillermo Álvarez foi destinado a Madrid onde pediu a asignación da quenda de noite para acudir, polo día, aos obradoiros de guitarreiros que alí había.
O Crego quería aprender deles, solicitou acudir como observador mais tamén como aprendiz. Asín coñeceu o prestixioso luthier Modesto Borreguero con quen coñeceu "como debían ser os cortes, as técnicas do curvado, a construcción das caixas, as colacións".
En 1946 volta à Galiza e funda un pequeno obradoiro onde comeza a facer instrumentos de cordas; bandurrias, laúdes, guitarras e mandolinas. Polo seu traballo recebeu en 1973 o título de Artesao Exemplar.
Nese tempo coñeceu Amadeu Goyanes quen se achegou a Guilherme Álvares para lle facer unha encomenda e proporlle un proxecto, facer unha sanfona apartir dos apontamentos que o proprio Goyanes tirara de Faustino Santalices, un dos máis importantes investigadores galegos sobre este instrumento.
Coas mans do Crego fóronlle dando forma à sanfona que con posterioridade usaría Antón Seoane no primeiro disco de Emílio Cao, Fonte do Araño (Zafiro-Novola, 1977) e Milladoiro (Novola, 1977).
A Associaçom de Gaiteiros Galegos quer homenaxear Guilherme Álvares e que o seu nome se lembre, din, por toda unha vida dedicada à construción de instrumentos musicais. Na atualidade o seu fillo, José Álvares, continúa co legado familiar.