Imagem de vídeo de SOLIDARIEDADEOBREIRA (Licença padrom do YouTube).
O seu contrato, de media xornada, foi asinado no mes de marzo do pasado ano cunha duración de 3 meses. Posteriormente, foille renovado por 9 meses máis, o que fai presupoñer a CNT que "o traballo realizado non era malo".
Mais, como tantas outras veces no eido laboral, "non todo era correcto na relación da empresa coa traballadora, incumprindo de xeito sistemático as obrigas tanto con ela como co resto da sociedade, xa que a compañeira (contratada, como xa dixemos, cun contrato de media xornada) tiña que traballar a xornada completa, e mesmo non lle eran respectados os descansos entre xornada nin os semanais".
Este fraude cometido pola empresa, segundo a CNT, supón un prexuízo para a traballadora, xa que nos cómputos que se fagan a efectos de baixas, desemprego, xubilación, incapacidades... e mesmo para a indemnización por despedimento non terá en conta o tempo realmente traballado pola compañeira, senón esa teórica media xornada que permitiría á empresa aforrarse de xeito ilegal cotizacións á Seguridade Social. Este “aforro” redundaría tamén negativamente no conxunto da sociedade, xa que subtrairía cartos que debían dedicarse ás prestacións ás que todas temos dereito (sanitarias, pensións, subsidios...).
A traballadora, "despois de 8 meses traballando nestas abusivas condicións", solicitou verbalmente da empresa ser contratada a xornada completa, consoante o horario traballado. "Tras a negativa por parte da empresa, que preferiu seguir reducindo custes de xeito irregular", a compañeira decidiu traballar soamente a media xornada pola que estaba contratada. Isto provocou o seu despedimento, comunicándolle verbalmente a empresa que "é que necesitaba alguén que traballase a xornada completa (é dicir, o que ela pedira)" e alegando como causa do despedimento redución de persoal, "cando contratou inmediatamente outra persoa para ocupar o posto deixado pola nosa compañeira". Consecuentemente coa traxectoria empresarial, esta persoa foi tamén contratada a media xornada.
O Sindicato de Oficios Varios da Confederación Nacional do Traballo de Ferrol esixe das Administracións Públicas que cumpran as súas obrigas cunha inspección de traballo efectiva que poña freo a estas situacións de fraude e abuso laboral; esixen da empresa que recalcule as cantidades tanto das cotizacións como da indemnización por despedimento que lle corresponden á compañeira, tendo en conta a xornada completa realmente traballada e non esa ficticia e fraudulenta media xornada; e pede ao conxunto da sociedade que, pola exposición que teñen no seu traballo a abusos empresariais semellantes e que, como prexudicados directos por estes fraudes á mesma Seguridade Social que despois non ten cartos para nada que teña que ver cos nosos dereitos (tan duramente gañados e tan frecuente e alegremente entregados) que no momento de consumir sexan conscientes e non o fagan onde os dereitos laborais e sociais da clase traballadora non sexan respectados.