1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

180515 lnguaGaliza - Isca! - [Beatriz Fariñas] A última enquisa publicada polo Instituto Galego de Estatística, a finais de 2014, amosa uns datos verdadeiramente preocupantes para o futuro da nosa lingua propia.


A tendencia decrecente de falantes habituais de lingua galega non só se mantén, senón que se acelera en practicamente todos os grupos e ámbitos, de xeito especialmente alarmante entre a mocidade.

Na actualidade, case o 75 % das rapazas e rapaces de entre 5 e 14 anos son castelanfalantes, once puntos mais á que hai cinco anos e quince puntos mais que hai unha década. Só un 15 % das rapazas e rapaces que se atopan nesta faixa de idade son galegofalantes habituais, cun retroceso de once puntos durante os últimos cinco anos. as mozas e mozos de 15 a 29 anos, a porcentaxe de castelanfalantes supera xa o 63 %, aumentando en seis puntos con respecto aos datos de hai un lustro.

Darlle a volta a estas cifras semella complicado se se ten en conta que, das nenas e nenos de entre 5 e 14 anos, só o 18 % aprenderon a falar en galego —catorce puntos menos que hai unha década— fronte ao máis do 45 % de crianzas que aprenderon a falar en castelán; e só se fala galego no 27 % dos fogares das crianzas nesa faixa de idade, cun descenso de máis de 17 puntos na última década, fronte ao 60 % de fogares castelanfalantes.

Como amosan os datos, cada vez somos menos as galegas que resistimos no uso da lingua propia, xa que na meirande parte dos ámbitos da nosa sociedade actual, ser galegofalante é un acto de resistencia e vivir plenamente o día a día na nosa lingua é practicamente unha utopía. Ser atendida no médico, nunha administración ou nunha cafetaría, ler un xornal, ver un filme no cinema... conseguir facer en galego as actividades do cotián é cada vez máis complicado.

Toda esta situación é o resultado de anos de incumprimentos e ataques ao galego por parte do goberno do Partido Popular, que, no canto de defender e protexer a nosa lingua tal e como é a súa obriga política e legal, leva aplicando durante os últimos anos uns recortes cada vez maiores escudándose no discurso da situación de crise económica.

No tocante a axudas e investimentos na promoción da nosa lingua e cultura, por exemplo, os fondos destinados á promoción da lingua galega para o ano 2015 supoñen un 70 % menos que os correspondentes ao ano 2008, e os fondos destinados ao fomento da lingua galega na escola descenderon un 62,5 % nos últimos catro anos. As axudas destinadas aos equipos de normalización lingüística nos centros de ensino público reducíronse en medio millón de euros dende hai catro anos, o que supón un descenso de máis da metade, xa que na actualidade sitúanse nos 300 000 €.

Mais é sabido que non é só unha cuestión de cartos. As políticas lingüicidas do Partido Popular son a consecuencia da aposta política de quen non cre no galego como lingua de noso, na súa potencialidade nin no seu valor cultural e identitario. Son ataques, tanto directos como indirectos, da ideoloxía españolista máis rancia que ten como único obxectivo converter o galego nunha lingua morta.

Un dos ámbitos máis afectados por estes ataques é o ensino, onde o galego se viu fondamente recortado coa aprobación do decreto 79/2010, o malchamado «decreto do plurilingüismo», unha ferramenta homoxeneizadora que, ademais de subordinar a nosa lingua ao castelán, engade e sitúa o inglés ao mesmo nivel para camuflar as súas intencións coa demagoxia do pseudoplurilingüismo. Deste xeito, o galego convive nun marco xurídico desfavorábel fronte á lingua castelá: os datos de coñecemento do galego entre a mocidade, onde case o 16 % das persoas menores de 30 anos afirma que non sabe falar en galego ou que o fala moi pouco, o que supón un incremento dun 50 % dende 2003; mostran a eficiencia españolizadora do ensino, e que o camiño a seguir para restaurar a língua é xustamente o contrario.

A sociedade galega contestou a estas políticas coas maiores manifestacións en defensa do galego da nosa historia, mais o Partido Popular fixo caso omiso e preferiu sacar adiante este decreto malia ter todas as forzas políticas en contra.

Outro brutal ataque á lingua no ensino deuse a través da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa, que, ademais de desmantelar o ensino público de calidade e fortalecer o modelo neoliberal do Partido Popular, é un ataque á realidade cultural e lingüística do noso país, posto que o horario obrigatorio da materia de lingua e literatura galega pasa a ser simplemente dunha hora semanal e non é preciso examinarse dela para obter o certificado da ESO. Ademais, limítase a docencia de aulas en galego, polo que impide un modelo de inmersión lingüística, fundamental para a normalización das linguas minorizadas.

Hoxe en día e desgrazadamente, a escola é ainda así para moitas crianzas a primeira vía de contacto coa lingua galega. Con estas políticas españolizadoras, o ensino, ámbito fundamental de normalización e formación na nosa lingua propia para nenas e mozas, atópase nunha situación moi desfavorábel que, de non mudar, manterá e acelerará a perda de falantes e na diminución do coñecemento do galego ata dar coa desaparición total da nosa lingua.

Ante esta desacougante situación, ás galegas só nos queda loitar e construír. Loitar para combater as agresións e recortes de dereitos lingüísticos, polo cumprimento das lexislacións lingüísticas favorábeis á língua e a mudanza das que o atacan. Igualmente precisamos a posta en marcha de medidas contundentes e amplas que favorezan o idioma para superar a situación de subordinación en que se atopa, non só no ámbito do ensino mais tamén no ámbito do ocio (música, cinema, as novas tecnoloxías...) e a vida social da mocidade, aumentando a súa presenza nestes e aproveitando as oportunidades que dá a lusofonía, até conseguir a resolución deste conflito lingüístico e acadar a hexemonía social da lingua galega.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.