A actividade que iniciou este proxecto foi un Concurso de Fotografia con dúas categorias: "Boina de Ouro" e "Boina da Simpatía". Un xurado formado por Elena Ferro, a zoqueira de Merza, Celso, de Fotografia Bernabé, Olaia Vázquez, alumna da Escola de Arte e Deseño Mestre Mateo, Vicente Amosa, María Seijo, e Séchu Sende, do Clube da Língua do IES Marco do Camballón, vén de facer público o fallo dos premios "Boina de Ouro 2016 "
O fotógrafo José Goris, da Bandeira, resultou Premio BOINA DE OURO 2016, na categoria do concurso onde se valoraba a calidade, orixinalidade, creatividade e o valor sociocultural da fotografía.
O premio BOINA DA SIMPATÍA recae sobre colectivo Galego en Londres, que naceu nas aulas de lingua galega do Instituto Cañada Blanch de Londres e que hoxe en día trascendeu os muros do instituto e serve de punto de encontro e canle de difusión da galeguidade na capital británica.
O colectivo Galego en Londres participou no concurso con dezaseis fotos entre as que a foto dunha rapaza a brincar, Sara Mota, foi a que suscitou mais simpatia entre os membros do xurado. Nesta categoría o obxectivo era impulsar a imaxe da boina con humor e simpatía, de maneira informal, através das redes sociais.
O premio nas dúas categorias é unha boina elaborada por Sandra Vilas, a artesá que comezou a manufacturar a súa "Boina Galega" a raíz desta iniciativa e que están a mostrarse como un dos accesorios mais valoradose sorprendentes da moda galega desta temporada.
Este proxecto levou ao alumnado do Clube da Língua aos platós da televisión, a un programa de Luar "Especial Boina" e mais á pasarela de moda que, organizada pola Escola de Arte e Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela, tivo lugar para impulsar a boina no mundo da moda no pasado mes de xaneiro na capital do país.
Desde o Clube da Língua explican que este non é un premio competitivo, mais ben é unha motivación para activar un proceso de colaboración entre moita xente e impulsar de forma cooperativa a imaxe da boina nas redes sociais, e destacan a alta participación nesta iniciativa, especialmente na categoria de "Boina da Simpatía".
O propósito do "Premio Boina de ouro" é poñer de moda este accesorio tradicional galego e promover o uso da nosa lingua nas redes sociais, identificándo o noso idioma coas últimas tendencias, a vangarda e o mundo da moda e da fotografía. "O obxectivo é crear espazos de relación en galego, vinculando o noso idioma aos espazos sociais da xente nova.", afirman desde o Clube da Língua.
Outro obxectivo desta iniciativa é promover valores de igualdade e un proceso de reflexión para a educación non sexista, criticando as dinámicas que cousifican as mulleres no mundo da moda.
Ademais, este proxecto pretende promover o humor como ferramenta necesaria nos procesos educativos, así como a relación do ámbito educativo con outros ámbitos sociais.