Somos conscientes de que o contexto histórico que nos tocou vivir, coa sempre presente escusa da crise económica, fai cada vez máis difícil a loita estudantil, e rachar co que nos é imposto parece cada vez máis complicado, pero é iso tamén o que nos fai crer firmemente en que pasarmos horas debatindo e construíndo non é unha perda de tempo. Estamos convencidas de que o estudantado organizado é un motor de cambio. Sabemos que o ensino é a nosa mellor arma para combater as desigualdades que vivimos día a día; mais non calquera ensino: estamos en contra dun ensino que cada vez nos custa máis pagar ás clases populares e que, polo tanto, nos exclúe deste, cunha calidade cada vez menor. Por iso reivindicamos un ensino público e gratuíto.
Queremos un ensino antipatriarcal que nos eduque en igualdade, que sirva de motor para unha mudanza de valores que axuden a extinguir a opresión. Rexeitando leis que fomenten o adoutrinamento patriarcal, o sexismo e a invisibilización das mulleres ao longo da historia.
Fronte o avance do españolismo, queremos un ensino galego. O noso idioma está en perigo, tanto no ensino como na sociedade, e nós, como estudantes galegas, reivindicamos un ensino monolingüe, no que se nos ensine a nosa historia e non se perda o noso pasado colectivo. Porque a lingua vai da man da nosa cultura e identidade, e o retroceso desta supón a perda dunha parte de nós.
Opoñémonos á estratexia universitaria 2015, ao decreto "3+2", ao conxelamento de taxas e recurte das bolsas, á precariedade e recurte de recursos nos centros de ensino. Rexeitamos todas estas medidas que só se axustan á demanda do capital, que privatizan e elitizan o ensino, facendo del un negocio. Estudar torna cada vez máis custoso; xa non interesa formar persoas críticas, senón man de obra barata para traballos cada vez máis precarios.
Esiximos o cese inmediato ao maltrato ás artes e humanidades, que parecen non ter cabida nun sistema que rexeita as habilidades creativas, que renega dos suxeitos con capacidade para cuestionar o presente. Mencionamos concretamente o caso da cidade de Pontevedra, o da Escola Superior de Conservación e Restauración, que sofre unha falta de homologación dos estudos e da profesión dado por non otorgarlle o título de grao universitario, ficando nun limbo que o único que dá son problemas a todo o entorno da CR.
Queremos unha universidade única galega, queremos un ensino ao servizo do pobo é para o pobo.