1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)
Roberto Laxe

Clica na imagem para ver o perfil e outros textos do autor ou autora

A Velha Toupeira

A refundacion de Europa: O poder, a asemblea constituínte e os Estados Unidos de Europa

Roberto Laxe - Publicado: Domingo, 28 Outubro 2012 15:35

No ano V d.c. (despois da crise) o capitalismo segue buscando umha saída a sua crise, que lle permita recuperar os beneficios que nos anos previos á crise levou a moitos a falar do “fin da historia”, do “fracaso do socialismo”, e do carácter antigo do marxismo: o moderno, o futuro dixeron, viña marcado pola vitoria do capitalismo a todos os niveis.


A crise coas suas consecuencias políticas e teóricas, impón non so a actualidade do marxismo, mas tamén umha combinación orixinal de políticas nas que as palabras de orde que fan o poder estan no centro do que se deu en chamar “refundacion da Unión Europea”. Non facer frente a este problema con propostas en positivo como asembleas constituíntes ou nun paso superior, goberno dos traballadores, que liguen a caida dos réximes europeos coa propria destruccion da UE como institución supra estatal, é perigroso para calquer opción revolucionaria.

Crise económica e crise política na UE

A crise económica veu a demonstar diante de todos que o capitalismo é un sistema incapaz para resolver os problemas da sociedade, que periodicamente sofre agudas crises, cada vez mais profundas e con mais difícil solución. Por so referirnos ás dúas ultimas do nivel da actual, a do 29 -a Gran Depresión-, e a do 72/73 -chamada o do “petróleo”-. A primeira xerou o fascismo e rematou coa II Guerra Mundial; a segunda co triunfo do neoliberalismo, o desmantelamento do Estado do Ben estar, a restauración do capitalismo nos estados chamados “socialistas” e as guerras que lle sucederon, nomeadamente a de Iugoslavia e a 1ª guerra de Iraq.

O capitalismo non sabe resolver os seus problemas se non é pola forza, pola loita polo poder de calquera das suas fraccións, estados ou sectores, de tal xeito que os poderosos destrúen fisicamente aos mais débiles, xa sexan estes outros capitalistas. Quen paga o final estas loitas polo poder entre eles son o pobo traballador, e non concreto a clase traballadora.

A crise europea é o punto central, hoxe, desta loita polo poder entre os diferentes estados que a compoen. A coñecida como “crise da débeda” non é mais que a utilización dunha ferramenta monetaria para atar os capitais mas débiles aos mais fortes e impor umhas medidas á poboación, que a falta doutras de futuro, permitan o saqueo das riquezas sociais para beneficio de bancos e grandes empresarios.

A crise da débeda é a manifestación na Unión Europea da crise do sistema capitalista que na procura da recuperación da taxa de lucro, favorece a especulación co diñeiro que a banca lle presta aos estados. Nin mais nin menos. Por iso, a crise da débeda é a crise dunha “unidade europea” moi precisa, a unidade capitalista acordada no Tratado de Maastricht.

Isto pon ás mesmas burguesías na disxuntiva de ou avanzar en “mais” Europa, cos eurobonos, coa política fiscal unificada, con mais atribucións ao Consello de Europa e o Ecofin ou MEDE ou como lle queiran chamar, ou retroceder á “balcanizacion” e ás liortas do século XIX e XX que conduciron ás guerras mundiais. A partir da defensa da Unidade actual, todas as burguesías nacionais queren facerse coa mais grande parte da torta no seu peto, e coa alemá á cabeza, asistimos a unha sorte do nova “guerra” europea, agora feita por medios non militares, senon económicos, monetarios e políticos.

Neste “barullo” que é a actual UE intervén, como non podía ser doutra maneira, o resto das potencias imperialistas, especialmente os EE UU, que ven no debilitamento de Europa a retirada da competencia do mercado mundial dun competidor. “Un menos a repartir”, poden pensar desde Washington, e asi poden adícar as suas forzas a frear ás potencias emerxentes, os chamados BRICS.

Dicía Lenin que “fora do poder todo é ilusión”, e os capitalistas ben o saben. O estado, o sector do capital que o domine, é quen fai as leis o seu servizo: un exemplo recente e moi explícito disto foi a loita polo plan eólico na Galiza. A Xunta Bipartida fixo un reparto baixo un plan que supuña a criacion o seu redor dun tecido industrial que non gustou ao capital español, pois marxinaba a un sector da burguesía especulativa; desde o centro, con aliados dentro da Galiza, desataron umha ofensiva contra o bipartido, cuxo eixo era tombar o plan. O PP, cando chegou á Xunta, o primeiro que fixo foi derrogar o Plan do Bipartido, e aplicar un novo reparto, favorecendo agora aos que lle puxeron no poder, o capital español e os seus aliados galegos.

É un exemplo de como un enfrontamento entre dous sectores da burguesía tumban un goberno e pon outro; porque a burguesía, a diferenza da clase traballadora e o pobo, ten claro desde sempre a máxima leninista de que “fora do poder todo é ilusión”. De feito, se alguén vai por tras na toma de conciencia do que esta acontecer na Unión Europea é a clase traballadora e os pobos, illados dentro das fronteiras nacionais, mentres as burguesías, con todas as suas contradicións, adoptan posturas comúns.

Foi o retroceso imposto pola restauración do capitalismo nos estados “socialistas” o que levou á perda do perfil de clase en amplos sectores dos traballadores/as, da xuventude sobre todo, disolvendo as contradicións sociais en contradicións nacionais (a auxe do nacionalismo de calquera tipo). Apoiándose neste feito obxectivo as cúpulas políticas e sindicais alimentan ese atraso coas suas políticas de illamento dentro das fronteiras estatais. Diste xeito se perde de vista o fundamental, a tendencia á unidade por riba das fronteiras da clase traballadora é imprescindible para derrotar o que é un fenómeno transnacional.

O poder na Unión Europea na sua “refundacion”

É un feito que os ritmos económicos e sociais tenden á confluencia no conxunto da Unión, mas non como non podía ser doutro xeito, non o fai de maneira harmoniosa e planificada. O que esta a acontecer na UE é exactamente o mesmo que sucedeu, so que a un nivel moito mais grande, na Galiza. As contradicións entre os diferentes sectores burguesas non están no calibre do ataque á clase traballadora e o pobo, aquí teñen unidade, senon quen controla o poder de aquí para diante e no seu beneficio, isto é o que significa a “refundación da UE”, a reordenación de todas as institucións europeas.

A crise económica puxo de manifesto as debilidades do Tratado de Maastricht, como por exemplo a obriga de financiamento a través de prestamos da banca, de ter que ir aos mercados para se financiar, permitiu que no medio dunha crise determinada pola queda da taxa de lucro da industria e o aumento exponencial da especulación -especulan con todo, desde o agro alimento ate con xogadores de futebol-, a débeda soberana tamén se convertera nunha peza mais da “economía do casino”.

Se a elo engadimos-lle os intereses políticos dos EE UU de debilitar a moeda -o euro- que ate o momento era a única que podia romper o monopolio do dólar como referencia mundial, coas nefastas consecuencias que isto teria para a economía ianqui, o caldo de cultivo para crise da Unión esta servido.

Como toda crise, a rutina do poder rompe polo mais débil, e os lobos (lembremos a Hobbes definindo ao ser humano “como um lobo para o home”, co que estaba describindo á sociedade burguesa, capitalista) lánzanse sobre a peza que esperan cobrar. Os lobos internos na UE xa teñen a peza clara, os chamados “periféricos”, mas para iso teñen duas opcións das que xa se falou, ou avanzan en “mais” Europa, o voltan ás épocas da “balcanizacion”.

Por iso, a crise actual da Unión Europea é a máxima expresión da tendencia do capitalismo á concentración e centralización do capital exposta por Marx, segundo a cal os mais rendibles destrúen aos menos rendibles. Marx explicábao pola actuación da lei da tendencia a igualación da taxa de lucro, na que os capitais que teñen un nivel de produtividade superior á media absorben polos dos prezos de mercado das mercadorías, a mais valía xerada no sector, arruinando os que non son capaces de manter esa media.

Cando traducimos esta tendencia económica á política, encontramos a frase de Lenin, “fora do poder todo é ilusión”, o que hoxe significa “refundar a Unión Europea” baixo a nova correlación de forzas derivada da crise. A esta tarefa están postas todas as enerxías, as viaxes, as reunións, as propostas políticas, os recortes e os axustes: están construíndo unhas novas relacións de poder entre eles, que teñen duras consecuencias para as poboacións. Como todo nascimento de algo novo, ven con violencia, o grao de violencia so depende das resistencias que achen no seu camiño, e non so contra a clase traballadora e o pobo, senon entre eles proprios. As guerras interburguesas existiron, existen e existiran ate que o capital deixe de ser o centro do problema.

Agora estas “guerras” entre eles son esencialmente financeiras e monetarias, para arruinar o mais pobre, e así poder facerse co seu mercado a prezo de saldo, ou para impor umhas políticas contra os traballadores/as e os pobos que permitan facerse coas riquezas sociais (a forza de traballo e a natureza) do país en cuestión. Esta é a esencia da crise da Unión Europea, a loita polo poder na nova Europa que xurda da crise, que eles chaman “refundacion”.

Estamos na era do imperialismo e isto fai que non vaian chamar á poboación á participar nesa “refundacion”, a burguesía nin nas suas épocas mais revolucionarias falou claro. Os seus obxectivos estaban sempre ocultos tras ideoloxías relixiosas ou como moito propostas formais. En Holanda fixeron umha revolución burguesa contra o imperio español coa relixión como estandarte; na Gran Bretaña foron os Puritanos de Cronwell os que fixeron a revolución burguesa. Nos EE UU a sua Constitución comeza, “deus criou...” e o mais avanzado, Franza, non deixou de seren un formalismo o da “liberdade, igualdade e fraternidade”, porque non liberaron ás colonias, mantiveron a escravitude, e a muller e os obreiros/as non tiñan direito o voto.

Mais Europa e debilitamento dos réximes

Do mesmo xeito que a tendencia económica á centralización e concentración de capital destrúe os mais débiles, a tendencia a “mais” Europa, que como dicía Trotski “xorde das entrañas do sistema capitalista”, esta a debilitar os estados nacionais construídos o longo de séculos, e baixo os golpes de ducias guerras en toda Europa. Esta claro que este carácter capitalista da unidade actual xera rexeitamento social e freos que veñen, ou ben de sectores da pequena burguesía ligada aos mercados estatais que se manifesta nas alternativas nacionalistas nas nacións sen estado ou as fascistas, ou da aristocracia obreira dependente das subvencións estatais que protexen sectores industriais, e expresadas nas cúpulas dos sindicatos reformistas.

A delegación de soberanía monetaria feita en Maastricht e co Euro, segunda a cal os estados renunciaban a umha parte fundamental da sua soberanía sen que vaia acompañada dumha política fiscal e orzamentaria común, era obvio que ía abrir as portas á especulación coas débedas soberanas. Non se sostén para ninguén que os membros do clube do Euro teñan que se financiar a partir das suas proprias forzas, e mais cedo que tarde esta contradición ía explodir, como asi aconteceu.

Para o 2013 entra en vigor a Lei Bolkestein de liberalización na UE dos servizos e o comercio, en 2013 liberalizase o transporte ferroviario, o 60% da lexislación estatal é decidida desde as Directivas Europeas... isto pon ao conxunto da Unión Europea diante dunha definición chave, o que é a Unión Europa, un Estado, um tratado entre estados, ou o que é.

Esta claro que non é un Tratado, que é algo mais, porque aspectos decisivos da soberanía dos estados, comezando como vimos pola monetaria, xa non a teñen. Un Tratado é un acordo entre estado soberanos, e non supón a perda desta soberanía, salvo en aspectos moi concretos e específicos. Se algún dos estados que asinen o tratado perden soberanía nun aspecto central como o monetario non supón un acordo, senon un troco na relación entre ambos, e o que perde a soberanía pasa a ser dependente do que gaña (neocolonia, protectorado, ou como se lle queira chamar).

A Unión Europea é un “proto estado” que supera o carácter dun tratado e introduce un elemento novo na relación entre os estados, a perda de soberanía sen perde-la toda, umha forma de Confederación de Estados. Perdese en aspectos monetarios, financeiros e económicos, o comercio entre as nacións europeas supoen máis do 60% dos seus intercambios; mesmo pódese falar, polo interrelacionamento existente entre as burguesías, dumha burguesía europea, de multinacionais europeas (o 70% das fusións empresariais en Europa, a comezos do milenio, prodúcense entre empresas continentais), etc. Avanzan tamén en “unificar” as políticas represivas, como o Tratado de Shengen, e policiais, a Europol á que lle estan dando mais competencias.

Mas, e isto é o que é umha contradición que vai esplodir, os Estados conservan a independencia no que é fundamental para o estado burgués, a política exterior e de defensa. Porque voltando a Lenin, “fora do poder todo é ilusión”, e o poder esta na punta do fusil (o para actualizalo, no misil).

As tendencias económicas e sociais, a pesar disto, apuntan e esixen “mais Europa”, tanto para o capital como para a clase traballadora. A un mesmo punto pódese chegar por dous camiños distintos, e coñecer os dous camiños é fundamental para non cair nin nas claudicacións no proceso capitalista de Unidade burguesa, como fan sectores da esquerda reformista ou neo reformista, e que demagoxicamente utilizan os Social liberais dos Partidos Socialistas. Que se teña que avanzar no camiño de “mais Europa” non quer dicer que teñamos que manter a actual Unión Europea, nin tan sequera a que están refundando a golpe de austeridade.

Contraditoriamente ao que lles gostaria, “mais Europa” supón un debilitamento dos estados, umha perda de lexitimación diante das suas poboacións, que ven como as medidas que lles afecta na vida cotiá non depende do seu voto nin da vontade dos seus gobernos mais directos, senon de Bruxelas, do BCE ou do ECOFIN. Os dous exemplos paradigmáticos, mas diferentes deste debilitamento son Italia e o Estado Español.

En Italia o goberno foi decidido directamente por Bruxelas, sen ningún proceso electoral no que a poboación decidira quen ía presidir o goberno. De feito, menos mal para eles que o gobernante deposto fose un histrión do calibre de Berlusconi, porque noutro caso, esa actuación “colonial” feita desde a Unión Europea tiña que ser vista como un ataque á soberanía, o que poría de novo (como fai 70 anos) na orde do dia a loita pola liberación nacional.

Hoxe Italia é o exemplo máximo de integración europea, sen que haxa umha resposta de masas pola liberación nacional. O que ha é umha loita, mais o menos xorda, contra as políticas de axuste e austeridade, porque a poboación italiana, mais aló do carácter absolutamente antidemocrático da medida de impor primeiro ministro sen eleccións, percebe que o problema non é exclusivamente italiano, senon europeo.

No Estado Español, pola contra, a UE e o goberno foxen dumha medida similar porque o réxime español é fillo dun inestable pacto entre a ditadura franquista e as organizacións do movemento obreiro que ninguén quere tocar, e impor desde fora un presidente do goberno daría un golpe ás correlacións de forza acordadas neses pactos: non existen técnicos neutrais na división da Guerra Civil e a ditadura. Mas, o réxime da Transición non deixa de estar sometido á mesma perda de soberanía que o resto, e a crise catalá, coa sua burguesía procurando un engarce directo con Europea a través da sua independencia é umha das suas expresións mais agudas.

A estabilidade do réxime español esta sometido a dúas presións, a interna, a loita pola Memoria Histórica que rompe os pactos da Transición, e a perda de soberanía polos acordos internacionais. Isto fai da monarquía unha institución prescindible a medio prazo. Mas a excepcionalidade histórica que foi a Transición Española explica que a implicación da clase traballadora nos procesos europeos sexa mais débil que no resto.

Se nos referimos ao resto dos estados da Unión Europea, é un feito que comezando polo que hoxe marca o paso, Alemaña, ate Grecia, todos eles dependen uns doutros, e a perda de soberanía é igual para todos; o que muda é a correlación de forzas nas tomas de decisións, uns pasando a ser “protectorados” da UE, con “virreis” en forma de “homes da Troika”.

A loita polo poder hoxe

Ate o de agora viuse que a crise, como todas, muda as condicións concretas de dominación da clase capitalistas, das relacións entres os seus sectores nacionais, produtivos, etc. Do mesmo xeito que umha crise económica é, en descripcion de Isaak Rubin, “a ruptura do equilibrio” entre os sectores da produción e a distribución de mercadorías, que xera os conflitos sociais e políticos; umha crise política é a manifestación da “ruptura do equilibrio” entre as clase sociais, e dentro delas, das súas fraccións internas.

É xa un lugar común falar da perda de poder das “clases medias”, é dicer, da desaparición da aristocracia obreira e a pequena burguesía -asimilados na socioloxía burguesa polo seu poder adquisitivo, mas con diferentes lugares na propriedade dos medios de produción e distribución-, o seu empobrecemento e proletarización (seria convínte reler a Marx sobre a proletarización das capas medias da sociedade). Sectores desta clases non van reaccionar nun sentido progresista frente ao ataque ás suas condicións de vida, senon que moitos deles van camiñar cara o fascismo, cara o repregamento “nacional”, na defensa dos seus privilexios estatais frente o seu empobrecemento o que lles condena a UE.

A polarización cara a direita dos partidos “conservadores” en toda Europa é unha tendencia inexorable pola crise, ate chegar os extremos do fascismo como en Grecia. Desde as nacións sen estado ven un empurrón á disgregación dos estados debilitados. O equilibrio na base da sociedade, a clase traballadora, a pequena burguesía, etc., esta roto pola crise, e isto vai provocar mais crises políticas que xúntanse á ruptura do equilibrio entre os estados.

Volvendo a Lenin, “so o poder” pode pór orden neste barullo que é Europa no ano V d. C. E isto significa pór a política no posto de mando. Porque o poder remite á discusión sobre que programa se vai levar adiante e quen o vai facer.

A loita polo poder refírese a que clase, a través de que institucións, vai facer efectivos esos programas na sociedade. E non é umha polémica intelectual como poden pensar algúns sectores da esquerda, é a polémica central en calquera organización que teña como obxectivo a toma do poder político, supon a elaboración do plan político nese camiño. A frase Lenin bastaría para ver que non é unha discusión abstracta, senon ben concreta; alem mais, foi Trotski quen baixou a terra a idea leninista no Programa de Transición cando afirma que este un sistema de palabras de orde que a partir do nivel efectivo de mobilización e conciencia das masas, “estableza umha ponte que conduza á toma do poder”.

Cando os marxistas do século XIX e XX debatían, sempre era en termos de poder. Bernstein para reformar a idea, Kautski para relegalo ás calendas gregas, e Rosa Luxemburgo, Lenin ou Trotski para convertelo nunha tarefa presente e actual (mesmo entre eles habia diferenzas). Mas todos eles debatían, no fondo, de como cada un deles pensaba que a clase obreira podía tomar o poder. Tan é así, que a divisoria de augas establecíase xusto na consideración que cada un tenia da toma do poder, os reformistas, os centristas e os revolucionarios. Foi a realidade quen demonstrou a verdade e umha discusión aparentemente escolástica encheuse de contido.

A loita da clase traballadora é polo poder?

Hoxe, produto do retroceso na conciencia e na elaboración do marxismo, reconducido a umha ideoloxía humanista ou a unha metodoloxía económica ou sociolóxica, perdeuse esta discusión: como “imaxinamos” a toma do poder. Todo o que fai o ser humano pasa polo seu cerebro, isto é o que nos diferencia dos animais, que atúan por instinto, e no cerebro “imaxinamos”, facemos hipótese, elaboramos teorías, que despois na practica resolvemos como reais o simplesmente froito da nosa imaxinación.

A estas alturas da crise é un feito para todo o mundo que o capitalismo é incapaz de sacar a humanidade da crise social, política e económica na que esta sumida. A pregunta que se fai todo o mundo é, baixo que programa, e, sobre todo, quen o vai facer.

Nun mundo en crise, sen alternativas sociais globais que den umha explicación ó fundamental do que esta acontecer, cobran forza as teorías e as propostas das saídas sectoriais. Existen propostas de soberanía alimentar, de economía feminista, alternativas ecolóxicas e todo xeito de alternativas individualistas; todas elas enfrontan manifestacións concretas da crise social xerada pola crise económica e política do capitalismo; mas por elo, as suas alternativas non enfrontan directamente o poder político do capital, senon que sitúan a resposta na construción de agrupamentos “por fora do sistema”, non “contra o sistema”. Foxen como da peste da discusión central, como enfrontar o poder político do capital a través dos seus estados, dos seus tratados, dos seus acordos, e sustituilo por un poder que sitúe como alicerce a construción dunha sociedade aos servizo do ser humano, da resolución das suas necesidades.

A dexeneración dos estados chamados “socialistas”, agora xa capitalistas, a virada á direita de imesa maioría das organizacións da esquerda cara ás institucións burguesas e o electoralismo, a participación en gobernos burgueses, adornados co termo “progresista”, das organizacións que xurderon da crise do estalinismo, como os “Verdes” alemás que pactaron coa Socialdemocracia de Schroeder o desmantelamento do Estado do Ben estar na “axenda 2010”, a participación de Refundacione Comunista en Italia nos gobernos “progresistas”, o apoio de IU, ERC, BNG aos gobernos de ZP, etc., demonstraron que todas estas organizacións non ían mais aló de ser un “lobby de esquerdas”, para presionar aos Partidos Socialistas (mellor chamados, Social liberais) para o seu xiro á esquerda.

O final, uns e outros aparecen diante das poboacións como parte do problema e non como elementos para a sua solución. O fondo de todos eles é que renunciaron a prantexar como eixo do problema cuestión de quen manda, de qué carácter ten estado; limítanse a defender o Estado do Ben Estar, como se este estado non fose, tamén, unha maneira doce de manter a explotación da clase traballadora e o saqueo dos pobos. A renuncia a levantar unha proposta de poder alternativo ao poder do capital levounos a claudicarlle aos representantes “progresistas” do Capitalismo, a “socialdemocracia”.

E nesta chegou a crise actual, co seu cuestionamento de todas as relacións políticas e sociais preexistentes. A aparición das potencias “emerxentes”, os BRICS, a crise dos dous grandes poderes imperialistas, os EE UU e a UE, as revolucións árabes e a loita da clase traballadora e os pobos en todo o mundo e, polo que fai á conciencia das poboacións, a perda da seguridade na estabilidade do sistema, fai que hoxe todo o poder este en cuestión, que sen umha alternativa politica revolucionaria abre ás portas á todas as correntes “anarcoides” e o rexurdimento do nihilismo.

Achamos aqui o punto decisivo da crise, de económica e social transformouse en política. A pregunta que se fai calquera hoxe é ben política: se o capitalismo demonstrou o seu fracaso e xa non pode garantir o noso futuro, quen pode facelo. Por este burato entran todas as alternativas sociais e políticas ás que nos referiamos antes.

Mas os marxistas si temos umha resposta que temos que limpar da sucidade que o estalinismo en todas as suas variantes emporcou: o socialismo e o programa de transición para acadalo, a ditadura do proletariado, é dicer a loita da clase obreira polo poder.

Nisto resúmese a permanencia da crise actual, a clase traballadora, froito de anos de retroceso, do desprestixio da alternativa socialista e dos mecanismos da democracia burguesa fomentados e favorecidos pola meirande parte das organizacións da esquerda, achase atrapada nas redes da democracia formal, burguesa. Aínda que obxectivamente o poder do capital esta en crise e cuestionado por millóns de seres humanos, se sostén por que a clase obreira ainda non deu o paso á consciencia de construír umha alternativa de poder, o seu poder, o salto da “clase en si” á “clase para si”.

Asemblea Constituínte e o poder da clase traballadora

Abrir o camiño da loita polo poder é a tarefa central, posta na mais perentoria actualidade pola crise do sistema capitalista. No V d.C non se ve saída do túnel da crise; ningún dos “gurús” do capital son quen de pórlle final á crise, cada ano que pasa alongan mais a sua resolución. O motivo é ben claro, non ven a contradición que os marxistas vimos marcando desde ha anos, as relacións sociais de produción capitalistas están a chocar co desenvoltamente das forzas produtivas, ou o que é o mesmo, a capacidade produtiva do sistema desborda a capacidade deste para absorbe-la toda, xerando umha queda da taxa de lucro e umha sobre produción de mercadorías, que sen darlle saída no mercado non son mais que capital morto, investimento falido.

Este é un feito obxectivo que marca a lume e ferro a crise do capitalismo. Mas a conciencia do problema e as propostas políticas van por tras desa realidade e das necesidades sociais, por iso os marxistas defendemos sempre que a superación desa contradición ven da construción dumha ponte de esixencias e reivindicacións que axuden á clase traballadora a saír das redes da democracia burguesa, e se orienten inequivocamente cara a toma do poder, á construción dumha sociedade sen relacións sociais de produción capitalistas; e diste xeito, liberar á humanidade das cadeas da explotación e a opresión.

Esta é a arte da política revolucionaria, favorecer o crecemento da conciencia das masas como colectivo para enfrontar e resolver as contradicións xeradas polo capitalismo e as suas crises, facer consciente o que hoxe é inconsciente, a necesidade de acabar co poder do capital e, o que é mais difícil, que a saída é a revolución socialista, sabendo como sabemos, que a “ideoloxía dominante é a ideoloxía da clase dominante”.

Por iso a gran aportacion de Trotski a esta arte é definición de Programa/Palabras de Orde de Transición, cando din que a tarefa dos revolucionarios é estabelecer “un sistema de palabras de orde, que partindo do nivel efectivo de mobilización e conciencia das masas, as conduza á toma do poder”.

As masas traballadoras na sua loita contra o capital e polo poder aprenden da sua experiencia práctica, non ha ningunha “universidade popular” que substitúa a necesidade da loita política concreta no que fagan esa experiencia. Prever os limites desa experiencia e procurar sempre facer propostas para avanzar é a tarefa dos sectores da clase traballadora que, polos motivos que sexan, adoptan umha posición de vangarda.

Por exemplo, se hoxe todos estamos dacordo en que o nu Gordiano da situación política é o poder, que resposta existe á pregunta de “quén pode sacar á sociedade da crise”, que institucións poden facelo, é obvio que a palabra de orden central dos revolucionarios ten que ser umha que reposte a elo. A proposta ten que tentar sintetiza-lo nunha idea que permita avanzar á clase traballadora neste camiño, todo o demais e facer propagandismo -non propaganda, que é cousa ben distinta, é a diferenza entre defensa dos direitos nacionais e nacionalismo, defensa dos direitos da muller e feminismo, un é unha política, o outro é umha ideoloxía-.

Hoxe e mesmo os sectores mais avanzados da loita de clases, o pobo grego e os árabes, non rompen coa democracia burguesa, sitúan á saída social aínda nos cadros das eleccións a parlamentos burgueses e nos partidos que respostan a esta institución. O seu nivel efectivo de conciencia e mobilización esta dentro dos marcos do sistema electoral burgués, por iso cando en calquera estado en xeral, e europeo no concreto, se fai umha convocatoria electoral, ainda sexa nun alxido momento da loita de clases, xurde o “cretinismo parlamentario” e todos se poen en función da palabra máxica: o voto, a quén se vai votar é a pregunta. A mobilización social fica ó servizo desta palabra, o que aproveitan todas as forzas electoralistas para desviar a discusión cara o seu voto.

Mas non todas as eleccións burguesas abren debates iguais. As eleccións parlamentarias non poen sobre a mesa o problema do poder político, senon quen asume o goberno nun momento concreto. Umha convocatoria electoral é a mellor maneira de facer un falso debate sobre quen ten o poder, porque o goberno non é mais que un representante “precario”, “temporal”, do aparello do estado burgués -a sua destrución é o obxectivo final da revolución socialista- e dun réxime concreto -a sua destrución é o obxectivo dun troco democrático na sociedade-.

Goberno non é igual a Estado, como Réxime non é o mesmo que goberno ou Estado, son xeitos de organizar a dominación distintos e teñen umha relación coa conciencia das masas diferente. Umha folga xeral pode derrubar un goberno, mas unha folga xeral non é quen de acabar con réxime e moito menos co Estado Burgués. Cada enfrentamento resposta a un nivel concreto de desenvolvemento da loita de clases, a queda dun goberno pode favorecer o desenvolvemento da loita, mas é fácil de resolver para a burguesía, convoca novas eleccións e xa esta.

A ruptura cun réxime, que é a maneira concreta de organizar un Estado nunhas condicións históricas da loita de clases, esixe un esforzo e un nivel de conciencia superior das masas traballadoras. Supon a ruptura de esa maneira legal de organizar que chamase Constitución; que as masas podan decidir directamente sobre qué contido ten esa Constitución é, en palabras de Lenin, “o máximo de democracia dentro dos marcos da república burguesa”. Dependendo do carácter concreto de cada Réxime, a sua ruptura ben pode ser por medios electorais, como foi o 14 de abril de 1931 no Estado Español, por medios insurreccionais, febreiro do 17 en Rusia, ou militares como a queda de Batista diante da guerrilla castrista.

O seguinte paso é a loita pola derrubada do estado burgués, e a toma do poder pola clase traballadora e o pobo. Isto supón un nivel de conciencia e enfrontamento superior, e logralo non chega con umha folga xeral nin medios electorais, mesmo umhas eleccións á umha Asemblea Constituínte, senon que precisa da organización da insurrección popular e a existencia de organismos de poder alternativos, que ocupen o lugar do estado burgués derrubado.

A arte da política revolucionaria é a de definir o momento exacto no que umha proposta fai avanzar, para dar o seguinte paso, ou pola contra defendela é un freo á ese proceso. Propor como obxectivo central dun momento concreto a queda dun goberno cando a tarefa que esta aberta é derrubar o réxime, desvía a loita da clase obreira ao pantano das eleccións burguesas e supon obxectivamente un freo ao desenvolvemento da conciencia das masas, que non se cinguen o enfrentamento co goberno de quenda, senon co réxime en crise.

Ten a mesma consecuencia levantar umha proposta de Asemblea Constituínte cando o enfrontamento é co estado burgués, e a tarefa é a sua destrución, só que neste caso a derrota da clase traballadora e o pobo ten umhas consecuencias nefastas, pois estamos diante do enfrontamento final entre as forzas do capital e as forzas do traballo.

Recapitulando, as tarefas actuais

A crise actual do sistema capitalista pon na orde do día a loita por quen é capaz de sacar á sociedade do camiño á que conduce as políticas burguesas. Se o capital e os seus gobernos impoen os seus proxectos de empobrecemento, autoritarismo e barbarie social, ou a clase traballadora e os pobos organízanse para loitar pola única saída que pode evitar ese camiño, o socialismo. Esta é a disxuntiva na que se move a humanidade desde ha moitos anos, e que a crise actual ten posto como centro da loita de clases.

Esta ruptura do equilibrio no que estaba a sociedade, que perante mais de ducias de anos lle permitiu ao capital xerar uns superbeneficios e unhas migallas coas que evitar o estoupido das contradicións latentes, esta levándose por diante as formas de organización estatal e política que ate o de agora lles permitiu soster a ficción dese “equilibrio” social.

A Unión Europea, o Tratado de Maastricht e os réximes europeos son parte de crise, son hoxe a parte mais débil, pois ao contrario do que a realidade impuña, as burguesías europeas foron incapaces de avanzar na constitución dos Estados Unidos de Europa. A defensa dos intereses nacionais están no fondo da crise da Unión Europea.

Esta contradición entre as necesidades reais da sociedade, os EE UU EE, e as políticas estreitas das burguesías, poen a poboación traballadora europea ao bordo do desastre, pois é ela a que esta pagando as consecuencias da crise que non xerou.

As burguesías europeas son cada vez mais conscientes da necesidade de que, se queren saír da crise sen verse convertidas nuns “convidados de pedra” no mercado mundial, teñen que dar un paso cara a “mais” Europa. Mas son tamén conscentes que facer isto dun xeito democrático, chamando ás poboacións a participar activamente nel, poría en perigo o seu proprio poder. Por iso, a chamada “refundacion” de Europa están a facela ás costas dos pobos, en base a negociacións e pactos segredos entre os seus gobernos.

Pola sua banda, os pobos e a clase traballadora europea esta respostando dun xeito illado uns doutros, sen unha política conscente á unificación da mobilización que a cotio prodúcese en toda Europa.

En unha situación de transición a un proceso superior, das características proto estatais como a da Unión Europea, que implica tamén unha unidade das relacións sociais e da clase obreira europea que esta a debilitar os estados, hai que establecer un sistema de propostas programáticas que liguen os dous aspectos. Sen abandoar a loita polo poder no interior dos estados, e xunto a consignas que enfrenten o seu debilitamento hai que levantar outras que avancen na unidade europea, democráticas e outras que cuestionen as bases capitalistas da actual Union Europea, e abran a transición cara a construción dos Estados Unidos Socialistas de Europa.

Galiza, a 28 de outubro do 2012


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.