1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)
Roberto Laxe

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

A Velha Toupeira

120 mil mozas e mozos galegos "votan cos pés", emigran

Roberto Laxe - Publicado: Terça, 22 Abril 2014 10:41

Como se fose un escaldazo na fronte, nestes días cuantificase a perda de poboación moza da Galiza: en 6 anos saíron 120 mil persoas novas cara a emigración.


Xa non se ven as imaxes dos anos duros do século XX, cando centos de miles de galegos e galegas colleron o camiño da emigración, mas iso non quer dicir que non exista. O drama é moi profundo, pois expresa a renuncia da xuventude a cambiar a sociedade que lle tocou vivir, e adopta a solución individual, mas masiva, de abandonar.

Lenin, cando o exercito tsarista no 17 desertaba masivamente, dixo que os campesiños vestidos de soldados “votaban cos pés”, desertaban. Hoxe é o que podemos dicir da xuventude galega coa súa masiva emigración, vota “cos pés”: ningunha das grandes opcións políticas que se presentan, o xeito de facelo, levantan a menor perspectiva de cambio.
Porque, de fundo, a emigración non é tanto consecuencia da crise económica, que o é, pois limita as posibilidades que ten unha sociedade de se desenvolver con normalidade baixo o sistema que todos e todas coñecemos, o capitalismo; a crise económica empurra porque no dia a dia demostra a inexistencia de alternativas cun mínimo de independencia persoal que da o ter un traballo digno, e iso fai que a xuventude “vote cos pés”.
Tampouco é consecuencia exclusiva das políticas da Xunta do PP; senón non se explicaría porque de Andalucía, de Asturias e do conxunto do Estado Español saíron cara a emigración nos últimos anos 500 mil mozas e mozos. A política da Xunta explica que Galiza sufra dun xeito especial a lacra da emigración forzada, pois fai parte da división do traballo dentro dun estado centralista, no que a Galiza ten reservado pola forza, desde ha séculos, o papel de aporta man de obra e materias primas para o resto do Estado e de Europa (como Irlanda, o sul de Italia, Andalucía, etc.).
A política da Xunta fronte a crise inscríbese nesta división do traballo feita a golpes, como todo o que fai á burguesía. Á Galiza, o seu pobo traballador, desde a derrota dos Irmandiños xa fai mais de 500 anos, impuxeron-lle ese papel, e así ven sendo con sucesivas ondas de emigración no século XIX e no século XX, ate o extremo de que mentres a poboación española multiplicase por 4, na Galiza foi por dous. Zonas do estado como Cataluña ou Madrid, que a comezos do século XX tiñan menos poboación que Galiza, hoxe teñen mais do dobre ou case o triplo.
Isto é indubidable. Mas ha un terceiro elemento decisivo para ese voto “cos pés”: a inexistencia dunha alternativa social crible, que ilusione á xuventude galega para, a pesar dos inconvenientes, decida-se a quedar e loitar por ela. Volvendo ao exemplo do exercito tsarista, que “votaba cos pés”, desertando masivamente. Pois ben, moitos deses desertores, cando en Outubro do 17 os bolxeviques toman o poder, e decretan a reforma agraria, volven ao fronte, á guerra civil, enfrontan e derrotan a agresión militar de 21 potencias mundiais e os “brancos”, as forzas militares tsaristas. O “voto cos pés” tivo un efecto boomerang, cando se trataba de defender o tsarismo fronte os alemáns, o campesiñado non acreditaba nelo, e desertaba.... Mas cando o que defendían era a reforma agraria que lles dera a terra dos terratenentes, foron á guerra a defendelo.
A cuestión esta no eido subxectivo, nas perspectivas de cambio. Mentres a sociedade non ten na súa perspectiva vital un cambio de fondo, “vota cos pés”, desertando ou emigrando; como vulgarmente se din, “procurándose a vida”. Mas cando a sociedade da un xiro, e comeza a ter unha perspectiva de cambio, de resolución das necesidades, o “voto cos pés” ten o sentido contrario.
A xuventude galega esta “votando cos pés” contra todas as opcións políticas que se lle ofrecen, porque ningunha delas ofrécelle unha perspectiva de cambio de fondo da súa situación que faga “rendible” individualmente os sacrificios que supón. Dito doutra maneira, o quedarse ou non no país onde un naceu ten dúas condicións previas, unha, que  esa sociedade, aínda sendo capitalista, ofreza alternativas individuais de vida dignas como son hoxe os estados imperialistas, aínda que froito da crise estean adoptando medidas restritivas á inmigración; dous, que sexa real a posibilidade de que loitando, e sacrificándose, será posible cambiar as regras do xogo e construír una nova sociedade que garanta esa vida digna.
No segundo caso, os problemas nos países de orixe (Galiza, ou o que sexa), están ligados á existencia do capitalismo imperialista. A crise económica empurra á emigración porque bate con dureza nesas poboacións, e sitúa-a como alternativa individual á loita pola transformación da sociedade. Por iso a emigración en realidade é un fenómeno subxectivo: se a sociedade tivera como perspectiva esa transformación da sociedade, vexa como posible o facelo; a xente non emigraría, ficaría no país e loitaría: o “voto cos pés” toma o sentido contrario.
Hoxe, na Galiza, despois do fracaso do Bipartido que truncou moitas ilusións da xuventude dun verdadeiro cambio social (este é o verdadeiro balance negativo do BNG/PSOE, o de empurrar o escepticismo a moita xente), e a perspectiva institucionalizada das forzas da esquerda, non animan a “votar cos pés” no sentido de ficar no país, senón non no da procura de saídas individuais, que é a quintaesencia da emigración.
E aquí entra a responsabilidade das forzas da esquerda institucional, que coas súas políticas institucionais, acartonadas, que non poñen no centro da súa actividade a confianza na autoorgaización da poboación traballadora, que non poñen no centro a loita por unha nova  sociedade, senón na reforma desta sociedade en crise, que é a que empurra á emigración, fan que 120 mil mozas e mozos galegos, teñan votado “cos pés”, camiño da diáspora.
Esta claro que a emigración é un problema obxectivo, a crise económica capitalistas e as políticas dos gobernos burgueses, que ten un combustible subxectivo, a falta de alternativa social global a estas políticas. As organizacións e os activistas que procuran a transformación da sociedade o que poden facer fronte a ese tsunami social é comezar a construción dun programa de transformación socialista da sociedade, que de unha perspectiva revolucionaria, de conxunto, a un problema que ameaza con destruír unha sociedade. Non son alternativas como o “vótame para cambiar" as que mudaran a tendencia á diáspora, senón o “loitemos xuntos” para cambiar a sociedade, que “si é posible”.
E isto, por último, ten dúas consecuencias terribles; unha, socialmente prodúcese unha queda da natalidade porque quen emigra é quen ten a posibilidade biolóxica de reproducirse, os mozos e mozas; dous, a falta de mocidade seca do zume vital as organizacións transformadoras, deixándoas como clubs de xubilados. Nos dous casos, o capital galego e español contento, pois consegue o seu obxectivo de manter Galiza como unha reserva de man de obra e as organizacións transformadoras perden a forza, a prepotencia e o necesario aventureirismo que é conxénito á xuventude, e imprescindible para facer unha revolución. A revolución pode-se pensar, mas só a forza da xuventude pode facela.
 
Galiza, no mes de abril do 2014


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.