1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

CIGGaliza - CIG - A Secretaria Confederal de Muller da CIG chamou a participar na manifestación unitaria do 8 de marzo, con saída ás 12:00 horas da estación de tren de Compostela


A Secretaría da Muller da CIG presentou este luns a campaña coa que, baixo o lema "Traballo digno, salario xusto", a central sindical conmemorará este ano o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Un lema que Margarida Corral considerou especialmente acaído, á vista dos datos recollidos no informe elaborado polo Gabinete Confederal de Economía, "A Muller no Mercado Laboral en Galiza" do que se tira que 92.839 galegas teñen ingresos inferiores aos 1.861€ brutos ao ano e 71.783 emigraron desde 2008. Cifras que, de ser sumadas ao número de desempregadas que estima a EPA, 132.000, elevarían o número de mulleres no paro en Galiza ás 300.000.

O Informe elaborado pola responsábel do Gabinete de Economía da CIG, Natividade López Gromaz, vén desmontar a falacia de que o ano 2014 rematou cun descenso do desemprego. "Redúcese o desemprego entre as mulleres non porque aumentase a ocupación entre estas, senón porque hai menos mulleres. Descendeu a poboación activa feminina, sobre todo entre as mulleres máis novas, as menores de 35 anos, que abandonaron o mercado de traballo porque emigran", explicou.

E é que segundo os datos que se tiran do informe só en 2014 marcharon de Galiza un total de 13.600 mozas e desde o 2008 reduciuse o número de mulleres de entre 16 e 35 anos en 71.783. Para López Gromaz esta situación dáse porque "non teñen máis opcións que a emigración" diante dun mercado de traballo que só lles ofrece infraemprego, precariedade e pobreza".

Tal é así que os datos son, cada ano que pasa, máis demoledores: o 75% dos traballos a xornada parcial foron desempeñados, en 2014, por mulleres e un 23,7% das asalariadas tiñan un contrato a tempo parcial. E se isto non fora abondo, desde o ano 2009 ao 2013, o salario medio das traballadoras reduciuse  un 1,4% e das 447.647 mulleres que presentaron a declaración de IRPF, nin máis nin menos que o 20,7%, isto é 92.839 mulleres, tiveron uns ingresos inferiores aos 1.861 € brutos anuais. Co agravante de que este grupo foi o único que medrou desde o ano 2009 e no cal os ingresos medios se reduciron, en concreto nun 1,9%.

Parello a isto, entre as que obtiñan máis ingresos hai un 37,1% menos que en 2009 pero as que permanecen nese grupo aumentaron os ingresos. Isto constata, segundo explicou López Gromaz, un forte medre das desigualdades entre as mulleres e de media en 2013 o salario dunha traballadora pertencente ao intervalo de maiores ingresos é 77 veces superior ao dunha de menores ingresos.

Taxa de paro do 37%

Diante desta situación, a responsábel do Gabinete de Economía afirmou que "non entendemos que unha muller se poida considerar ocupada cando os seus ingresos non chegan a  140 € mensuais. Cremos que deberían ser consideradas desempregadas e se isto fose así estariamos a falar dun total de 224.000 mulleres desocupadas en Galiza e dunha taxa de paro do 37%".

A isto engadiu que de sumar estas ás 71.000 mulleres que emigraron desde 2008 "estariamos falando de 300.000 mulleres desempregadas en Galiza e unha taxa de paro aínda maior". Uns datos que López Gromaz considerou que se prefiren agochar por intereses electorais xa que "a EPA non reflicte, nin con moito, a durísima realidade das mulleres no mercado laboral en Galiza".

"Traballo digno, salario xusto"

Diante desta situación, Margarida Corral arrincou a súa intervención denunciando que "non é algo singular do ano que rematou o feito de que desde o momento en que as mulleres nos incorporamos ao mercado laboral até que o abandonamos, a desigualdade laboral está presente nas nosas vidas: desigualdade salarial e nas prestacións, maior nivel de contratación precaria e a tempo parcial, maiores dificultades en atoparmos o primeiro emprego e tamén para conseguirmos outro traballo, dificultades para conciliarmos o emprego coa maternidade... "

Considerou as cifras "demoledoras" e asegurou que constatan "o empobrecemento e a precariedade do emprego en Galiza, lonxe dos datos achegados por organismos oficiais, que pretenden amosar unha imaxe de recuperación e saída da crise".

Atribuíu esta situación non só á crise, senón tamén ás políticas levadas a cabo polos distintos gobernos, que "crearon un desemprego masivo e estrutural que aínda que non interrompeu a progresión da actividade laboral feminina, si fixo que esta teña lugar en condicións de desigualdade e precariedade".

Para Corral trátase dunha fenda que, ano tras ano, "vaise alargando e que apenas se nivela ao igualarse cos homes(por abaixo), cun empobrecemento xeneralizado, tras os recortes, a perda de dereitos, e as reformas levadas a cabo polos gobernos, que, aproveitando a crise económica como escusa, empeoraron as condicións de traballo para incrementaren os beneficios do capital".

Respecto dos salarios lembrou que o principio de igualdade retributiva para un mesmo traballo ou para un traballo de igual valor está recollido desde o ano 1957 nos Tratados e Directivas pero, denunciou "segue sen aplicarse". Neste sentido subliñou que "as mulleres que actualmente teñen unhas cualificacións iguais ou mellores que os homes, en moitos casos debido a unha formación máis extensa, seguen a ser valoradas de distinto xeito e a súa carreira profesional é máis lenta. Así, nos sectores nos que as mulleres predominan, os salarios son máis baixos que naqueles nos que son os homes os que teñen unha presenza maioritaria".

Unha discriminación que considerou que xorde a raíz de distintos factores culturais e históricos que inflúen no xeito en que se fixan os salarios. "As competencias e capacidades das mulleres están a miúdo infravaloradas. Hai unha predisposición, baseada no xénero, á hora de avaliar o traballo que realizan homes e mulleres: gaña menos unha caixeira dun supermercado que un home que traballa no almacén do mesmo supermercado ou unha limpadora que un traballador do lixo...", asegurou.

Subliñou que moitas veces agóchase esta discriminación salarial a través de pagas extras e complementos salariais arbitrarios, vencellados ao tipo de xornada, sistema de clasificación ou ao rendemento, non hai información sobre os salarios, e os sistemas de clasificacións son opacos. Un "teito de cristal que impide que moitas mulleres accedan aos postos mellor retribuídos", dixo.

A isto engadiu que as responsabilidades familiares non son compartidas de xeito equitativo, "as mulleres interrompen máis frecuentemente a súa carreira profesional e teñen un maior número de contratos a tempo parcial que os homes". Isto supón, ao seu entender, que as carreiras profesionais sexan peor remuneradas, situándose, de media, a diferenza salarial entre mulleres e homes na UE no 16%, o que repercute nos dereitos de pensión futuras e poden provocar que máis mulleres que homes sufran pobreza tras a xubilación.

Mobilización

Por estes motivos, considerou necesario mobilizarse polo emprego, contra a precariedade laboral, a desigualdade salarial, a temporalidade, o desmantelamento do estado de benestar, "mais reivindicando tamén un reparto igualitario das responsabilidades do coidado, esixindo que os nosos dereitos sexuais e reprodutivos non se vexan limitados por cuestións eleitoralistas e ideolóxicas, porque a loita polos nosos dereitos segue máis vixente ca nunca".

Por iso reivindicou a conmemoración do 8 de Marzo como unha data "combativa", que visibilice o esforzo das mulleres que "loitan contra a opresión" e animou a participar na manifestación nacional unitaria do movemento feminista galego o vindeiro 8 de marzo que sairá da estación do tren ás 12 h en Compostela, así como nas manifestacións da CIG que terán lugar o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega en distintas comarcas e vilas do país.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.