1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

271214 geriatricoGaliza - Praza - Galiza perderá mil fogares por ano a partir de 2020. Unha consecuencia máis da perda de poboación, do saldo vexetativo negativo constante e do abandono do rural do país. 


Así se tira do estudo que vén de publicar o Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre Proxeccións de fogares, baseado na información do Censo de Poboación e Vivendas de 2011 do INE e que achega unha estimación da evolución futura das familias e das súas residencias segundo as condicións demográficas actuais.

Así, e tendo en conta estas cifras, Galiza tería nos vindeiros cinco anos unha cifra estable de fogares, arredor dos 1.061.000, pero a tendencia viraría á baixa a partir de 2020. Desde ese ano, e debido á evolución agardada da poboación, o seu número total diminuiría en preto de 1.000 por cada ano. En 2024 o país contaría con 1.055.226 vivendas habitadas fronte ás 1.060.774 da actualidade, 5.548 menos nunha década a unha media de 555 domicilios menos en cada exercicio.

A caída é do -0,52% no conxunto de Galiza, pero é moito máis acentuada nas provincias interiores de Lugo e Ourense, onde o descenso sería do -4,2% e do -6,3% respectivamente, mentres que na Coruña agárdase unha baixada en número de fogares de -0,35% na vindeira década. Pontevedra, pola contra, é a única provincia onde habería máis domicilios habitados, ao incrementarse o seu número nun 2,8% e en case 10.000 ao pasar de algo máis de 352.000 casas familiares a unhas 362.000.

A provincia da Coruña, por outra banda, contará con 440.483 fogares en 2024, arredor de 2.000 menos que agora, mentres que a de Lugo perderá máis de 5.500 e quedará en algo menos de 129.000. En Ourense, haberá dentro dunha década 8.310 fogares menos e menos de 124.000 en total.

Porque as diferenzas entre as distintas áreas xeográficas galegas son moi amplas. Así, as que presentarían maiores incrementos no número de fogares no período 2014-2024 serían a de Pontevedra, nun 5,5%, a de Santiago, nun 4,7% e a de Vigo, cun 4,2%. Pola contra, o maior decrecemento no número de fogares no período 2014-2024 estaría nas áreas do Carballiño-O Ribeiro, cun descenso do 13,8%, na de Ourense sur (que inclúe A Limia, Baixa Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana), cun decrecemento do 13,4%, e na de Lugo oriental (A Fonsagrada, Os Ancares e Sarria), cunha diminución do 10,4% en todo o período.

Ourense central (Allariz e Maceda, Terra de Caldelas, Terra de Trives e Valdeorras), cun descenso do -9,75%, e Lugo sur (Chantada, Quiroga e Terra de Lemos), cunha diminución do -9,14%, serían as outras zonas con peores resultados. Porque só as áreas das cidades galegas -agás a de Ferrol- e as do Morrazo e Caldas-O Salnés verán crecer o número de fogares na vindeira década. No resto de zonas de Galiza, as casas iranse despoboando paseniñamente.

As cifras non son máis que unha consecuencia obvia dos datos de poboación que teiman na realidade galega desde hai anos. Segundo as últimas estatísticas do INE, Galiza volve liderar a perda de poboación no Estado ao perder máis de 6.100 habitantes no primeiro semestre deste 2014 e tras volver encabezar a lista con peor saldo vexetativo. En canto ás proxeccións a futuro, calcúlase que o país perderá case 210.000 habitantes en quince anos e superará por pouco os 2,5 millóns. De feito, tan só 17 concellos galegos rexistraron un crecemento vexetativo positivo en 2013.

Evolución dos lares

En canto á evolución dos fogares segundo o seu tamaño, no período 2014-2024 agárdase un incremento do número de fogares compostos por dúas persoas, do 1,2% no período, e dos fogares compostos por cinco ou máis persoas, que se incrementarían nun 2,5% en total. Os fogares unipersoais permanecerían practicamente estables durante o período, e pola contra, diminuiría en Galiza o número de fogares de 3 e 4 persoas, nun 2,4% en total.

O tamaño medio dos fogares galegos experimentará un continuo crecemento no período 2014-2024, pasando de 2,60 a 2,63; é previsible que se incremente en todas as provincias agás en Pontevedra, que na actualidade ten un tamaño medio superior ao resto.

Tal e como aclara o IGE, a clasificación utilizada nestas proxeccións categoriza os fogares segundo a súa estrutura en unipersoais, parellas sen fillos, parellas con fillos, unidades monoparentais e outros fogares. Segundo estas variables, os unipersoais permanecerían practicamente estables no seguinte decenio, e serían os fogares galegos formados por unha parella sen fillos os que se incrementarían no período 2014-2024, nun 1,2%, mentres que o resto de fogares diminuiría no seu conxunto nun 1,3%.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.