Foto de Javier (CC by-nc-nd/2.0/) - Um bombeiro em Paços de Borbém.
Dende o ano 2008 en España recoñécese aos bombeiros o dereito a xubilarse de xeito anticipado (actualmente aos 60 anos). Isto é posible debido a que as aportacións que este colectivo fai á Tesourería Xeral do Estado, son maiores durante o tempo que están a traballar. Así, dalgún xeito, permítese que estes bombeiros desfruten do mesmo tempo de xubilación que o resto de españois. Non se trata dalgo puntual. É o mesmo caso que os mineiros ou os pescadores.
Pero existe unha discriminación dentro do colectivo de bombeiros a nivel estatal. Trátase dos bombeiros que prestan o seu servizo á cidadanía, en centenares de concellos galegos, en centos de estradas, en milleiros de parroquias e lugares. Estes bombeiros están privados do dereito que recoñece a xubilación anticipada a todos os bombeiros que prestan o servizo público de extinción de incendios e salvamento no estado español, polo mero feito de prestar este servizo a través de empresas privadas. Polo feito de que as administracións teñan este servizo baixo a fórmula de xestión indirecta.
Hoxe, luns 11 de xaneiro, a Mesa Intersidical de Bombeiros de Galicia, reuniuse cunha comisión de traballadores do sector, que dende hai xa 4 anos está a analizar todas as propostas legais que merece a situación. A liña de estratexia chegado o punto actual pasa necesariamente por denunciar pola vía xudicial. A reunión tivo por obxecto ultimar o xeito de difusión informativa aos bombeiros de xestión privada de Galicia, co fin de poder coordinar os centos de denuncias que se pretenden presentar nos xulgados.