A Fundación Moncho Reboiras vén de publicar na rede o documental "Rexudir do nacionalismo galego. Do piñeirismo ao Consello da Mocidade", que traza un percorrido pola historia do nacionalismo galego desde o golpe de estado de 1936 até a aparición no ano 1963 do Consello da Mocidade, entidade a partir da cal se conformarían novas liñas político-ideolóxicas e organizativas xurdidas da crise no seo desa organización xuvenil clandestina.
Neste traballo, que contou co asesoramento histórico de Uxío-Breogán Diéguez e de Xoán Carlos Garrido, desenvólvese a evolución do nacionalismo galego desde o golpe militar españolista do 1936 até mediados dos anos sesenta do pasado século.
Este periodo iniciaríase co asasinato dos principais cadros do nacionalismo galego, reconstituíndose no exilio o tecido patriótico galego mediante entidades como a Irmandade Galega (1941) e o Consello de Galiza (1944). Ambas institucións terían como máximo referente ao noutrora deputado nacionalista Daniel Rodríguez Castelao, exiliado en Bos Aires.
Ao tempo, na nosa terra iría agromando un galeguismo eminentemente cultural arredor da figura de Ramón Piñeiro, membro até 1936 das Mocedades Galeguistas, e que patrocinaría unha liña política discrepante co exilio, caracterizada polo "galeguismo difuso" e a renuncia a partir dos anos 50 da reorganización do nacionalismo.
En 1963, unha nova xeración de mozos e mozas nacionalistas apoiados/as polos exiliados daría lugar ao Consello da Mocidade. Este organismo estaría en ligazón co Consello de Galiza, goberno galego no exilio, asentado en Bos Aires (Arxentina) e terían como referente ideolóxico máximo a Castelao, xa finado no 1950. O Consello da Mocedade tería como secretario xeral ao mariñao Antón Moreda, quen no 1954 relanzara alén mar, xunto outros activistas, as Mocidades Galeguistas e volvera a Galiza no 1961 coa misión de remozar o nacionalismo galego na clandestinidade franquista.