1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)

020814 lanireGaliza - Sermos Galiza - [Olalla Rodil] En 48 horas dúas mulleres foron asasinadas pola violencia machista esta semana. Unha delas tiña 24 anos. Falamos con Ianire Estébanez, psicóloga especialista en violencia de xénero sobre a persistencia da violencia exercida contra as mulleres nas novas xeracións, redes sociais e roles de xénero.


Persiste a violencia de xénero entre a mocidade? Estanse a reproducir roles de xénero e comportamentos machistas? Que papel xogan nisto as redes sociais? Respondemos a estas preguntas coa psicóloga e autora do blogue Mi novio me controla... lo normalIanire Estébanez

Os dados proporcionados polo Sergas en relación ao 2013 sinalan 950 partes de lesións identificados como violencia machista. Deles, a maior parte atinxen mulleres menores de 24 anos. Persiste a violencia contra as mulleres entre a mocidade?

Persiste esta violencia e vemos que non se trata unicamente dunha situación na que teñamos máis "denuncias" de mulleres mozas fronte á mulleres maiores, senón que efectivamente se trata de partes de lesións, evidentes, onde non existen opinións nen dúbidas. Segundo as estatísticas, un 30% da violencia sexista está cada vez máis presente nas relacións afectivas e sexuais das xeracións máis novas. 

Apesar de ser ter promovido, nos últimos anos, unha educación con maiores valores de igualdade, tolerancia, corresponsabilidade... 

A violencia de xénero é un problema que atinxe a nosa sociedade no seu conxunto. Está demasiado enraizada na cultura, a tradición e o comportamento habitual. Acontece en todas as idades, zonas xeográficas... Non se trata de situacións concretas que ocorran en contornas concretas, nen en casos concretos e individuais, debido á personalidade de cada quen, senón que é un problema estrutural baseado na desigualdade entre homes e mulleres e que se manifesta de múltiples formas. A máis visíbel e a que máis recoñecemos é a violencia cara ás mulleres na parella, mais existen outras facianas desa desigualdade que inclúen o acoso sexual e a presión sexual ou non aceptar as decisións das mulleres sobre o seu corpo, por pór un exemplo. Se atinxe á xuventude é porque as mozas e os mozos non poden mudar sen máis toda unha historia de transmisión cultural na que se xustifica esta violencia, e porque non se fixeron mudanzas suficientes nas estruturas sociais que perpetúan a idea do sexismo. A publicidade, as mensaxes que se envían desde os medios de comunicación, desde as familias, a falta de participación das mulleres, o descoñecemento do que significa realmente o feminismo... son algunhas das causas que fan que avancemos tan pouco a pouco na visibilización deste problema como algo social. 

Continuamos a pensar, no cotián, que falamos de problemas "dunha parella concreta" que non somos nós. Non interiorizamos que estamos a falar de algo moito máis social do que quixeramos e que para erradicala [a violencia contra as mulleres] é preciso un cambio que nos implique realmente a todas e todos. No ámbito educativo téñense feito avances mais quedan moitas cousas por facer noutros ámbitos. A mocidade non é inmine ás contradicións e crenzas machistas que ainda se reproducen e coido que ás veces pomos todo o peso en que as xeracións novas "muden o mundo" por si propias, sen que o mundo mude realmente. 

Cales son as causas da reprodución de roles de xénero e comportamentos machistas?

Continúan a estar mellor valorados. Só temos que botar a ollada aos modelos de referencia que temos nos medios de comunicación, por exemplo. Representan a mocidade en dous únicos formatos: o rapaz, forte e poderoso; a rapaza, fermosa e sexy. Apenas existe visibilidade da diversidade das mozas e mozos que existen na nosa sociedade, da diversidade dos tipos de relacións afectivas que se poden estabelecer. Continuamos a manter na nosa cabeza estereotipos sobre como son os homes e as mulleres, mais tamén sobre como deberan ser as relacións e, nese senso, as crenzas continúan a ser tradicionais. Pensar que o amor é o máis importante da vida, que con amor se pode mudar a alguén "rebelde", que, no fondo, os ciumes son unha mostra de interese, son crenzas perpetuadas no noso microchip e fai falta moita reflexión para arredalos de enriba e comezar a mudar as nosas relacións. 

Que papel xogan as redes sociais e as novas tecnoloxías nesta realidade?

Xogan un papel moi importante. Dunha banda, como perpetuadoras de estereotipos, de prexuízos, en tanto que tentamos maquillar a nosa imaxe fixándonos nun modelo concreto que adoita ser sexista no desequilibrio comentado rapaz-forte moza-sexy. Ao mesmo tempo, estas tecnoloxías poden fomentar o acoso cara á aquelas persoas que se saen ou se diferencian dos roles impostos. Os mozos que non se comportan como 'machotes' son frecuentemente insultados como "maricas" ou "nenazas", que perden en masculinidade. Nas rapazas, adóitase agardar que representen beleza e atractivo, e que se comporten dunha maneira sexual "liberada". Porén, até un certo límite, no que se lles insulta ou se lles humilla con contidos que partillan. É, aliás, realmente difícil saber onde existe ese límite, mais reproduce unha dicotomía moi tradicional, a da muller boa ou puta. E debuxa unha sociedade na que se continúa a culpar as mulleres dunha sexualidade libre, que significa decidida por unha propia. Doutra banda, diría que as redes sociais tamén teñen un papel moi importante á hora de visibilizar outras formas de ser moza ou mozo desde o respecto e axudarnos a desmontar mitos e ideas erradas que só nos fan sufrir e relacionarnos con tensións. 

Como podemos detectar estes comportamentos nos novos soportes e a Internet?

Con moita presenza, estando dentro desas redes, sendo sensíbeis ao que acontece ao noso redor. O maior fallo para non poder ver a violencia é, normalmente, non querer vela. E, no entanto, está aí, existe, non deixa de se reproducir por moito que queiramos ocultala debaixo de crenzas de "xa pasará", "son só crianzas" e outras xustificacións. O primeiro que debemos facer é querer aceptar que en moitas das nosas construcións sociais somos (e digo somos porque ningunha persoa se escapa, nen eu propia) machistas.  

O teu blogue Mi novio me controla...lo normal, constitúe todo un referente en materia de violencia de xénero e mocidade. Como xorde a idea de crealo e cal é o seu obxectivo?

Xurdiu pola falta de recursos que enviasen estas mensaxes naqueles momento, no ano 2007. Atopábame realizando unha investigación sobre a violencia no noviazgo de mulleres mozas e atopeime que as mensaxes que se reproducían na Internet sobre as relacións de parella en moitas ocasións eran tremendamente culpabilizadoras e negativas. "Tes que aguantar, iso non é importante, déixao, xa pasará, mais como te namoras de alguén así?"... pensei que era preciso estar e ter presenza, tamén, con outro tipo de mensaxes e, sobre todo, poder potenciar unha actitude crítica na xente moza pois, confío e moito na súa capacidade para darse conta de moitas cousas e mudalas, máis alá de terlles que enviar consellou ou ordes. Iso é unha boa educación, poder ter diferentes mensaxes e escoller con cal delas quedar. 

Nos primeiros meses de 2014 cóntanse por ducias as mulleres asasinadas pola violencia machista. De feito, o movemento feminista afvirte dun posíbel repunte.

Coido que se está a xerar todo un movemento de reacción ao cambio e que mesmo desde perspectivas políticas estamos vendo regresións ao pasado. É un movemento de resistencia do sistema capitalista e patriarcal. Cando a sociedade progresa cara á certa adquisición de dereitos, pensamos que nunca vai ir cara atrás mais o sistema, tenta frealo. Neste caso, estásenos dicindo simbolicamente ás mulleres: "pasástesvos con tanto pretender ser iguais". 


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.