Galiza ten 45 partidos xudiciais, 9 en Ourense, distribuídos por todo o territorio e que achegan xeograficamente o dereito á xustiza ao meirande da poboación. Aínda que no caso dalgúns concellos ese achegamento podería mellorar, a intención do Goberno de Madrid é empeoralo, xa que ten planificado suprimir tódolos partidos xudiciais e reducilos a 4 de ámbito provincial. Esta reforma no medio rural suporá un enorme obstáculo para o acceso das persoas á xustiza ao ter que desprazarse para calquera xestión até a capital da provincia onde viven. A isto habería que engadir outras medidas do Ministerio dirixido por Alberto Ruíz Gallardón para facer máis inaccesible a Xustiza para o meirande da xente: o incremento das taxas xudiciais, ou reformas da administración de grande impacto para as persoas que vivimos no medio rural, como a privatización dos rexistros civís, cuxas xestións terán que facerse a partir de agora nos rexistros da propiedade, ou a eliminación dos xulgados de paz.
Diante disto, o SLG quere expresar o seu apoio a todas aquelas iniciativas cidadás que xurdan no país para defender os partidos xudiciais por entender que, coma sempre, será a poboación do rural a máis prexudicada. Neste senso, o SLG participou na manifestación do pasado xoves, 10 de xullo, en defensa do partido xudicial de Xinzo; e quere apoiar as críticas xurdidas dende a Plataforma contra os alcaldes populares da bisbarra que non acudiron a esta mobilización para defender uns intereses que nos incumben a todos e a todas por riba de diferenzas políticas e ideolóxicas.