Os tres delegados de persoal da empresa Isolux Naval de Vigo (CIG) manteñen peche indefinido nas oficinas da empresa en protesta polos despedimentos que está a levar a cabo o grupo. Os traballadores/as realizaron tamén unha concentración diante da sede da compañía auxiliar da industria naval e sumaranse ao peche durante a fin de semana.
Segundo explican os representantes dos máis de 80 traballadores/as da empresa que na actualidade realiza traballos para Vulcano e Metalships, a decisión de mobilizarse adoptouse despois de que o xefe de recursos humanos do grupo en Galiza lle presentase a carta de despedimento a un dos administrativos que traballan nas oficinas viguesas, "aínda que nos consta que podería haber outra compañeira afectada máis en Vigo e dúas ou tres persoas máis na Coruña".
A reestruturación da compañía está a motivar despedimentos en todo o Estado español, onde segundo os delegados da CIG hai xa máis de 50 persoas afectadas. O traballador despedido en Vigo participa tamén no peche.
A medida ten como obxectivo rexeitar "o fondo e a forma" da decisión, xa que "ninguén nos comunicou os plan de reestruturación", critican. Deste xeito, continuarán coas concentracións diante da empresa e sumaranse ao peche esta fin de semana. As mobilizacións non están a afectar á actividade da empresa. Finalmente, indicaron que Tamén lle fixeron entrega dun escrito ao representante de Isolux Naval en Galiza para solicitarlle unha xuntanza coa dirección do grupo.