O Diário Liberdade utiliza cookies para o melhor funcionamento do portal.

O uso deste site implica a aceitaçom do uso das ditas cookies. Podes obter mais informaçom aqui

Aceitar
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (2 Votos)
Arquivado em: comunismo  

140512 icForxa! - [Mikhail V. Popov] Catedrático de economía e dereito, Presidente da Fundación da Academia Obreira, representante da revista do Partido Comunista Obreiro Ruso "Sovietsky Soyuz"


[Texto tirado da Revista Comunista Internacional nº 2, traducido por FORXA!]

Como é sabido, a produción é un proceso de apropiación dos obxectos de natureza dentro do marco dunha forma determinada da sociedade e mediante ela. A teoría e historia recoñecen os seguintes modos de produción sucesivos: comunismo primitivo, escravitude, produción feudal, capitalista e comunista. A produción mercantil xorde xa coa descomposición do comunismo primitivo, pero só o capitalismo pode ser caracterizado como economía xeral mercantil, como economía mercantil na etapa do seu desenvolvemento cando a mesma man de obra convértese nunha mercancía. Capitalismo é unha economía que polo seu propio carácter é mercantil.

Todo modo de produción ten como condición as necesidades e o seu resultado final – o consumo. Mais o obxectivo directo da produción mercantil non é o valor de uso, senón o valor, xa que calquera mercancía é un produto fabricado exclusivamente para ser cambiado. O obxectivo directo da produción mercantil capitalista é a plusvalía. O feito de que a produción capitalista teña un carácter social desenvolvido xera unha contradición entre o carácter social da produción e o carácter privadoda apropiación capitalista. As relacións de cambio contradín ao carácter social da produción e, como resultado dunha revolución socialista, no transcurso do período de transición do capitalismo ao comunismo morren e substitúense directamente polas relacións directamente sociais. Na produción comunista, o carácter social do traballo non se manifesta mediado polo cambio, senón directamente; e a mesma produción comunista caracterízase como directamente social e o é tanto na súa fase superior como na inferior –durante o socialismo.

Unha visión dialéctica da experiencia histórica da Revolución socialista en Rusia, así como a construción e desenvolvemento do socialismo na URSS permite observar como se cambia o carácter de produción durante a transición ao comunismo, e se reproduce o carácter da produción no proceso de desenvolvemento do socialismo como a primeira fase do comunismo.

A toma do poder pola clase obreira e a constitución da ditadura do proletariado por si mesma non cambian aínda o carácter de produción. Só despois da expropiación comeza a crearse o réxime económico socialista, dentro de cuxo marco a produción leva un carácter directamente social. Durante o período de transición, esta estrutura (a estrutura socialista) coexiste con outras estruturas. En Rusia, tales estruturas económicas eran a capitalista-estatal, capitalista privada, a pequena produción mercantil e patriarcal.

A produción patriarcal é unha produción para consumo propio e ten carácter natural.

A pequena produción mercantil é unha produción para o intercambio e ten carácter mercantil.

A produción capitalista privada sendo, por suposto, produción de valor (plusvalía) tamén ten que ser caracterizada como mercantil polo seu carácter.

Merece unha mención especial o capitalismo estatal que se utilizou durante o período da Nova Política Económica en Rusia. O que acontece é que durante un determinado período logo da nacionalización [expropiación] lógrase dirixir dun xeito planificado á satisfacción directa de necesidades da sociedade só unha parte de empresas nacionalizadas. E precisamente esta parte, e soamente esta, forma a estrutura económica socialista. Todas as demais empresas expropiadas, aínda que son propiedade estatal, seguen sendo dirixidas, non por unha planificación, senón pola principal lei de calquera economía de mercado, e polo tanto da economía capitalista, - a lei do valor . É por iso que a produción dentro do marco do réxime capitalista estatal ten carácter de mercado.

No transcurso do período de transición, a estrutura económica socialista, desenvolvéndose, substitúe paulatinamente ás outras estruturas. A produción socialista, directamente pública e planificada, convértese, primeiro, na forma dominante, e, logo, na única forma de produción. Na URSS sucedeu o que prevía Vladímir Lenin na súa intervención no Pleno do Soviet de Moscova do 20 de novembro de 1922, dicindo que "da Rusia da Nova Política Económica sairá a Rusia socialista" (Vladímir Lenin. Obra completa, vol.45, p.309).

O proceso de superación de estruturas económicas non socialistas que ten lugar durante o período de transición pode ser descrito cunha soa frase: "Máis socialismo!". Non obstante, esta frase non pode ser empregada falando do socialismo como primeira fase do comunismo, xa que convertida a produción socialista non soamente en dominante senón na única produción, non pode haber máis socialismo, senón o propio socialismo pode ser máis ou menos desenvolvido. O desenvolvemento non é só un aumento ou unha diminución, senón pasa por unha loita de contrarios. O mesmo refírese ao desenvolvemento da produción socialista a través da loita do seu carácter directamente social contra as relacións mercantís como o seu trazo negativo por telas herdado do capitalismo. Esta loita dentro dunha economía planificada depende directamente das posicións teóricas e ideas políticas do Estado e do partido no poder.

A análise das leccións de formación, desenvolvemento e derrota provisional do socialismo demostra que as principais causas de debilidade do socialismo e dunha perda provisional dos seus logros foron as seguintes:

- A maioría dentro do partido gobernante, do mesmo xeito que a maioría da clase obreira, non eran conscientes do principio soviético de organización do poder obreiro como poder formado dentro dos colectivos laborais, non foi entendido que os Soviets son unha forma organizativa da ditadura do proletariado.

- O carácter soviético do poder foi establecido de modo xurídico, pero era soamente unha fórmula sen natureza. A palabra "Sóviets" figuraba na Constitución da República Federal Socialista Soviética de Rusia de 1918, do mesmo xeito que na Constitución da URSS de 1924, con todo, a elección dos deputados a través dos colectivos obreiros (esencia mesma dos soviets), non foi establecida nestes documentos principais.

- A organización do poder non estaba relacionada coa organización da vida económica da sociedade de tal modo que desenvolvéndose a economía de socialismo se fortalecía unha base material para que os obreiros (os produtores directos) participaran na formación e exercicio do seu poder.

- Cando foi aprobada a Constitución da URSS de 1936, o principio de elección e revogación de deputados polos colectivos obreiros, que funcionaba antes, foi substituído cun principio territorial que non era propio dos Soviets. Só se mantivo a proposición de candidatos a deputados por colectivos obreiros.

- Logo dos XX e XXII Congresos do Partido Comunista da URSS, que foron puntos de viraxe que aseguraron o dominio dunha liña oportunista e revisionista na política e economía da URSS, coa reforma económica de 1965 o principio de traballo para a sociedade e para a satisfacción das necesidades de todos os membros da sociedade foi substituído polo principio de maximizar os beneficios de determinadas unidades produtivas. Polo tanto, empezou a debilitarse e destruírse a base económica do socialismo. Isto explica en gran medida unha falta de despregue de resistencia activa á liquidación do poder obreiro.

- O socialismo foi, finalmente, destruído debido a que a chamada vía cara o mercado e a privatización foi adoptada e continuamente seguida. Este rumbo, antisoviético e antipartido pola súa natureza, foi aprobado polo Pleno do comité Central do PCUS de abril de 1991 e levou á liquidación do Partido Comunista da URSS e da propia URSS.

Para o honor da ciencia economista soviética hai que mencionar que este rumbo prexudicial para o país non foi aprobado por ningunha conferencia científica de economistas. Ademais, escoitábanse ben alto e claro as voces daqueles economistas que defendían o carácter directamente social da produción socialista e previñan de que todos os intentos de construír o socialismo sobre unha base de mercado eran equivalentes á súa destrución. Isto vese claramente nos traballos de N.V.Hessin, A.M.Yeremin, N.A.Tsagolov, N.A.Moiseyenko, A.K.Pokrytan, A.A.Sergueyev, V.E.Elmeyev, V.G.Dolgov, R.I.Kosolapov e outros. Por iso, Gorbachev-Yakovlev e os dirixentes traidores do partido só podían buscar apoio nalgúns aventureiros da ciencia económica para xustificarse de maneira superficialmente científica e poder obrigar ao Partido e ao país aceptar este rumbo destrutivo.

O feito de aceptar o XXVIII Congreso do PCUS e a via cara ó mercado fixo xurdir unha tremenda contradición coa súa natureza comunista e significou de feito o seu suicidio. Por iso a suspensión ilegal das actividades do Partido Comunista da URSS por un decreto presidencial foi unha especie de final de transformación do partido. Sobre todo, tendo en conta que o decreto foi asinado por un funcionario do partido crecido nas entrañas do aparello burocrático comunista, ex primeiro secretario, primeiramente, do Comité Rexional de Sverdlovsk, e logo do Comité Urbano de Moscú, candidato suplente do Buró Político do Comité Central do PCUS.

Agora, tras a amarga experiencia de destrución do país e do empobrecemento do seu pobo, faise bastante comprensíbel o erróneo daquelas consideracións amplamente divulgadas, segundo as cales se pode construír unha sociedade socialista sobre unha base de produción de mercado e a lei de valor.

O propio Karl Marx explicou reiteradamente a idea de que, con base no valor e o diñeiro, era imposíbel controlar aos individuos unidos a súa propia produción, que se debía tratar dunha produción completamente contraria á de mercado.

Friedrich Engels ridiculizou os intentos de During de construír un socialismo sobre unha base do intercambio "xusto" de mercancías e do valor constituído.

Vladimir I. Lenin nos seus comentarios sobre o libro de Bukharin "Economía do período de transición" (XI Recopilación de obras de Lenin) non en balde subliñaba que o produto, durante o socialismo, chega ao consumo non a través do mercado. Nas súas "Instrucións do STO (Consello de Traballo e Defensa) para as institucións soviéticas locais" explicaba que o produto estatal, produto de fábricas socialistas, ao ser cambiado polos produtos producidos polo campesiñado, xa non é unha mercancía no seu sentido político-económico. De todos os xeitos, non é soamente unha mercancía, xa non o é, deixa de ser unha mercancía.

Unha vez levada a cabo a colectivización, non obtivemos dous tipos de propiedades, senón dúas formas da mesma propiedade -propiedade social-, dúas formas de subordinación da produción aos intereses sociais únicos. Así, o movemento do produto social entre a cidade e o campo xa non correspondía, estritamente falando, á categoría de intercambio de mercancías que é unha alleamento mutuo dos produtos do traballo ou outros obxectos de propiedade a base dun contrato ou acordo libre. A natureza da produción converteuse na contraria á mercantil. Fíxose directamente social, e independentemente das formas que adoptou e que foron herdadas, en gran parte, do pasado de mercado, e polo tanto tiñan certos trazos e atributos da natureza de mercado, a produción en xeral xa non podía ser caracterizada doutro xeito senón como unha produción directamente social, cuxos produtos e traballo mesmo non se socializan a través do intercambio, senón directamente, desde o principio aparecen como sociais e o son.

Iosif Stalin en xeral apoiaba estas posicións marxistas-leninistas. Desenvolveunas na súa obra "Problemas económicos do socialismo na URSS". No entanto, neste libro foi algo inconsistente. Así, subliñando que os medios de produción non son mercancía, declaraba mercancía os artigos de consumo. Pero entón resultaba que a natureza da produción socialista é dual, non mercantil e mercantil. Si supoñemos que os artigos de consumo son mercancías, isto significa que non se producen para satisfacer as necesidades senón para o intercambio. O traballador, a cambio de mercancías destinadas para o seu consumo, pode ofrecer só a súa man de obra. Entón, a súa man de obra tamén resulta ser unha mercancía, e a produción que acepta a man de obra como mercancía chámase capitalismo. Por iso o concepto de que os artigos de consumo, durante o socialismo, son mercancía lévanos, loxicamente, de volta ao capitalismo.

Tamén é errónea a afirmación de que durante o socialismo funciona a lei do valor. A lei e a natureza son categorías da mesma orde. Por iso a afirmación de que durante o socialismo funciona a lei do valor é equivalente á afirmación de que a produción socialista é de natureza mercantil. Non é casual que tales promotores da produción de mercado como Kronrod, Liberman, Rakitski, Petrakov, Abalkin e outros se agarrasen a estas digresións da estrita teoría marxista cometidas por Stalin, elevándoas a un principio básico e mediante os debates económicos de orientación mercantil estivesen preparando a liquidación do socialismo.

Os acontecementos contrarrevolucionarios na URSS confirmaron que ou ben temos o socialismo como unha produción directamente social –produción de valores de uso, regulada coa lei de valor de uso-, ou ben temos unha produción de valores, é dicir, produción mercantil, cuxo desenvolvemento lóxico é unha produción mercantil capitalista. Claro que podemos dicir que durante o socialismo existe tamén unha produción mercantil en forma dunha produción individual para o mercado koljosiano. Así é. Mais os prezos do mercado koljosiano non son regulados pola famosa lei do valor, senón polos prezos dos produtos das empresas estatais. Os prezos de produtos de empresas estatais á súa vez son definidos dun xeito planificado sobre a base do traballo gastado na súa produción considerando o valor de uso dos produtos directamente sociais.

A produción socialista é unha produción directamente social, produción de valor de uso e non de valor . O carácter mercantil que contén é soamente o seu punto negativo. É unha verdade científica. As tentativas de construír unha economía socialista de mercado -é dicir, volver á produción de valores-, conleva inevitabelmente unha destrución do socialismo. Actualmente é un feito que non ten soamente unha xustificación científica, senón que foi comprobado, desgraciadamente, cunha experiencia histórica.

Por conseguinte, o socialismo é unha economía directamente pública. Non é unha produción de mercancías, valores, senón unha produción de produtos directamente públicos, valores de uso. Polo tanto o mecanismo regulador da produción socialista non é a lei de valores senón a lei de valor de uso.

Que significa isto falando do socialismo como primeira fase da formación comunista? Isto significa que, sendo o obxectivo da produción socialista unha completa satisfacción do benestar e desenvolvemento integral de todos os membros da sociedade, o desenvolvemento dos traballadores como membros da sociedade é supeditado ao obxectivo de produción. Se a produción mercantil capitalista como produción de plusvalías esixe quitar aos traballadores o seu tempo libre e outras condicións do seu desenvolvemento libre, a produción socialista esixe converter o aforro de horas de traballo conseguido grazas ao progreso técnico, non soamente en bens materiais adicionais para os traballadores e traballadoras, senón tamén en tempo libre adicional para o seu desenvolvemento integral, incluído o seu desenvolvemento como participantes na vida estatal e na xestión do Estado. Desafortunadamente, isto precisamente non tivo lugar nos últimos decenios de existencia da URSS.

O propósito do socialismo non consiste soamente en proclamar o poder do pobo traballador, senón en dar ao pobo traballador a posibilidade real e práctica de exercer este poder. Se un traballador pasa oito horas diante das máquinas e pode participar na xestión do Estado só terminada a súa xornada laboral, cando xa se pechan as portas dos Soviets e de Comités executivos, Comités de Partido de distritos e municipais, neste caso o poder popular é só un termo proclamado e quédanos só esperar que o aparello de funcionarios públicos contratados non actúen (por algunha razón) no seu propio beneficio, senón precisamente nos intereses da clase traballadora e da sociedade en xeral. Con todo, estando incontrolado, o aparello administrativo queda tan afectado da enfermidade do burocratismo que inevitabelmente dexenera, e dun instrumento de xestión en interese dos traballadores, convértese no contrario. O que podemos ver tomando como exemplo os acontecementos tristes e tráxicos no noso país.

Pensando agora nas vías para o renacemento do Poder soviético, non podemos pensar só en reconstruír os Soviets e restablecer o poder soviético. Podemos plantexar esta cuestión doutro xeito: Paga a pena restablecelo se logo dexenera no poder da "nomenclatura" e o pobo, logo de vivir algún tempo dun xeito humano, volverá ser sometido ás penurias e pobreza por algúns novos "Gorbachev" e "Yakovlev"? Se temos que restablecer o Poder soviético, hai que facelo sobre unha base económica que consolide o Poder soviético, contribúa a consolidar o Estado soviético e con iso, ampliándose a participación de traballadores e traballadoras na xestión do Estado e desaparecendo calquera Estado en xeral, se pase á autoadministración pública comunista.

A cuestión da participación dos traballadores e traballadoras no proceso do seu poder, Poder soviético, temos que suscitala e solucionala non desde o punto de vista idealista senón materialista. O importante non é soamente convocar aos traballadores e traballadoras a participar na xestión do Estado, senón que, primeiramente, asegurar que teñan tempo para iso (e non despois da súa xornada laboral), e este tempo ten que ser pagado cun salario medio. Esta fórmula é a expresión da idea de que os traballadores non son empregados contratados polo Estado que está por riba deles, senón propietarios que teñen pleno dereito aos medios de produción sociais.

A historia de revolución e contrarrevolución en Rusia demostra que o progreso no desenvolvemento das forzas produtivas, no crecemento de produtividade, ten que ir acompañado, non dunha diminución do número de produtores directos e do crecemento do número de traballadores do sector non produtivo, senón de aumento o tempo libre de obreiros e campesiños, incluído tempo libre para poder participar na administración do Estado. O número de obreiros e campesiños non ten por que diminuír ata o momento da liquidación completa de clases sociais, ata a chegada do comunismo. O realmente importante é que co desenvolvemento da produción non só medre a riqueza material da sociedade, senón que aumente o tempo libre de todos os traballadores, incluído o tempo para o seu libre desenvolvemento. En canto o tempo libre supere o tempo de traballo, o determinante para unha persoa non será o que fai nas súas horas de traballo, senón o que fai no seu tempo libre. Isto significará unha liquidación completa das clases, é dicir, de división de persoas en grupos en relación coa súa situación dentro da produción.

Deste xeito, para o desenvolvemento do socialismo e consolidación do Poder soviético non é necesaria unha produción que devore tempo libre dos traballadores e produza valores, senón unha produción que produza valor de uso e no seu desenvolvemento garanta un aforro de horas de traballo e supoña unha conversión destas horas aforradas en tempo libre de produtores directos. O propósito de tal produción é proporcionar un completo benestar e desenvolvemento multifacético libre, incluíndo un desenvolvemento político, de todos os membros da sociedade. Non é casual que este propósito fose formulado no primeiro e no segundo Programa do partido bolxevique de Lenin. A determinación leninista do propósito da produción socialista desapareceu ao ser redactado o terceiro programa do partido, un programa revisionista de Jruschev, que foi aprobado polo XXII congreso do PCUS en 1961. Coa aceptación deste programa estableceron as bases para a xestación da nova clase de propietarios de "nomenclatura" no interior do Partido.

Na economía directamente social hai diferenzas significativas entre a produción de artigos de consumo e a de medios de produción. Ainda que os dous produtos, tanto artigos de consumo como medios de produción, non son mercancías, senón produtos directamente públicos, o seu papel social é diferente. A produción de artigos de consumo crea condicións materiais para un desenvolvemento cada vez máis completo dos membros de sociedade e para diminuír a desigualdade social entre eles. A produción de medios de produción serve directamente para aforrar as horas de traballo e pode considerarse como unha produción de tempo libre para un desenvolvemento libre de todos os membros da sociedade. Respecto dos artigos de consumo, unha redución de gastos de traballo para a súa produción intervén como resultado dunha implantación da técnica que aforra traballo, e este aforro de traballo transmítese aos consumidores mediante redución de prezos.

Desde o punto de vista económico pódese dicir que a técnica non serve máis que para aforrar as horas laborais ou, noutras palabras, calquera aforro que proporciona é aforro de tempo de traballo. Os medios de produción na economía directamente social non se fabrican para ser vendidos e recibir valor, senón para aforrar o traballo dos que van usar esta técnica, é dicir aforrar o traballo dos que van usar esa técnica. O valor de uso desta técnica é aforro de traballo dos que traballan con ela, os que substituíron con esta técnica outros exemplares menos eficaces en canto ao aforro de traballo.

O aforro de traballo permite aos consumidores desta técnica dispoñer deste aforro de dous xeitos: non soamente fabricar máis unidades de artigos de consumo, senón tamén reducir horas laborais e aumentar tempo libre.

Non se exclúe a situación cando a cantidade de traballo para a fabricación dunha máquina avanzada se incrementa. Mais, segundo o criterio de valor de uso, só pode considerarse unha técnica nova e progresista aquela na cal o aforro de traballo é maior que o incremento dos custes de produción. Noutras palabras, o aforro bruto, total, resultante obtido polo cambio de máquina (é dicir o aforro sen os gastos de traballo para producir e operar a máquina), ten que ser positivo.

Pódese argumentar que, hoxe, a produción capitalista mercantil, que é directamente unha produción de plusvalía, dunha ou doutra maneira segue a vía de produción de uso. Pero o feito consiste en que isto non só non corresponde, senón que contradí, á súa natureza mercantil, de valor. O capitalista directamente aspira aumentar o valor do produto fabricado para poder aumentar a plusvalía, e sendo a produción capitalista unha produción de plusvalía absoluta sempre procura absorber todo o tempo dos produtores directos. Como produción de plusvalía relativa, a produción capitalista intenta mover o límite entre o traballo necesario e o adicional de tal modo que aumente a plusvalía, e faino mediante o desenvolvemento de medios produtivos a base de progreso técnico. Pero este aforro de traballo o capitalismo procura utilizalo, non para aumentar tempo libre de todos os membros da sociedade, senón para aumentar a riqueza de valores e tempo libre dos propietarios de medios produtivos, dos capitalistas. Os traballadores teñen que conseguir unha redución das súas horas de traballo e aumento das súas horas libres mediante folgas.

Agora está á orde do día en Europa incluír unha xornada de 35 horas semanais, que foi convertida por algúns sindicatos na súa esixencia. Pódese dicir que a cuestión de redución de horas de traballo sen que sexa reducido o salario é, pola súa natureza, cuestión de conflito entre o movemento sindicalista da clase obreira e as forzas do capital. Tamén é a cuestión de loita dos comunistas contra social-demócratas e oportunismo.

Unha ampliación de monopolios significa que van crecendo as illas onde non funciona o principio de valor e domina o principio de valor de uso. Por suposto, non son illas de socialismo, xa que se trata dunha planificación dentro dos marcos dos monopolios, e estes impoñen prezos de transferencia de monopolios. Con todo, a produción capitalista mercantil, na medida do seu desenvolvemento, vai entrando paulatinamente no outro mundo, un mundo de valor de uso, aínda que en xeral continúa no mundo onde domina o valor . O progreso de medios produtivos dentro do marco do capitalismo e o traballo oculto de aforro de traballo social crean condicións obxectivas para que a clase traballadora, xunto cos seus aliados, recupere para si bastante tempo libre para organizar unha loita revolucionaria, tomar o poder e o utilizalo para un cambio radical económico –para socializar os medios de produción concentrados polos monopolios, para pasar dunha produción de valores a unha produción de valores de uso e para consolidar unha orientación de produción cara ao valor de uso.

O criterio de actividade dunha empresa estatal durante o socialismo non ten que ser o beneficio, senón un índice contrario –o aforro de traballo. O índice de avaliación de funcionamento de empresas adicadas á fabricación de artigos de consumo, ten que ser unha suma de redución de prezos dos produtos fabricados, o que permite aos consumidores traballar menos para obter a mesma cantidade de bens. As empresas que fabrican medios produtivos teñen que ser avaliados segundo o aforro de traballo que conseguen os consumidores da técnica fabricada por devanditas empresas.

De tal modo os produtores de artigos de consumo serán estimulados de forma material pola redución de prezos dos seus produtos e polo aumento da súa cantidade, e calquera novo artigo de consumo que satisfaga mellor ditas necesidades ou que satisfaga novas necesidades, en canto a súa fabricación sexa organizada e posta en marcha, tamén entrará no sector de redución de prezos e de aumento de cantidade de artigos producidos. Os fabricantes de medios produtivos serán estimulados en relación directa co aforro que reciban os consumidores do seu produto no proceso da súa explotación. E que enriquezan os produtores, pero mediante o enriquecemento da sociedade, de todos os seus membros.

Se crece a riqueza da sociedade e aumenta o tempo libre dos seus membros farase máis sólida a base para formar e efectuar o Poder soviético. A mesma economía vai contribuír ao fortalecemento e solidificación do Poder soviético.

Deste xeito, a base económica do poder soviético en desenvolvemento e fortalecemento é unha produción directamente social –produción de valor de uso.

Os acontecementos contrarrevolucionarios en Rusia e a perda provisional do poder polos traballadores obrigan a suscitar a cuestión de restauración do poder popular doutra forma algo distinta. Hoxe en día esta cuestión é plantexada do xeito seguinte: Como debe ser o poder dos traballadores para que sexa difícil debilitalo e destruílo? Aínda máis, como debe ser para que sexa imposíbel destruílo, non soamente nos primeiros anos logo da súa constitución, senón tamén dentro de moitos decenios, para que non se repita unha vez máis un golpe contrarrevolucionario nun momento cando, como parece, a mesma posibilidade de devandito golpe se perdeu nun afastado pasado?

O poder socialista debe ser pola súa natureza unha ditadura do proletariado. É unha resposta de carácter xeral á cuestión suscitada. E esta resposta os clásicos do marxismo-leninismo considerábana un mérito especial seu. Esta cuestión é unha fronteira ben definida entre marxistas e revisionistas. E unha negativa a aceptar que a ditadura da clase obreira é equivalente a un rexeitamento ao marxismo e o socialismo. A historia comprobou claramente esta tese, incluída a historia da Unión Soviética. Un golpe revisionista tivo lugar no XXII Congreso do Partido Comunista, cando do Programa do partido foi retirada a idea radical do marxismo – sobre a ditadura do proletariado. Pero temos que aprender da conclusión, que nos custou tanto, de que sen unha forma soviética de organización da ditadura da clase obreira é moi difícil sostela.

Pódese dicir que actualmente, logo dun período de contaminación revisionista xeneralizada, cuxo catalizador foi a política de Jruschev, en todo o mundo se leva a cabo con éxito un proceso de formación de novos partidos comunistas e obreiros que aprenderon a lección dos intentos de rexeitar o principal no marxismo e puxeron a doutrina da ditadura do proletariado na base dos seus programas e de toda a súa actividade política, tanto teórica como práctica.

Con todo, como se di, aínda non é tempo para aledarse. O recoñecemento por si mesmo da ditadura do proletariado non é suficiente. Hai que recoñecer tamén a forma organizativa que lle corresponde e grazas á cal a ditadura do proletariado non se destrúe, senón que se fai máis forte e se desenvolve nunha autoadministración pública comunista, asegurando unha liquidación da separación da sociedade en clases, e ao mesmo tempo a morte do Estado como unha presión organizada dunha parte da sociedade sobre a outra.

A historia demostrou que a forma organizativa do poder estatal que corresponde á ditadura da clase obreira non é un poder elixido segundo o principio territorial senón un poder que se forma dentro dos colectivos obreiros. Cando en Francia en 1871 por primeira vez na historia foi establecida unha ditadura do proletariado, aínda non se revelou unha forma de poder adecuada á ditadura do proletariado. A natureza da ditadura do proletariado como poder da clase de obreiros industriais, de fábricas, de cidades apareceu en París no 1871 por primeira vez e, sen poder consolidarse nunha forma correspondente, desapareceu do escenario histórico como un prólogo da outra revolución, a Gran revolución socialista de Outubro en Rusia no ano 1917, que estableceu a ditadura da clase obreira en forma do Poder soviético (dos Soviets).

A Revolución rusa foi un exemplo digno de repetir dun longo traballo histórico da clase obreira e do seu partido que se levaba a cabo dentro do antigo réxime para crear un novo poder. Primeiramente, en 1905 como resultado dunha loita de folgas de tecedores de Ivanovo-Voznesensk foron descubertos os Soviets. Non eran soamente organismos de xestión de folgas, senón organismos de poder popular que pola súa natureza son unha ditadura da clase obreira. Se a clase obreira de Rusia non fixese este descubrimento histórico de valor mundial, a revolución socialista, a edificaicón e desenvolvemento do socialismo, terían estado sobre terreo moi inseguro.

O primordial é que a única base material de socialismo é unha gran industria de máquinas, e se o poder popular non está relacionado con ela, non está baseado nela, non ten nela a súa fonte de forzas para facerse máis sólido e desenvolverse, tarde ou cedo será liquidado polas forzas da clase inimiga que o superan. E, ao contrario, se está baseado fortemente nas factorías e fábricas, se medra e se fortalece co desenvolvemento da economía, a causa do Poder soviético, a causa da ditadura da clase obreira, a causa do socialismo convértese nunha causa que historicamente é invencíbel.

A ditadura da clase obreira, polo tanto, é contraria á ditadura da burguesía non só pola súa natureza, senón tamén pola forma da súa organización.

A burguesía organiza o seu poder con faciana dun poder popular, efectúa unha eleccións de deputados ao parlamento en base ao sufraxio universal, pero segundo circunscricións electorais onde manda o poder do diñeiro. E aínda que é posíbel con esta forma do poder conseguir unha elección dalgúns representantes de traballadores no parlamento é imposíbel lograr o poder de traballadores dentro deste sistema de organización de eleccións.

Cabe deterse na parte filosófica desta cuestión. O materialismo histórico ensínanos que o ser social determina a conciencia social. Isto significa que o réxime económico dunha sociedade define a súa superestrutura ideolóxica. Ao dominio de burguesía no sector económico corresponde o dominio de ideoloxía burguesa na conciencia social. Veñen votar as persoas que están dirixidas pola súa conciencia, así que cun sufraxio universal e unha votación xeral a maioría das voces serán para os candidatos da burguesía. A experiencia confírmao practicamente sen excepcións. E a mesma experiencia di que se, de súpeto, a máquina electoral falla aplicaranse outros medios, incluídos os de forza, xa que estes medios están nas mans da clase gobernante que non vai deixalos, por suposto, a outra clase sen unha loita violenta.

Que facer nesta situación? Significa isto que temos que rexeitar a participación en campañas electorais e na loita electoral? Non, non o significa. Outra cousa é que hai que considerar a participación nas eleccións aos organismos representativos e nas súas actividades como só un dos medios de organización de traballadores, e dirixir o proceso cara á creación dos Soviets, baseados en fábricas e talleres, cara un apoio das súas actividades non soamente mediante sindicatos profesionais e partido da clase obreira, senón tamén cunha axuda de deputados que teñen dereito e posibilidades de traballar nos colectivos obreiros. Non obstante unha actividade electoral e parlamentaria non pode ser o núcleo de actividade política dun partido verdadeiramente revolucionario. O núcleo do seu traballo ten que ser a organización de movemento sindicalista da clase obreira, loita da clase obreira non só por intereses a curto prazo, senón polos intereses radicais, a longo prazo, a loita orientada a crear unha perspectiva cara aos Soviets como futuros organismos dun novo poder, poder socialista, e ao mesmo tempo como organismos de autoxestión colectiva dos traballadores, organismos da súa loita polos intereses máis actuais. A estes propósitos tamén ten que ser supeditada a organización de loita parlamentaria.

Só cando en condicións dunha situación revolucionaria nas fábricas máis grandes empecen a funcionar os comités de folga ou outros organismos de autoxestión obreira que teñan autoridade e sexan formados por representantes dos colectivos, cando estes organismos sexan unidos entre si nos marcos das cidades e rexións mediante os Soviets municipais e rexionais, e dentro do marco do país mediante un Soviet ou Comité de traballadores que reunirá a representantes de organizacións obreiras, cando creen as súas propias institucións para manter a orde e combater a violencia – "druzhinas" (milicias) obreiras, só entón a cuestión do paso do poder aos Soviets, calquera nome que teñan, poderá ser suscitada a nivel práctico. Sen conseguir todo iso, todas as discusións sobre o cambio do carácter do poder son meras faladurías.

É considerábel que na Rusia do 1917 houbese dous procesos electorais ao mesmo tempo –eran elixidos os membros da Asemblea Constituínte ("Uchreditelnoye sobranie") e dos Soviets. As eleccións á Asemblea Constituínte deron a maioría aos representantes de pequena burguesía –menxeviques e socialistas-revolucionarios-, e as eleccións aos Soviets, aos bolxeviques, partido da clase obreira. Os bolxeviques tiveron razón de non rexeitar a posibilidade de participar nas eleccións ao parlamento burgués e de aproveitar as oportunidades da campaña electoral para a súa propaganda, pero, en primeiro termo, facían propaganda da creación dos Soviets e logo do paso de todo, o poder a estes Soviets.

A experiencia da nosa revolución ensina que a unha revolución socialista lle precede un período de dobre poder cando existen ao mesmo tempo un organismo de dominio burgués –parlamento burgués- e organismos do futuro novo poder –Soviets cuxo congreso, reunión ou comité de representantes, teñen o obxectivo de establecer un novo poder.

Existindo os Soviets como organismos do futuro poder dispostos a executar as funcións do novo aparello administrativo, créase unha situación que facilita o paso do poder da burguesía ao poder da clase obreira, do parlamento burgués ao poder dos Soviets. Se non existen os Soviets apoiados polas milicias obreiras e no transcurso das folgas suscítase unha dimisión do goberno, presidente ou de ambos, ata se esta dimisión ten lugar, isto non poderá cambiar a situación. Porque un cambio de persoas non significa cambio da clase que ten o poder. Marx, Engels e Lenin explicaban minuciosamente, ben mastigadiño coma se fose para os nenos pequenos, que non se podía tomar a antiga máquina estatal e poñela en marcha con novos obxectivos. Hai que rompela, esnaquizala e construír un novo aparello estatal capaz de levar a cabo os intereses da clase obreira. Os Soviets elixidos en colectivos laborais, que poidan chamarse de distintas formas en distintos países, presentan este novo aparello estatal que vén para substituír o aparello vello de burguesía.

Así todo, estas realidades entran nas cabezas con moita dificultade, e moitas persoas seguen crendo nos contos de fadas sobre a elección dun novo presidente bo e sobre o nomeamento dun novo goberno bo. En canto aos propios parlamentarios, a súa enfermidade máis divulgada é o cretinismo parlamentario que se expresa nunha fe inxenua de que se poida solucionar entre paredes de parlamento todas as cuestións radicais da vida do pobo. A realidade é outra: as cuestións radicais da vida do pobo sempre se solucionaban fóra dos parlamentos, mediante unha violenta loita de clases e ata mediante unha guerra civil. E canto menos ilusións parlamentarias teñan os obreiros e campesiños que crean os seus Soviets, canto mellor estean organizados e preparados para romper unha inevitábel resistencia da burguesía, menos existe a posibilidade dunha guerra civil. Ao contrario, ocupándose de desarmar aos obreiros e adormentarlos cuns contos sobre burgueses honestos e bondadosos, será inevitábel o azoute máis cruel do pobo. Isto foi confirmado cos acontecementos en Chile e Rusia.

Deste xeito, a ditadura do proletariado ten en calidade da súa forma organizativa o poder dos Soviets elixidos dentro dos colectivos obreiros. Isto revélase non soamente durante o período de constitución e consolidación do novo poder, senón que se aplica a todo o período de socialismo ata a liquidación total das clases sociais e a morte do Estado. No Programa redactado por Lenin e aprobado polo VIII Congreso do PC(b)US (Partido comunista ruso doa bolxeviques) está escrito: "a unidade electoral e a principal célula do Estado non é unha circunscrición territorial, senón unha unidade produtiva (planta, fábrica)".

Como organizalo na práctica? Por exemplo, así. Nos colectivos obreiros das empresas segundo os seus departamentos estruturais elíxense os Soviets destes colectivos con dereito a revogar e substituír aos seus membros en calquera momento por iniciativa do colectivo estrutural que os elixiu. Dos representantes de Soviets de empresas fórmanse uns Soviets municipais e rexionais tamén con dereito a revogar e substituír en calquera momento aos representantes dos Soviets de empresas por iniciativa do Soviet que os delegou. O Congreso dos Soviets ou o Comité de representantes dos Soviets municipais e rexionais forman o organismo supremo lexislativo que nomea o goberno e determina a política interior e exterior do país. O tempo de participación dos obreiros na organización dos Soviets, de control sobre as súas actividades e o tempo que necesitan os deputados para cumprir coas súas obrigacións é pago de acordo cun salario medio.

Como garantir neste caso unha representación equivalente? O número de traballadores das principais empresas pode ser tomado como escala para determinar unha norma de representación unificada para a cidade. Digamos que se de mil traballadores se envía ao Soviet municipal 1 persoa, dun colectivo de 5 mil acoden 5 deputados elixidos. E ao contrario, se o número de traballadores é menor a mil, este colectivo laboral se xunta con outros colectivos pequenos ata formar unha circunscrición produtiva de mil traballadores. Para os que traballan en pequenas oficinas a norma de representación pode ser definida a partir dun número determinado de membros de sindicatos.

Os cidadáns que non traballan: neste caso, poden ben incluírse nalgunha circunscrición produtiva (por exemplo, onde traballaron antes ou nas máis próximas), ben enviar aos seus representantes dos comités de cidadáns non empregados seguindo a norma unificada de representación, así 1 deputado representará a mil cidadáns non empregados. Deste xeito é garantido o sufraxio universal.

Neste caso, se o Soviet da célula principal da construción estatal, planta ou fábrica, revoga ao seu representante dun Soviet municipal, este representante automaticamente perde o seu mandato correspondente e, con iso, o seu dereito a representar o Soviet municipal no organismo superior do poder estatal, se antes tiña este dereito. O procedemento práctico e a facilidade de revogar a un deputado elixido por un colectivo obreiro permite levar unha loita eficaz con burocratismo e arribismo e paulatinamente, non só a base de promesas e programas, senón sobre todo a base dunha experiencia práctica, seleccionar aos membros de organismos representativos do poder estatal que máis correspondan aos intereses da clase obreira.

Ademais sería preferíbel que os deputados tivesen media xornada laboral. Se un obreiro, dos cinco días laborais, vai dedicar tres días á semana a efectuar as súas funcións de deputado, xa non será obreiro, separarase do colectivo, pero non se converterá nun intelectual, profesional, un obxecto a manipular por parte dos políticos de quenda. Se un obreiro deputado non ten días libres para efectuar as súas funcións converterase nun "xeneral de vodas" –deputado a quen sentan á mesa presidencial os días de festa para simbolizar a unión do poder co pobo. O máis correcto será que o deputado continuando o seu traballo profesional teña tempo suficiente para adquirir coñecementos e habilidades profesionais na xestión do Estado. Digamos que, se un obreiro tres días á semana está fronte á súa máquina no seu posto de traballo e dous días dedícaos como deputado do Soviet a organizar a traballadores, non se separará do colectivo e aprenderá aos poucos as ciencias do traballo administrativo, incluído o uso do ordenador e tecnoloxías modernas de comunicación. Por suposto, estes dous días que o obreiro non cumpre o seu traballo de produción material teñen que serlle pagos.

A propósito, xa na práctica do capitalismo moderno existen unhas condicións para iso. A lei "Sobre o réxime xurídico da empresa" da República Federal de Alemaña prevé que en cada empresa que teña polo menos cinco traballadores se elixe un Consello de produción, as actividades deste Consello lévanse nas horas laborais e páganse en termos medios. A burguesía avanzada comprende que hoxe en día, cando os adiantos do progreso científico-técnico determinan o desenvolvemento da economía, sen participación interesada dos produtores directos neste proceso o progreso científico-técnico, e por conseguinte, a economía en xeral frearanse. Outra cousa é que en Alemaña as competencias dos Consellos de produción son moi limitadas coas cuestións de produción, e os devanditos Consellos non teñen contacto cos consellos das outras empresas, nin cun organismo coordinador único, e non teñen dereito a levar un traballo político. Para a burguesía son un instrumento máis para divulgar entre os traballadores as ideas do "consenso público", "ser socios sociais", "paz laboral", "colaboración de clases" e paliar a loita de clases.

A base de valor de uso da produción asegura e supón proporcionar aos deputados dos colectivos obreiros tempo necesario para levar as súas funcións administrativas. Pero se só os deputados dispoñen deste tempo de calquera modo se separan dos seus colectivos e os colectivos non poden xogar un papel determinante. Teñen que controlar aos seus deputados, darlles mandatos e revogar a tempo aos que non cumpren a vontade do colectivos que os elixiu. Todo isto supón tempo, que é un tempo laboral pagado en termos medios. Tal tempo ten que ser proporcionado a cada traballador como mínimo para poder participar nunha reunión mensual do colectivo, convocada co fin de coñecer o informe do deputado.

Só cando sexa organizado un control dos deputados elixidos por parte dos seus electores e os produtores directos poidan participar nas actividades de organismos estatais, o Poder soviético a pleno dereito poderá chamarse un poder de obreiros e campesiños. Se as actividades dos propios obreiros, campesiños, intelectuais son substituídas coa actividade de persoas contratadas – profesionais, aos que, por suposto, non podemos evitar en ningún caso, entón podemos volver obter unha situación cando o poder real non pertence aos organismos lexislativos, senón aos executivos, e os Soviets son unha especie de pantalla que cobre aos que detrás deles, ou en nome deles, fai os seus negocios. Tal situación pode provocar novamente o cambio cara un sistema de propiedade privada, o sistema que é causa hoxe en día tanto sufrimento ao noso pobo.

De aquí podemos facer a conclusión de que as posibilidades de crear condicións materiais cada vez máis favorábeis para unha participación de todos os membros da sociedade na xestión do Estado, que medran debido ao desenvolvemento da produción do valor ao consumo, teñen que ser utilizadas con eficacia, e isto, á súa vez, contribuirá ao desenvolvemento da produción de valores de uso. A riqueza principal da sociedade –tempo libre– vai crecer todo o tempo e vai ser distribuída con xustiza, sen ser usurpada por unha elite administrativa ou intelectual. Entón poñerase en marcha o proceso de liquidación paulatina das clases sociais e de achegamento ao estado cando todos os membros da sociedade sexan traballadores, cada un co seu carácter único que non será determinado co que fai nas súas horas de traballo senón co que fixo e fai no seu tempo libre, que é tempo para o seu libre desenvolvemento. Isto será un salto verdadeiro do reino de necesidade ao reino de liberdade.

É ben coñecida a idea de que hai tres tipos de escravos. Un deles é un simple escravo que leva a súa vida desgraciada obedecendo a unha vontade superior. Outro escravo está tan afeito de selo que empeza a babear pensando no amo tan bo que ten, que gobernador tan bo. Non é simplemente un escravo, é un lacaio, un bruto. E hai un terceiro tipo de escravo: o que se levantou para loitar contra todo o sistema de servidume, e aínda que esta esta condición non está aínda liquidada, xa non é un escravo, é un revolucionario.

Ata agora falamos das condicións materiais e bases para poder participar os traballadores na xestión e autoadministración, da estrutura do Poder soviético, mais, como é lóxico, ninguén nos traerá liberación do vello poder de burguesía, non será deus, nin un tsar e nin un heroe. A liberación dos traballadores é unha tarefa dos traballadores e traballadoras mesmas. Na súa loita xusta, axudaranlles a lóxica xeral do progreso histórico e as persoas máis ilustradas da ciencia e a cultura. No entanto, sen unha loita consciente e activa, decisiva e insistente da clase obreira polos seus intereses, non se pode crear o Poder soviético, nin sostelo, sen unha loita así é imposíbel crear, nin desenvolver, a economía do socialismo. E esta loita lévase, levarase no futuro e chegará ao seu final triunfal se os partidos comunistas aseguran unha correcta dirección desta loita.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Este conteúdo foi bloqueado. Você não pode postar qualquer comentário.

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: diarioliberdade [arroba] gmail.com

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.