1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

regreso de africaGaliza - Cineclube Compostela - O Cineclube de Compostela acolle este mércores 16 de decembro a súa última proxección do mes artellado arredor da idea de África. Nesta ocasión poderemos ver a terceira longametraxe do cineasta suízo Alain Tanner, O regreso de África (Le retour d’Afrique,  Suíza / Francia, 1973). Con esta proxección remata a programación deste 2015, e a programación do Cineclube toma un descanso polas vacacións de inverno, para volver con novas forzas o 13 de xaneiro. A sesión terá lugar, como é habitual, no CS O Pichel (Santa Clara, 21) a partir das 21.30 horas.


Vincent, un mozo suízo que traballa de xardineiro, vive angustiado pola súa vida monótona de occidental e a relación con Françoise, a súa parella. Xuntos, deciden escribir a un amigo pedíndolle axuda para irse vivir a Alxeria. Tras recibir a súa resposta, a parella vende todas as súas posesións e prepárase para deixar Xenebra, rumbo a unha nova vida no Terceiro Mundo.

Tras o éxito conseguido por A píntega, Tanner decide rexeitar as propostas de coproducións e de grandes compañías e realizar unha nova longametraxe autoproducida, que será a última da súa carreira. Inspirado polo argumentario terceiromundista dos anos 60 e 70, e atravesado polas citas do Caderno dun retorno ao país natal, de Aimé Césaire, O regreso de África é un filme, inxustamente esquecido, sobre as palabras, “ás que dicimos aos outros e as que dicimos en silencio”.

Punto de inflexión na súa carreira, O regreso de África combina a frescura dos seus primeiros dous filmes cunha maior preocupación polas posibilidades técnicas do cinema, especialmente co uso do travelling. Vista no seu momento como “panfletaria” pola prensa da Suíza francofalante, esta longametraxe revélasenos agora como unha reflexión pausada sobre as posibilidades da loita política e un retrato nada simplista das relacións sociais e de parella.

Nacido en Xenebra en 1929, Alain Tanner estudiou ciencias económicas na uUniversidade desa cidade e funda en 1951 o Cineclube universitario. De 1955 a 1958 consegue un traballo no British Film Institute de Londres, e en 1957 realiza xunto a Claude Goretta a súa primeira curtametraxe, a experimental Piccadilly la nuit. De regreso á Suíza, traballa como realizador na Télévision suisse romande, onde asinará numerosas curtametraxes e documentais.

En 1962, funda a Asociación suíza de realizadores e, en 1968, xunto a Michel Soutter, Claude Goretta, Jean-Louis Roy e Jean-Jacques Lagrange, o Grupo 5, destinado a promover o novo cinema suízo e que dará lugar ao momento de maior recoñecimento do cinema deste país. Dentro deste movemento, consegue un grande éxito como realizador coas súas longametraxes a partir de finais dos 60, con títulos entre os que destacan Charles vivo ou morto (1969), A píntega (1971), Jonas que vai ter 25 anos no ano 2000 (1976), Os anos luz (1981) ou Na cidade branca (1983). O seu último filme até a data é Paul marcha, do 2004.

Con esta sesión, o Cineclube de Compostela remata coa programación do ano 2015 e realiza o habitual descanso polas festas de inverno. A programación regular vai ser retomada a partir do mércores 16 de xaneiro do 2016.

O filme vai ser proxectados na súa versión orixinal con subtítulos en galego. A entrada é de balde, e pódese adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o noso funcionamento, propoñemos unha achega económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas.

DECEMBRO 2015

Mércores 16 de decembro ás 21:30 no Pichel
O regreso de África

(Le retour d’Afrique, Alain Tanner, Suíza / Francia, 1973, 108', VOSG)


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.