"Día 14 de agosto de 1936. En memoria e honra de Camilo Díaz Valiño e Sixto Aguirre Garín". Así reza o monolito colocado nunha curva pouco antes de chegar a Palas de Reis.
Alí apareceron os seus corpos, preto de Sáa. Aguirre tiña 31 anos. Era médico, natural de Rianxo. Militaba en Izquierda Republicana. Díaz Valiño era o pai de Isaac Díaz Pardo. Foi un dos grandes artistas gráficos de Galicia, galeguista ata a médula. Apareceron os dous xuntos. Dous homicidios coa mesma causa: pensar distinto, a procura da liberdade e a consecución da democracia. Onte, o pobo de Palas achegouse a lembralos.
Xa dende hai uns anos, un grupo de persoas reúnense á beira dese monolito o 14 de agosto para rememorar a estes dous homes. Onte Isaac Díaz Pardo non puido asistir, mais si o fixo Avelino Pousa Antelo. Primeiro levouse a cabo a ofrenda floral. Púxose un ramo ao pé do monolito. Logo todos os presentes depositaron un caravel vermello sobre a laxe, que está emprazada baixo un castaño centenario. Tras a pedra, as bandeiras de Galicia e da República.
O mantedor do acto foi Mero, o cantante da Quenlla, porén houbo máis persoas que desexaron aportar o seu gran de area. Entre eles estiveron os escritores Xosé L. Santos Cabana, Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, que recitaron poemas compostos para a ocasión. Pero a intervención máis emotiva foi a de Avelino Pousa Antelo que, malia a que Mini e Mero lle insistiron en que falara sentado, levantouse para dirixirse ao público. Comezou coa afirmación de que "non teño claro cal é o meu papel neste acto e no de Ánxel Casal". De Casal, o arzuano impresor do galeguismo, dixo Pousa ter unha lembranza "inesquecible" por ser o seu único mestre de galego. "Era quen corrixía as cousas que eu publicaba no meu galego aldeán", lembrou. Avelino Pousa foi quen atopou o emprazamento exacto onde asasinaran a Ánxel Casal, e grazas a iso o Concello de Santiago púxolle unha placa no lugar. Afirmou o histórico galeguista que o seu fora un "papel importante sen buscalo". "Non pensei o que ía supoñer", engadiu. Continuou o relato Pousa e explicou que "por casualidade" se enterou "do de Camilo".
"Viñen aquí cunha moza que coñecía a historia e localizamos o sitio", dixo. Avelino sentenciou: "Presumo, podo presumir, sen querelo, de ter un papel decisivo en ambos casos". Dixo ademais ter posto todo o seu "entusiasmo" por esas dúas figuras: "o meu mestre, Ánxel Casal e o pai do querido Isaac". Pousa rematou o seu discurso de xeito contundente ao dicir que se sinte "orgulloso de verdade por dar noticia disto" e que desexa "axudar en canto signifique recuperar a memoria histórica de todos os que morreron por e para Galiza". Rematou mandando para todos eles a súa "lembranza emocionada" e desexa "mentras poida estar de pé, seguir venerando o seu recordo, e facer o posible por recuperalo".
Tras isto, os presentes acudiron ao cemiterio de Villamor, en Toques, onde está o monolito que lembra a Curuxás "In memoriam de Ramón Rodríguez Varela (Curuxás). Toques (1905-1967). Sindicalista e republicano". Curuxás foi un dos poucos maquis que logrou esconderse sen que os falanxistas o pillaran. O acto concluíu cando Mini afirmou: "A vosa teima fai xurdir a nosa loita. Sempre volveremos renacer, tras mil derrotas, con esa luz que nos negou tanta mentira". Díaz Valiño, Aguirre, Curuxás: mártires, heroes.