1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

011215 semsegGaliza - CIG - [Juan Hernández Zubi] Inditex considera que os nenos e nenas que traballan nos talleres subcontratados non están baixo a súa responsabilidade legal e que non pode controlar a man de obra que emprega en todos os países e ao longo de todas as cadeas de produción


Amancio Ortega é xa o segundo home máis rico do mundo, mentres Pablo Isla é o executivo mellor pagado de todas as empresas españolas e os beneficios de Inditex aumentaron o 26% no primeiro semestre deste ano. Estamos afeitos a ver novas positivas sobre este grupo empresarial -do que forman parte marcas como Zara, Stradivarius, Bershka, Pull & Bear, Massimo Dutti e Oysho- nos grandes medios de comunicación; a última, que o seu presidente e conselleiro delegado acaba de ser nomeado embaixador da marca España porque “representa o dinamismo da empresa española en todo o mundo”.

Mais, do mesmo xeito que para que Isla poida cobrar un soldo máis de 100 veces superior ao do presidente do goberno fai falta que as traballadoras de Inditex gañen un salario medio 366 veces menor que o do máximo directivo da corporación, esta compañía só pode continuar co crecemento sostido das súas ganancias e co conseguinte pagamento de dividendos aos seus accionistas -Ortega controla o 59% do grupo e recibirá máis de 960 millóns este ano por iso- dun xeito: recortando custos laborais mediante a externalización e a deslocalización da súa produción a outros países.

Ehsan Ullah Khan, activista paquistaní contra o traballo forzoso que padecen 400 millóns de nenos e nenas no mundo e fundador do movemento Marcha Global, considera que Zara mantén a milleiros de menores cosendo en industrias que forman parte do complexo tecido de subcontratas que se expanden principalmente por Asia. Pola súa banda, o Centre for Research on Multinational Corporations, unha organización holandesa sen ánimo de lucro que escruta as grandes multinacionais, e a ONG India Committee of the Netherlands denunciaron que os xigantes do téxtil cometen “graves violacións dos dereitos humanos e laborais” cando atraen -mediante enganos e falsas promesas- a decenas de miles de nenas e adolescentes indias a fábricas de roupa onde traballan en “condicións espantosas que equivalen a traballos forzados”. E as denuncias interpostas pola inspección de traballo contra Inditex en Brasil polo uso de talleres con traballo escravo na cadea de produción foron reiteradas nos últimos anos.

Porén, esta gran transnacional do téxtil entende que a responsabilidade é unicamente das empresas provedoras, que subcontratan de forma “non autorizada” a fabricación de pezas de Zara nos talleres onde traballan os menores de idade. E alude ás múltiples inspeccións voluntarias que realiza ao longo da toda cadea de produción en diferentes países. En definitiva, exímese a si mesma de calquera responsabilidade legal respecto diso. Neste contexto, entón, ten Inditex algunha responsabilidade xurídica sobre estes feitos?

As modificacións na división internacional do traballo poñen de manifesto unha realidade que incide directamente nos ordenamentos laborais: as presións nas cadeas de produción que xeran emprego precario. A descentralización e o espallamento produtivo dan lugar a que a actividade empresarial se realice mediante persoal alleo á empresa a través de subcontratacións e traballo autónomo; é dicir, a externalización convértese no elemento central do actual modo de produción. Ademais, a personalidade xurídica das corporacións transnacionais fragméntase en toda unha serie de filiais, provedores, contratistas e subcontratistas, sendo a relación entre elas puramente mercantil, polo menos desde a perspectiva do Dereito formal.

Así, Inditex considera que os nenos e nenas que traballan nos talleres subcontratados non están baixo a súa responsabilidade legal e que non pode controlar a man de obra que emprega en todos os países e ao longo de todas as cadeas de produción. O que si fai Inditex, pola contra, é aproveitarse da externalización de custos que lle permite obter grandes beneficios -mediante o pago de prezos baixos aos provedores e, no seu caso, a contratistas e subcontratistas polos seus produtos ou servizos; iso por non falar das prácticas de elusión fiscal: Inditex dispón de 34 sociedades instrumentais en territorios de nula ou baixa tributación- á marxe das condicións laborais que teñan as traballadoras na cadea de produción.

A libre circulación internacional de mercadorías e capitais, sen dúbida, dificulta identificar os verdadeiros responsábeis das operacións económicas. Por iso, para evitalo, debe facerse responsábeis a todos os actores económicos que se lucren coa actividade mercantil, sexa cal for a fórmula xurídica utilizada pola empresa, incluída a fractura na cadea de produción entre provedoras, contratistas e subcontratistas. Trátase, á fin e ao cabo, de afondar na trazabilidade social do produto, responsabilizando o operador que o poña no mercado -remontando a cadea de produción e distribución-, tal e como fai o Dereito Comunitario Europeo á hora de regular a responsabilidade en materia de produtos defectuosos. Desta forma, Inditex é responsábel de toda a súa cadea de produción, xa que, como afirma o xurista francés Alain Supiot, “o produto permanece cargado do espírito de quen o puxo en circulación e debe seguir respondendo malia os seus cambios de propietario”.

As empresas transnacionais queren que as súas obrigas só se axusten ás lexislacións nacionais -previamente sometidas a políticas neoliberais e reformas estruturais- e á simple responsabilidade social corporativa. Pero as ideas pseudo normativas sobre as que bascula a RSC son a voluntariedade, a unilateralidade, a non esixibilidade e a autorregulación. Por iso é polo que esta non sexa unicamente unha resposta ante as protestas sociais na súa contra e un “lavado de cara” da súa actividade, senón, sobre todo, unha nova forma de configurar as relacións entre as grandes empresas e o conxunto da sociedade no modelo capitalista. Este é o marco das súas “obrigacións”, que se move nos contornos do que noutras ocasións chamamos “a arquitectura xurídica da impunidade”.

Ademais, xunto á voluntariedade e a unilateralidade, hai que ter en conta os distintos mecanismos de verificación e avaliación da “responsabilidade social”. Máis aló da pluralidade de sistemas, da súa burocratización e da súa dubidosa imparcialidade, a súa dimensión máis perversa é a aparencia de lexitimidade que dota as memorias de RSC. Con todo, a realidade é moi diferente: a pluralidade de mecanismos, de sistemas e de índices de avaliación provoca un desconcerto e unha hiperinflación de datos, de información selectiva e unilateral que, lonxe de garantir os contidos das memorias, reforza os equipos de RSC das transnacionais en detrimento de controis dos sindicatos, organizacións e movementos sociais. Se se analizan as memorias anuais de Inditex, de feito, vense reflectidas todas e cada unha das afirmacións descritas; as denuncias por traballo escravo e traballo infantil nunca aparecerán recollidas nestes informes, xa que a responsabilidade será “supostamente” das compañías provedoras, contratistas e subcontratistas, isto é, “doutras empresas”.

É certo, porén, que Inditex asinou o ano pasado un acordo marco global que permite que os sindicatos interveñan en toda a cadea de produción e que implica unha mellora na evolución dos códigos de conduta unilaterais e voluntarios, que son substituídos por mecanismos de interlocución e de participación sindical. Trátase dun acordo que ten forza contractual entre as partes mais non efectos normativos; dito doutro xeito, a presenza sindical é un avance importante aínda que a última palabra segue a tela a empresa.

Ante prácticas tan graves como as expostas, por que non pode demandarse a Inditex nos tribunais españois? E é que, xa sexa por medio da extraterritorialidade ou pola modificación da xurisdición universal, crimes tan graves como o uso do traballo infantil ou o traballo escravo deberían ser denunciados ante estes. Neste contexto, así mesmo, parece necesario un marco normativo internacional -imperativo e con efectos coercitivos- que retire a última palabra ás empresas transnacionais; fundamentalmente, en base a tres ideas centrais:

· As empresas transnacionales son persoas xurídicas e, en tanto tales, suxeitos e obxecto de Dereito, de xeito que o Dereito Internacional dos Dereitos Humanos -incluídos o Dereito Internacional do Traballo e o Dereito Internacional Ambiental- resulta de obrigado cumprimento para elas.

· Os dirixentes das grandes corporacións -tamén os de Inditex- son persoas físicas e as normas xurídicas vixentes son tamén obrigatorias para eles. Nomeadamente en materia civil e penal, as tendencias modernas, que se reflicten nas lexislacións nacionais, recoñecen a responsabilidade das persoas xurídicas, admitíndose a dobre imputación: por unha banda, é imputábel a persoa xurídica -Inditex podería ser excluída de calquera contrato ou subvención pública, así como multada ou, mesmo, disolta-, por outra, as persoas físicas -os dirixentes da transnacional- que tomaron a decisión incriminada.

· As empresas transnacionais teñen unha responsabilidade solidaria coas súas filiais, así como con toda a cadea de provedores, contratistas e subcontratistas, xa que comparten a responsabilidade polas violacións dos dereitos civís, políticos sociais, económicos, culturais e ambientais -ao estaren conectadas mediante as prácticas económicas- coas compañías multinacionais. Esta responsabilidade solidaria é unha cuestión esencial, tendo en conta a práctica habitual das grandes corporacións de externalizar custos, riscos e responsabilidades á vez que obteñen grandes beneficios.

[Artigo tirado do sitio web ‘OMAL’, do 20 de novembro de 2015]


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.