1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

300615 emgalegoGaliza - CIG - Iniciativa promovida pola Irmandade Xurídica Galega (IXUGA).


O Salón Nobre do Pazo de Fonseca acolleu este sábado a sinatura da Declaración sobre a Promoción da Lingua Galega nas Relacións Xurídicas, que foi asinada pola CIG, CCOO, UGT, CUT, USO, Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e a propia Irmandade Xurídica Galega, promotora da mesma.

Por medio da sinatura da Declaración, os sindicatos comparecentes comprometéronse “a apoiaren un proceso continuado de uso da lingua galega no seo das relacións laborais, dos procedementos administrativos e dos procesos xurisdicionais, así como no resto das relacións xurídicas que interveñan”.

Xunto a isto, a Declaración recolle o compromiso dos servizos xurídicos e administrativos dos sindicatos de coidar que nos procedementos, procesos, documentos e relacións nos que interveñan se respecten escrupulosamente os dereitos lingüísticos dos cidadáns que interveñan como outorgantes, partes, testemuñas ou peritos.

Tamén se comprometen a procurar que os seus representantes legais e os avogados, graduados sociais e procuradores se expresen nesas relacións, como regra xeral, en galego e a solicitar que as resolucións e documentos correspondentes se elaboren na nosa lingua.

Pártese de que a incorporación do galego ao seo dos procedementos administrativos, procesos xudiciais e documentos xurídicos esixe a colaboración dos órganos competentes en materia de selección e formación do persoal, organización e dotación de medios materiais por unha banda,e por outra, dos órganos competentes en materia de normalización lingüística.

Por iso, na propia Declaración as organizacións sindicais requiren “do Ministerio de Xustiza, Consello Xeral do Poder Xudicial, Presidencia da Xunta de Galiza, consellaría de Presidencia, Reitorado e Facultades de Dereito das universidades de Galiza que, no marco das súas respectivas competencias, adopten as medidas concretas e inmediatas que aseguren a progresiva capacitación no uso da lingua galega dos diferentes operadores xurídicos”.

Consideran ademais que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza debería xogar un papel, exemplar neste proceso, por iso acordaron dirixirse ao seu Presidente para que “coide de que ese órgano xurisdicional cumpra esa responsabilidade histórica que lle compete e transmita a todos os seus maxistrados, fiscais, secretario e funcionarios a inquedanza das entidades subscribintes polo retraso no proceso normalizador do galego no ámbito da xustiza”.

Do mesmo xeito faise un chamamento aos colexios de Avogados, Procuradores, Notarios e Rexistradores para que se sumen aos obxectivos definidos na Declaración.

Lingua oficial

Na Declaración sublíñase que o galego, tal e como figura no noso Estatuto de Autonomía, “´é lingua oficial do noso país” e lémbrase que a Lei de Normalización Lingüística e o artigo 231 da Lei Orgánica do Poder Xudicial estabelecen as características básicas do proceso para a recuperación do uso da nosa lingua. Entre outras:

“a) As actuacións xudiciais en Galiza serán válidas e producirán os seus efectos calquera que sexa a lingua oficial empregada.

b) Os xuíces, fiscais e funcionarios de xulgados e tribunais poden usar o galego en forma oral ou escrita se ningunha parte se opón, alegando descoñecemento que lle poida causar indefensión.

c) Os avogados, procuradores, litigantes, testemuñas e peritos poden usar o galego verbalmente ou por escrito nas actuacións perante os xulgados e tribunais, sen ningunha limitación.

d) As actuacións xudiciais en galego serán obxecto de tradución ao castelán pola propia administración de xustiza, unicamente por mandado do xuíz ou a requirimento da parte que alegue indefensión ou cando deban producirse os seus efectos fóra do territorio da nosa comunidade autónoma.

e) nas actuacións orais en galego, o xuíz ou tribunal poderá pór como intérprete, se for preciso, a calquera persoa coñecedora do galego, previo xuramento ou promesa.

Terceiro.- Agora ben, como a propia Lei de Normalización lingüística recoñece, o devir histórico do noso país e o dilatado período de tempo ao longo do que o galego se viu arredado do mundo do dereito e das relacións xurídicas en xeral e das actuacións xurisdicionais en particular, require unha especial atención por parte das organizacións sociais e dos profesionais que pola natureza singular das súas actividades se ven especialmente involucrados ou xogan un papel singular na elaboración de documentos xurídicos ou no desenvolvemento de procedementos administrativos e procesos xurisdicionais para acadar a real e efectiva igualade dos galego-falantes nesas relacións sociais.

Ese esforzo é debido non soamente a razóns de índole ética ou por referencia aos valores superiores que sustentan a sociedade democrática, senón porque o artigo 9 da Constitución impón a obrigación de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade dos individuos e dos grupos nos que se integran sexan reais e efectivas e de librar os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude.

Cuarto.- Esa especial atención da que vimos falando é necesaria para superar os prexuízos lingüísticos existentes en contra do galego pola situación diglósica que citamos e, por outra banda, tamén é necesaria porque a normalización do galego nas relacións xur´ñidicas e procesuais require unhas tarefas de carácter técnico que ata o presente non foron acometidas adecuadamente polo goberno central nin pola Xunta de Galiza.

En consecuencia, sabedores de que unha xustiza democrática no noso país exixe a progresiva incorporación da lingua galega ao quefacer diario das administracións públicas, e dos xulgados e tribunais, así como do resto dos operadores xurídicos, de xeito que os cidadáns galego-falantes poidan acceder na súa propia lingua aos órganos administrativos e do poder xudicial, aos rexistros e ás notarías, así como aos servizos das asesorías xurídicas e avogados, os sindicatos comparecentes, no ánimo de contribuíren a esa normalización, asinan a presente declaración pública”.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.