Nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polo gaiteiro Óscar Ibáñez, que se encargou de tocar o instrumento, Luis Rodríguez explicou que a idea se lle ocorreu despois de reflexionar sobre "a necesidade" de moitos grupos e gaiteiros de poder experimentar con diferentes tonalidades sen necesidade de cambiar de instrumento.
Ata a data o músico debía de dispoñer de varias gaitas se quería tocalas en diferentes tonalidades, ou usar adaptadores ou mediante o cambio dos denominados 'pallóns', pero con este bordón multiton patentado pódese conseguir só cambiando de punteiro --bastón onde se toca a melodía cos dedos-- e dar lugar a "unha ampla gama" de tons, segundo explicou Luis Rodríguez.
Pola súa banda, Óscar Ibáñez remarcou os "beneficios económicos" que ten este invento xa que permite cambiar de tons sen ter que cambiar de gaita, de forma que facilita o transporte aos gaiteiros que vaian de viaxe ao poder levar só un instrumento, mentres que fai que, por exemplo, aqueles que se están a iniciar poidan practicar en varias tonalidades sen a obriga de comprar varios instrumentos.
Aínda que recoñece que talvez se sacrifique" un pouco a calidade do timbre, Ibáñez observa diversas vantaxes artísticas no bordón multiton, que permite alcanzar varios tons no mesmo concerto simplemente cambiando o punteiro, o que resulta sinxelo e fai que non se perda case tempo para aqueles que están familiarizados co instrumento.