A sección sindical de CIG-Saúde no Hospital Comarcal de Monforte denuncia a contratación dunha empresa privada para xestionar, dende Lugo, o servizo de informática que até agora se prestaba dende o propio centro hospitalario.
Cando antes se producía algunha incidencia cun ordenador, explican, o problema solucionábase cunha simple chamada ao servizo de informática do hospital, que acudía ao momento a arranxar o problema. Porén, no afán privatizador da Xunta do PP, agora, o persoal ten que avisar á empresa privada en Lugo, que é a encargada de dar o parte ao servizo de informática de Monforte.
Isto supón, denuncia a Sección Sindical da CIG, unha perda de tempo á hora de solucionar as avarías ou incidencias e unha malgasto de cartos públicos. "Como pode mellorar o servizo ter que chamar a Lugo e que dende alí comuniquen a Monforte o que pasa, en vez de chamar o propio persoal e falar directamente co/a técnico/a de informática", preguntan.
"O que está a pasar é que así temos dobre gasto, porque se lle está a pagar a maiores a unha empresa privada sen necesidade, que o único que fai é atrasar o arranxo, porque até que pasan o aviso de volta a Monforte tárdase o dobre que antes", advirten. Ademais, ás veces nin sequera se traslada o problema de xeito correcto.
Fronte a isto, a Sección Sindical da CIG-Saúde no Hospital de Monforte demanda ao Xerente Executivo que esixa do Xerente de Lugo que poña fin "a este despropósito".