1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

livreGaliza - CIG - A central sindical chama a participar nas concentracións convocadas para o vindeiro martes.


O Grupo Parlamentario Popular levará a debate o vindeiro martes día 14 de abril, no Pleno do Congreso, unha Proposición de Lei Orgánica que suprime o artigo referido á potestade das menores de 16 e 18 anos para decidir interromper o seu embarazo, obrigándoas a ter o consentimento paterno/materno ou do titor/a legal. A CIG chama a participar nos actos e concentracións que con este motivo serán convocadas pola Plataforma Galega polo dereito ao Aborto, da que fai parte a CIG, nas distintas cidades galegas ese mesmo día.
Pancarta Dereito A Decidir

Tras intentar reformar o actual marco lexislativo, primeiro a través dunha reforma integral coa que pretendía mudar o modelo de lei de prazos por unha lei de supostos restritivos -e que lle custou a dimisión a Alberto Ruiz-Gallardón como ministro de Xustiza-, e despois a través dunha lei ordinaria de axuda á familia, finalmente, o 27 de febreiro, presentouse unha proposición de lei orgánica a través do grupo parlamentar popular no Congreso, que só recolle a supresión do apartado 4 do artigo 13. Un punto no que se recoñecía a exclusividade das mozas de prestar o seu consentimento expreso para someterse á interrupción.

Xunto a isto, a proposición modifica o apartado 4 do artigo 9 da Lei reguladora da autonomía d@ doente e de dereitos e obrigas en materia de información e documentación clínica, de xeito que tanto as menores de idade como as mulleres con capacidade modificada xudicialmente terán que manifestar a súa vontade, xunto co consentimento expreso dos seus representantes legais.

Para a secretaria de Muller da CIG, Margarida Corral "o PP axiliza os trámites de informes de distintas institucións, para que poida entrar en vigor canto antes, e contentar así a parte do seu electorado, que o presionaba para que axilizase unha reforma, mentres agardan a que o Tribunal Constitucional falle (ao seu favor) o recurso que presentou o PP hai preto de 5 anos, cando estaba na oposición".

Corral subliña que, ante isto, o feminismo galego seguirá respostando como o vén facendo até o de agora, a esta nova agresión aos dereitos das mulleres, "mobilizándose contra unha reforma electoralista e ideolóxica, por parte de quen ten a responsabilidade de garantir os dereitos á cidadanía, tanto os civís, como os culturais, os sexuais e os reprodutivos, non de restrinxilos". Xunto a isto alerta de que a reforma pode supoñer que as mozas en situacións de vulnerabilidade teñan que optar pola clandestinidade, coas consecuencias que isto pode carrexar para a súa saúde.

Nestes senso, Corral subliña que non deixa de ser curioso que se desposúa ás mozas da capacidade de decidir sobre os seus corpos, que se lles suprima a posibilidade de que poidan prestar o consentimento a que lles practiquen un aborto, cando non o requiren do consentimento de nais e pais para outro tipo de situacións:

• Poden manter relacións sexuais a partires dos 13 anos.

• Teñen responsabilidade penal desde os 14 anos.

• Poden facer testamento desde os 14 anos.

• Poden contraer matrimonio se están emancipadas desde os 14 anos (con dispensa do/a xuíz/a).

• Deciden se queren someterse a operacións cirúrxicas e a tratamentos médicos ou farmacolóxicos agresivos a partires dos 16 anos.

• Poden traballar a partires dos 16 anos.

• Poden mercar fármacos sen receita a partires dos 16 anos (e tamén a pílula poscoital).

Para a Secretaría Confederal das Mulleres da CIG o Partido Popular segue a facer concesións á ultradereita e á xerarquía da igrexa, na contra dos dereitos sociais, sexuais e reprodutivos das mulleres. Fronte a isto Margarida Corral afirma con contundencia que "as mulleres temos dereito a decidir sobre a nosa sexualidade, sobre os nosos corpos, e sobre a nosa maternidade, con independencia de cal sexa a nosa idade".

O aborto: un dereito

Ao tempo, considera que as declaracións de Alfonso Alonso, Ministro de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, nas que este manifestou a posibilidade de achegar emendas á Proposición de Lei, no camiño de modificar a redacción do articulado para deixar claro "que o aborto non é un dereito", constitúen un novo globo sonda, co cal pretenden contentar a esa parte de electorado máis ultraconservador que considera insuficiente o cambio da lei, ante o temor de que o silencio sobre este tema lles supoña unha nova perda de votos nos vindeiros comicios, e mesmo unha crise interna, no caso de que os deputados e deputadas provida rachasen coa disciplina de voto no Pleno.

Cualifica ademais de "hipocrisía electoralista" a "ambigüidade" do presidente da Xunta de Galiza, quen evita pronunciarse sobre o texto, alegando non coñecelo, pese a que é o seu propio Partido quen o presenta ante o Congreso das e dos deputados o pasado 27 de febreiro.

"En Galiza pretenden disfrazar a súa faciana máis conservadora para captar os votos máis moderados, mentres no estado apuran os cambios como mensaxe ao seu eleitorado máis reaccionario", di Margarida Corral.

En todo caso, a secretaria confederal de Muller da CIG aclara que "nin tan sequera no marco actual a interrupción do embarazo é un dereito como tal, cando menos textualmente non fica recollido así, aínda que na práctica o sexa. O que si recoñece é o dereito á maternidade libremente decidida, e o dereito das persoas a adoptar libremente decisións que afecten á súa vida sexual e reprodutiva".

Por iso entende que se está a falar dunha ameaza de reforma mencionada nos medios de comunicación para contentar aos parlamentarios autodenominados co inapropiado nome de "provida", cando o que supón é "un novo intento de utilizar os dereitos das mulleres como peaxe eleitoral. Seguiremos loitando mentras non sexamos quen de acadar o dereito a decidir sobre os nosos corpos".

Mobilizacións o martes 14 de abril

Por iso, a CIG fai un chamamento a toda a cidadanía galega a tomar as rúas o vindeiro martes 14 de abril, na demanda dun aborto libre e gratuíto, sen exclusións para todas as mulleres, participando nas mobilizacións convocadas en distintas comarcas do país pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, da que a central sindical forma parte. Mobilizacións das que, polo momento están xa 3 confirmadas.

Horarios e lugares das mobilizacións:

- Compostela: Ás 20:30 horas horas diante da sede do PP

- Ferrol: Ás 20 horas na Praza de Armas

- A Coruña: Ás 19:30 horas diante da sede do PP


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.