1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

9060890219 c578e3a5b5 zGaliza - AGAMME - A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) fai público no presente comunicado a súa oposición á proposición de Lei Orgánica que pretende modificar a actual Lei do Aborto, no que atinxe ás menores de 16 e 17 anos, así como ás mulleres con capacidade modificada.


Foto de Galiza Contrainfo (CC by-nc-sa/2.0)

A proposición de Lei Orgánica contén un único artigo a través do cal se pretende eliminar o apartado da vixente Lei do Aborto que recoñece o dereito ao consentimento das menores de 16 e 17 anos a interromper voluntariamente o embarazo.

Desta maneira as mozas de 16 e 17 anos pasarían a precisar o consentimento dos seus titores para interromper voluntariamente o embarazo.

Varios son os motivos de AGAMME para oporse a tal modificación lexislativa:

O dereito das persoas menores de idade a seren escoitadas en aspectos cruciais na súa vida aparece reflectido na Convención dos Dereitos do Neno e da Nena como un dos dereitos piares,  sinalándose que, a medida que a menor de idade acada maior madurez, se tomará en maior consideración as súas opinións. Con 16 e 17 anos, as mozas están a un paso de acadar a maioría de idade, a decisión sobre a súa maternidade debe ser exclusivamente súa.

O marco lexislativo referente ás persoas menores de idade no Estado español establece que desde os 14 anos os nenos e nenas teñen responsabilidade penal (é dicir son responsables dos seus actos ante a lei), con 16 poden incorporarse ao mercado laboral e a esta idade poden acadar a emancipación.  Non é sustentable esa falta de coherencia: responsable penal pero non para decidir sobre o seu propio corpo.

A Lei de Protección Xurídica do Menor, establece de maneira acorde ao marco lexislativo internacional e a evolución do status das persoas menores de idade cales son os principios que deben guiar a lexislación relativa aos dereitos da infancia e a adolescencia:

El ordenamiento jurídico, y esta Ley en particular, va reflejando progresivamente una concepción de las personas menores de edad como sujetos activos, participativos y creativos, con capacidad de modificar su propio medio personal y social; de participar en la búsqueda y satisfacción de sus necesidades y en la satisfacción de las necesidades de los demás.

El conocimiento científico actual nos permite concluir que no existe una diferencia tajante entre las necesidades de protección y las necesidades relacionadas con la autonomía del sujeto, sino que la mejor forma de garantizar social y jurídicamente la protección a la infancia es promover su autonomía como sujetos.

Neste senso é preciso advertir que esta proposición de lei é retrógrada no sentido de que fai involucionar á sociedade na súa traxectoria de recoñecemento dun novo status da infancia e da adolescencia. Queda perfectamente de manifesto, desde o primeiro parágrafo que esta é unha lei que limita a concepción da persoa menor de idade como suxeito de dereito, para encadrar ás rapazas no ámbito da protección, como obxectos pasivos, sen capacidade de decisión sobre os seus corpos e sobre as súas vidas.

Risco para a saúde. Limitar o acceso á interrupción voluntaria do embarazo das mozas de 16 e 17 anos implica un risco para a súa saúde, pois desta maneira négaselles unha asistencia pública, cualificada e legal, o cal non significa que estas non vaian procurar outros medios (non cualificados, non legais, non públicos). As prácticas clandestinas para a interrupción do embarazo implican un alto risco de complicacións (mortalidade, morbilidade) e de repercusións a medio-longo prazo. Así o sinala o documento da OMS Aborto sin riesgo: Guía técnica y de políticas para sistemas de salud, 2003 (Xenebra).

Por outra banda, a modificación da vixente lei do aborto é innecesaria, tal e como se desprende do informe da Asociación de Clínicas Acreditadas para la Interrupción del Embarazo.

Nese estudo, o aborto en mozas de 16 e 17 anos representa o 3,6% do total de abortos realizados entre xaneiro e setembro de 2014. Ademais, na maioría dos casos (87,62%) as rapazas acudían acompañadas dos seus titores.

Se analizamos os motivos alegados polo 12,38% restante concluiremos que esta lei conleva un marcado sesgo discriminatorio contra as rapazas embarazadas en situación de desamparo, maltrato no ámbito familiar, inmigración,...

113 mozas, das 913 do total, non puideron comunicar a súa situación aos titores. Os motivos alegados por estas rapazas para non ter informado sobre o seu embarazo foron: Desamparo familiar, Familias desestruturadas, Proxenitores en prisión, Risco de sufrir malos tratos, Menores de idade inmigrantes emancipadas, Enfermidade invalidante dos titores, Negativa dos titores a acompañalas, Posturas abertamente contrarias ao aborto.

Se partimos destas cifras, agás no caso das familias con posturas contrarias ao aborto, cuxas características socio-económicas non se deducen, podemos aseverar que as condicións nas que esas mozas terían que afrontar a maternidade serían a todas luces precarias, o cal nos leva á conclusión de que o Goberno, no canto de preocuparse por corrixir as situacións de desprotección nas que se atopan as menores de idade opta por sometelas á decisión que os seus titores adopten respecto a esa maternidade.  Nos casos nos que estas mozas foron obxecto de abuso sexual incestuoso (arredor do 80% do abuso sexual prodúcese no ámbito familiar; o Consello de Europa estima que 1 de cada 4 nenas e adolescentes é vítima de abuso sexual) a capacidade de control do vitimario sobre elas sitúaas nunha situación de máxima vulnerabilidade, situación que se vería previsiblemente estendida ás súas crianzas.

Toda persoa menor de idade ten dereito a que se actúe en base ao seu interese superior. Referíndose a presente proposición de lei a un asunto que atangue ás mozas de 16 e 17 anos, menores de idade, e tratándose ademais dun asunto tan crucial como é a interrupción voluntaria do embarazo, sería requisito indispensable facer constar que o principio que debe rexer as intervencións neste ámbito é o superior interese das menores de idade. O interese superior é unha consideración que se debe analizar en cada caso individual e que debe partir, en primeira instancia, de escoitar a vontade das menores de idade.

Da AGAMME afirman, asimesmo, que os índices de embarazo non desexado non se recortan a golpe de reforma lexislativa, senón que se fai necesario unha estratexia que contemple a educación sexual das mozas e dos mozos (anticoncepción, que implica tamén prevención de enfermidades de transmisión sexual, igualdade e respecto nas relacións de parella, etc ).

O outro terreo no que se fai imprescindible iniciar a planificación de políticas de prevención, detección, avaliación, protección e recuperación das vítimas é o violencia sexual contra a infancia e a adolescencia, tema tabú que a sociedade e as institucións se resisten a afrontar e que entronca directamente co tema que aquí nos ocupa. A este respecto é preciso lembrar que o actual Goberno non cumpre as súas tarefas con Europa: A DIRECTIVA 2011/92/UE, relativa á loita contra os abusos sexuais e a explotación sexual dos menores e a pornografía infantil,  establece unha serie de obrigas dos Estados coa fin de equipar os instrumentos lexislativos e establecer uns principios de calidade das investigacións e de adaptación dos procedementos ás necesidades das vítimas de violencia sexual menores de idade.

"A Directiva tiña que ter sido implementada en decembro de 2013. Isto evidencia que non existe un compromiso real do Goberno coa saúde sexual das adolescentes, tan só unha intención de exercer control (no que se intúe un transfondo moral) sobre aqueles sectores de poboación feminina e adolescente que se atopa en situación de maior desprotección" - frisan da Asociación.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.