1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

0be7c08a 1Galiza - Campo Galego - Os produtores que bloquearon a distribución xúntanse este martes en Ordes para analizar as perspectivas que se abren e valorar estratexias. O sector aínda non ten claro en que medida se revalorizará o leite na granxa


Foto do Diário Liberdade - Bloqueio do Centro de Distribuiçom da Dia em Compostela, no mês de setembro.

Logo dos acordos coas cadeas de supermercados, os gandeiros aínda non teñen claro en canto se vai revalorizar o leite no campo. O sector está pendente de novos contactos coas industrias ó longo dos próximos días para coñecer a postura das distintas empresas. Entre tanto, os produtores manterán unha reunión este martes 5 en Ordes para valorar estratexias de presión e para reorganizarse no marco da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo. En Lugo, a mobilización de Agromuralla continúa tras 25 días.

Ó remate do bloqueo do centro loxístico de Dia, o pasado 24 de decembro, os gandeiros quedaron de volver a verse este martes en Ordes coa idea de analizar os próximos pasos a dar. Os produtores gañaron a batalla coas cadeas de supermercados pero son conscientes de que lles queda outra coas industrias que se presume, cando menos, tan complicada como aquela. As empresas recolledoras do leite por agora non moveron ficha, a excepción de Feiraco, que si lle confirmou ás organizacións agrarias que lle subirá o leite en xaneiro ás granxas.

As organizacións do agro agardan novos contactos nos próximos días coas industrias, pero tampouco se quere dilatar a espera. As empresas comezarán a pagar no campo o leite de decembro a partir do día 20 e para entón quérese contar xa con acordos en firme. Ante este escenario, o sector aspira a consensuar estratexias de presión con carácter inmediato.

Plataforma

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, que aglutina a organizacións agrarias, cooperativas e asociacións, confirmouse nos últimos meses como unha ferramenta válida para liderar as accións gandeiras. As organizacións agrarias, lastradas por erros do pasado e pola ofensiva antisindical de Agromuralla, carecen entre os produtores da lexitimidade moral que se lle presupón á Plataforma, que naceu na procura do unión e que se mantén aberta á participación de todos.

Desde as organizacións agrarias, as opinións sobre o sentido que debe tomar a Plataforma son diversas. A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, é partidaria de reforzar o papel da Plataforma como punto de unión do sector e como ferramenta de mobilización: “Estamos nun escenario de máxima dificultade para as granxas, polo que é moi importante a unión, consensuar a estratexia a seguir de xeito democrático e que toda a xente se sinta partícipe” -valora-. “Non é o momento de que ningún colectivo use a Plataforma para facerse visible porque esa actitude pode levar ó desencanto da xente”, advirte.

Vilalba aposta por “darlle forma” á participación dos gandeiros na Plataforma cun sistema claro e transparente. Do mesmo xeito que os gandeiros das comarcas mobilizadas ante a distribución tiveron unha representación directa nas negociacións, o Sindicato Labrego avoga por valorar unha representatividade directa dos produtores na Plataforma. “Chegar a acordos entre todos pode ser difícil de xestionar, pero é un gran reto”, conclúe Isabel Vilalba.

“A cuestión non é tanto reformular a Plataforma como que a xente queira participar e implicarse” (Manuel Iglesias, OPL)

Desde a óptica da Organización de Productores de Leche (OPL), a cuestión non é tanto de reformular a Plataforma como de que a xente queira participar e se implique. “As persoas que estamos na Plataforma xa somos representantes dos produtores”, apunta Manuel Iglesias, presidente da OPL e gandeiro de Santa Comba.

Unións Agrarias, pola súa banda, cuestiona o peso que teñen na Plataforma algunhas organizacións con escasa presencia no sector, como pode ser o caso de Oruga. “Hai organizacións con escasa representatividade no campo que nos condicionan ás demais”, valora o secretario xeral de Unións, Roberto García. “A nosa aposta pasará en breve por territorializar a nosa organización de produtores, Ulega, para impulsar a negociación coas industrias por comarcas. Queremos que a organización de produtores funcione de abaixo a arriba, con participación directa dos produtores”, valora. Ulega, con máis de 2.000 gandeiros, é a maior organización de produtores de España e aglutina a arredor do 25% das granxas galegas.

Agromuralla

Outra cuestión a considerar na Plataforma é a posible entrada de Agromuralla. Desde o sector enténdese que os gandeiros mobilizados en Lugo están agora máis interesados en consolidar a súa asociación e en lograr unha base forte de afiliados que en sumarse á Plataforma, pero a maioría do sector avoga por manter as portas abertas de cara ó futuro.

En decembro pasado, cando se iniciara a tractorada de Lugo, un dos voceiros de Agromuralla, Roberto López, anunciara que as súas perspectivas pasaban por coordinarse coa Plataforma, se ben a posible entrada de Agromuralla na Plataforma non semella próxima. “Convidámolos a entrar dúas veces e as dúas veces dixéronnos que non”, conta Manuel Iglesias, da OPL. “Penso que para arranxar o problema que temos a unión é importante”, valora.

Desde o Sindicato Labrego, Isabel Vilalba ve tamén difícil o achegamento. “Canto máis unidos esteamos, máis forza teremos como sector. É un erro impulsar unha asociación que ten por lema a división do sector, aínda que no nome digan todo o contrario (A unión fai a forza)”, cuestiona. “Quizais pensaron que a solución ó problema do leite era fácil, pero xa estarán vendo que non é cousa sinxela”, conclúe.

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, descarta pola súa parte a participación de Agromuralla na Plataforma. “É unha asociación que se creou cun fin antisindical e co obxectivo de reforzar a estrutura do PP no agro, que quedara tocada pola desaparición de Xóvenes Agricultores. Agora quérese crear unha estrutura cunha asociación, Agromuralla, e cunha organización de produtores ligada a eles impulsada pola Xunta”, critica.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.