1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)
Roberto Laxe

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

A Velha Toupeira

Porque apoiar o proceso soberanista catalán “desde fóra”

Roberto Laxe - Publicado: Sábado, 25 Outubro 2014 12:19

Existe unha tendencia inducida a considerar o proceso soberanista catalán como unha cortina de fume para tapar os problemas fundamentais da sociedade, e teñen parte de razón: se o goberno central houbese deixado decidir, é dicir, con facer un referendo como acaban de facer os escoceses quitarían moita tensión ao proceso, situándoo na pregunta central: a soberanía dun pobo axuda ou non a saír da crise.


O réxime a través do goberno e os seus partidos (PP, PSOE, UpyD), ao que agora súmanse sectores do exercito, negan o máis simple dos dereitos democráticos. E aquí é onde entra o porque "desde fóra" hai que apoiar o proceso catalán.

1.- Desde os medios de comunicación masivos insístese en que existe un problema catalán, como antes era "o problema vasco"... ou dalgunha maneira, "o problema galego", dos que queren que en Galiza se fale galego, que non queren as desfeitas na riqueza natural e néganse á emigración masiva, que gritan Nunca Mais cando un goberno central atenta contra unha das súas fontes de riqueza, etc. Insisten en que o Estado Español é armónico, un pouco destartalado nada máis. Co apoio das forzas progresistas e de esquerdas do estado din que o problema é que nesas nacións hai uns "iluminados" nacionalistas, que queren mudar a historia común española; que inventan unha historia distinta, din, as súas "William Wallace" ou "Robert the Bruce", agora que o escocés esta de moda, para xustificar ilusións románticas.

Estes medios admiten sen dubidar a historia "oficial" española coma se fosen feitos obxectivos, non "iluminados" polo romanticismo español, non ideoloxizados. Como sempre, cando falan de "nacionalismos" refírense ás "nacións periféricas", non aos que defenden á nación española, estes non son nacionalistas!. Toda esta construción ideolóxica ten un obxectivo político, negar que o problema "catalán", "vasco" ou "galego" sexa un problema do Estado Español en xeral, e do réxime do 78 no concreto; da súa conformación histórica.

O que é obxectivo, e científico, é que a burguesía non foi capaz de conquistar a unidade nacional española a través dunha revolución como a francesa, a inglesa ou "reformas revolucionarias" como a alemá ou a italiana. Fracasou no seu legitimación fronte os pobos o Estado, tivo que pactar co absolutismo, e deixou a unidade "nacional" nas mans do exército. E xa sabemos como resolve o exército os problemas, esta en a súa "natureza" de instituto armado. O franquismo foi a expresión máis brutal desa "natureza" violenta do exército, impuxo a unidade "nacional" sobre os cadáveres de centos de miles de traballadores e traballadoras, de nacionalistas cataláns, galegos ou vascos; foi unha unidade á forza. Como toda "unidade á forza", en realidade o que esconde é unha profunda desigualdade, o mantemento e profundización das desigualdades.

Este é o primeiro motivo para o apoio "desde fóra": o rexeitamento da unidade imposta pola forza das armas, e mantida polo réxime actual, por un principio eminentemente democrático. A lei non está por encima da vontade popular, senón que é emanación desa vontade popular: "demo" "cracia", "poder do pobo". No franquismo as leis estaban por encima da vontade popular, e non por iso era un réxime democrático.

2.- Outros, desde un punto de vista de "clase", oponse porque "rompe a unidade da clase obreira". Esquécense, primeiro, que a unidade da clase obreira é internacional, non referida exclusivamente aos marcos dun estado concreto. Esta unida desde China até Arxentina, desde Canadá a Sudáfrica por un fío común, a explotación capitalista, que na época actual das multinacionais e o imperialismo ten máis sentido que na época na que Marx escribiu o Manifesto Comunista.

A unidade da clase obreira non rompe porque existan estados nacionais separados, se non porque hai políticas conscientes que os dividen, que os enfrontan; e a principal división introdúcea o propio capitalismo na procura de apoios sociais para manter a opresión das nacións, corrompendo a un sector da clase obreira das nacións opresoras. Lenin, no Imperialismo Fase Superior do Capitalismo, e antes Marx na súa posición diante da opresión irlandesa, demostraban como na nación opresora existe unha sección da clase obreira que se beneficiaba da existencia de nacións oprimidas, pois recollía as migallas dos beneficios das súas multinacionais. Lenin chamoulle "aristocracia obreira", e tanto Marx como Lenin situábana no flanco de "esquerdas" da burguesía da nación opresora, fronte á nación oprimida.

No caso español é especialmente grave a actitude centralista da esquerda española: confunde unidade do estado con unidade da clase obreira, como se fosen iguais. E isto é falso. O estado español parte dunha desigualdade entre os diversos territorios, uns achegan man de obra barata e materias primas, mentres outros, reciben estes insumos. No medio (e no centro xeográfico e "mental" da poboación) sitúase o recadador de impostos, a capital, que nin produce nin exporta, só absorbe. Esta é a condición central da opresión das nacións do estado español, o seu centralismo ten a súa raíz nun capitalismo baseado na construción de grandes infraestruturas ao servizo da "industria" clave, o turismo, e por tanto totalmente dependente dos Orzamentos Xerais do Estado. Romper esta cerrazón estrutural abre as portas a outras opcións para saír da crise con políticas que non sexan as neoliberais dos gobernos e a Unión Europea.

Desde a perspectiva do pobo traballador galego, é o primeiro interesado -máis se cabe que cataláns e vascos- na ruptura desta estrutura centralizada. Os datos son para aburrir: o pobo traballador galego non lle debe nada, absolutamente nada, ao Estado Español, salvo emigración -mentres en cen anos a poboación española multiplicábase por 4, a galega non chegaba nin a dúas-, atraso industrial inducido -a prohibición expresa da UE e o Goberno español, de construción de buques civís en ASTANO/Fene é o caso mais claro-, e políticas territoriais que fomentan a emigración -a inexistencia dun servizo publico de transporte colectivo que fixe poboación concrétase cun atraso nos seus medios de máis de 50 anos no transporte ferroviario-.

3.- Este argumento podería utilizarse para enfrontalos con bascos e cataláns, receptores de moitos dos emigrantes galegos, favorecidos polas políticas dos gobernos centrais, saqueadores das súas riquezas e industrias (Iberdrola, Gas Natural) e beneficiarias do desmantelamento do seu sistema financeiro (Caixabank, Banco Sabadell/Banco Galego); e é certo. As burguesías basca e catalá benefícianse da existencia do estado. Se levantan a independencia é co único obxectivo de presionar ao Estado para que lles conceda máis privilexios, non porque procuren unha mellora para as súas poboacións traballadoras. O seu independentismo termina nos dereitos da clase traballadora, nisto son tan burgueses como o PP ou o PSOE, e nos orzamentos estatais.

Pero dentro das súas poboacións existen sectores da clase traballadora e das "clases medias" que consideran que baixo o estado español é imposible o seu desenvolvemento; que consideran que é mais fácil defender o estado do benestar e loitar por melloras sociais baixo un estado catalán ou vasco. E existe un argumento de peso para esta consideración: como se entende que tendo o 18% da poboación, Madrid teña o 85% das sedes sociais das empresas españolas, onde se sitúa o poder economico real.

Non se corresponde a poboación que ten co papel na estrutura das empresas. Madrid, como capital do Estado, concentra os centros administrativos non só do propio estado, senón tamén das grandes empresas españolas, que pola súa estrutura e actividades (construtoras e bancos) dependen das subvencións e concesións do estado, polo que estar "perto" del para as "mordidas" (o chamado capital "castizo"). Pola contra, os centros produtivos da maior parte dese 85% de empresas están fóra, na chamada "periferia". Esta é a base social concreta do nacionalismo español, ese corpo de altos cargos e funcionarios, de xerentes e administrativos que viven da existencia do Estado Español; por iso, non poden nin tan sequera permitir calquera "veleidade" independentista: perderían o seu medio de vida, o Estado Centralista Español.

4.- Para restaurar a unidade é preciso reconstruír a confianza entre os pobos, acabar co apoio de sectores da clase traballadora española ás campañas "anticatalanas" ou "antivascas"... de trazos xenófobos respecto de galegos, andaluces, estremeños. Iso, tras séculos de opresión, só pode facerse sobre a base do exercicio do dereito á autodeterminación. Pero para reconstruír esa unidade, as poboacións traballadoras das nacións oprimidas teñen que romper a confianza nas organizacións independentistas que cingan calquera saída política ás súas fronteiras nacionais. A constitución dun novo estado é un dereito dun pobo, con todo, non pode facerse contra os traballadores / traballadoras doutros pobos, pois se poderían o servizo das súas clases dominantes, creando unha nova división entre a clase traballadora. Respecto o exercicio do dereito á autodeterminación, o exercicio efectivo do voto chegando á independencia, si; unidade coa clase traballadora das demais nacións, non só si, senón imprescindible para que o novo estado non sexa un novo estado explotador e opresor.

Esta aparente contradición resolveríase a través da convocatoria inmediata dunha Asemblea Constituínte que decidise sobre a forma republicana do estado, garantirá o exercicio do dereito á autodeterminación e rompese coa Unión Europea, non para o caer no illamento nacional como propoñen algúns, senón para superala a través dunha Federación Libre de Estados, que apunte á saída socialista á crise.

Galiza, 23 de setembro de 2014

 


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.