A Fiscalía da área de Vigo ven de admitir a trámite a denuncia interposta pola Asemblea Aberta de Coia contra o Concello de Vigo e a empresa Civis Global s.l. pola ubicación do pesqueiro "Bernardo Alfageme" na rotonda de Avda. Castelao.
A Fiscalía abriu dilixencias de investigación penal por posibles delitos de prevaricación, cohecho, tráfico de influencias e malversación de fondos públicos. Dentro destas dilixencias xa se libraron as primeiras citacións para tomar declaracións a finais do mes de xaneiro.
A denuncia presentada pola asemblea veciñal insiste no incumprimento do Concello de Vigo do procedementos e trámites legais esixidos ante unha obra destas características. Non existe información económica nin se ten aberto procedemento de adxudicación. Ademais incúmprense as condicións da cesión da titularidade do barco, que sempre foron as de adicalo a fins culturais e didácticos.
Lembramos que a denuncia pedía á Fiscalía que tomase declaración ao alcalde da cidade, Abel Caballero, ao Concelleiro da área de fomento, David Regades, e mailos representantes legais da empresa "Civis Global S.L."