1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

180410_lowy.jpgANT [Manuel Xestoso] -  ‘O ecosocialismo resulta da combinación da crítica marxista da economía política e a crítica ecolóxica do produtivismo e o consumismo”. Así resume Michael Löwy (São Paulo, 1938) a doutrina que presentou no ámbito da Semana da Filosofía de Pontevedra, que este ano se dedicou a crise económica e o modelo capitalista que xerou. 


Lowy, profesor da École des Hautes Études en Sciences Sociales de Paris combina filosofía e socioloxía nos seus estudos e a súa particular síntese de marxismo e ecoloxía procede dunha longa carreira dedicada a afondar na crítica da modernidade que elaboraron algúns pensadores dende a esquerda. “O ecosocialismo fai parte dunha reflexión máis xeral, dunha crítica da civilización moderna capitalista”, recoñece. 

Unha crítica na que tivo un papel destacado o pensamento de Walter Benjamin.

Benjamin foi o primeiro pensador marxista que tentou romper de maneira radical coa ideoloxía do progreso lineal –unha visión da Historia na que se camiña sempre cara a un perfeccionamento– que é unha visión profundamente asentada na conciencia política de Occidente e é compartida pola dereita e pola esquerda. Todos partillan esta “relixión do progreso”. Benjamin é o primeiro que ten a ousadía de cuestionar este concepto, de formular a idea de que o que chamamos progreso pode levarnos a unha catástrofe e que o desenvolvemento esaxerado das forzas produtivas non significa necesariamente un avance real: a técnica da industria bélica, por exemplo, perfecciónase sen cesar e, non obstante, pode ter consecuencias dramáticas. Precisamos pensar, di el, un materialismo histórico que se desembarace dese peso do positivismo –que el considera unha ideoloxía burguesa– e pensar en termos que vaian alén do “desenvolvemento das forzas produtivas”. Esta é unha contribución moi importante ao pensamento do século xx e a miña maneira de entender o ecosocialismo está moi relacionada coas reflexións de Benjamin. Por iso eu sempre cito unha frase súa que me parece moi actual: “a revolución non é a locomotora da Historia, a revolución é a humanidade a puxar do freo do tren da Historia”. Estamos no tren da civilización capitalista moderna que vai directa cara ao abismo a unha velocidade crecente e a revolución –ecolóxica, económica, social…– que precisamos e parar ese tren. Esa metáfora ilustra moi ben a situación actual, na que nos abocamos a unha catástrofe –ecolóxica– sen precedentes.

Mais as raíces deste descontento coa modernidade vén de máis atrás. Vostede estudou, por exemplo, o descontento co capitalismo do movemento romántico.

Eu defino o romanticismo como unha crítica da civilización moderna en nome de valores premodernos. É un movemento non só literario ou artístico, senón unha visión do mundo que atravesa todos os campos da cultura, dende a arte e o pensamento político até a relixión e a economía política. E a súa é unha crítica que se dirixe a certos aspectos da modernidade: a cuantificación –a lectura do mundo reducida a unha medida cuantitativa que ten os seus patróns na suxeición de toda realidade á categoría de mercadoría–, a disolución dos lazos sociais comunitarios, a deshumanización, a mecanización… Esta crítica pode tomar formas conservadoras –mesmo reaccionarias– dirixidas a unha restauración do pasado ou pode tomar formas utópicas e revolucionarias nas que non se formula a posibilidade de regresión ao pasado, senón unha volta polo pasado en dirección ao futuro. Hai unha dialéctica romántica entre pasado e futuro na que o primeiro se toma como referente para criticar o presente e crear un futuro novo.

Un exemplo tomado dun clásico do marxismo é o de Engels cando enumera as marabillas do comunismo primitivo: os seres humanos eran libres, non sufrían a represión do Estado, a muller non sufría a dominación sexista…Obviamente, Engels non pretendía a volta a ese comunismo primitivo senón que pensaba na posibilidade de crear un novo comunismo que incorporase todas as conquistas da civilización mais que volvese a vista a aqueles valores de igualdade e liberdade que existiron no pasado. Ese é un exemplo de romanticismo revolucionario.

E esas actitudes permanecen en movementos actuais.

Dende que nace a modernidade, existe unha subcorrente romántica de esquerda (William Morris, Ernst Bloch, Benjamin…) no pensamento occidental cuxos descendentes poderían ser, por exemplo, certos movementos indixenistas da América Latina. O movemento zapatista, por citar un, parte das tradicións comunitarias da cultura maia da que proceden, mais procuran colocar ese herdo en termos dun novo proxecto de futuro para México.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.