1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

Fim do ciclo Ousmane Sembène com mesa redonda na Casa das Atochas da Corunha

050410_carreteiro.jpgCineclube Compostela - Este martes 6 de Abril ás 20.30 horas fecha na Casa das Atochas (Rúa Atocha Alta 14, A Coruña) o ciclo dedicado ao realizador senegalés Ousmane Sembène coa proxección da curtametraxe O carreteiro e unha mesa redonda arredor da obra de Ousmane Sembène na que intervirán Diao Papis e Martin Pawley. O ciclo, no que se proxectaron seis filmes do cineasta senegalés, xorde da colaboración do Cineclube de Compostela e a Casa das Atochas da Coruña. 


A sesión de peche dará comezo coa proxección ca curtametraxe O carreteiro (Borom Sarret, Senegal, 1966, 20', VOSG) unha peza que é considerada en numerosas ocasións o primeiro filme de entidade rodado na África subsahariana por un realizador do continente. Baseado nun relato do propio director senegalés, o filme mostra como as supostas independencias políticas non deron solucionados os problemas de pobreza e colonización no interior da África. Nesta curtametraxe, Sembène reflicte a vida dun pobre carreteiro que gaña a vida transportando viaxeiros igualmente pobres, suspendido en Dakar entre a sociedade tradicional africana e unha moderna sociedade urbana creada artificialmente polos europeos. 

Logo da proxección dará comezo a mesa redonda no que se afondará en distintos aspectos relevantes que foron agromando no visionado das obras de Sembène. A mesa vai estar moderada pola xornalista Xiana Arias, membro do Cineclube de Compostela, e contará coas intervencións de Diao Papis e Martin Pawley. Diao Papis é sociólogo e mediador de ASESER-TERANGA. Asociación de Inmigrantes Senegaleses residentes na Coruña. Martin Pawley é crítico de cinema e de literatura, organizador da Mostra de Ciencia da Coruña e mantén o blogue sobre cinema Días estranhos (http://pawley.blogaliza.org/), un dos máis antigos en galego. Martin Pawley é autor, ademais, do epílogo da edición galega de O xiro postal, titulada Dickens en Senegal: A vida e a obra de Ousmane Sembène.

Coa celebración da mesa redonda e posterior debate co público asistente ponse punto e final a un ciclo que se está a desenvolver dende o pasado 9 de marzo na Casa das Atochas da Coruña e no Cineclube de Compostela. O programa deu inicio coa proxección na Coruña d’A negra de..., primeira longametraxe de Ousmane Sembène e do cinema africano, e incluíu até o momento un total de 6 proxeccións. Títulos de moi difícil acceso como O xiro postal, Xala, Ceddo, ou Moolaadé foron proxectados neste mes, todos eles con subtítulos en galego.

Nacido en 1923, fillo dun pescador senegalés, Sembène acudiu ás escolas coránica e francesa e xa con quince anos foi traballar a Dakar e con 23 emigrou a Marsella. Alí, coñece a varios escritores e afiliase ao Partido Comunista e á CGT, tomando consciencia. Tras traballar de operario e mesmo militar no exército francés, comeza unha carreira de escritor comprometido, que loita contra a guerra de Indochina e pola independencia da Alxeria. En 1960, de volta en Senegal, comeza a pensar, coas primeiras independencias africanas, nas posibilidades do cinema como arte de resistencia, o que o levará a ser considerado o pai do cinema africano.

A través de toda a súa filmografía, Sembène mantivo o seu compromiso, con temas recurrentes como a historia do colonialimo, os erros da relixión, a crítica á nova burguesía africana ou a forza das mulleres. Cunha estética funcional, inclúese na experimentación sociocultural e preocúpase tanto por mostrar as condicións de vida das clases explotadas como por permanecer accesíbel a estas. Para iso, o cinema de Sembène bebe da súa propia experiencia literaria, trasladando aos seus filmes boa parte das súas ferramentas como narrador. Nomeadamente, no seu cinema adquire unha gran importancia o visual e o performativo, moitas veces cargado dunha especial significación. Sembène morría en Xuño do 2007, deixándonos nove longametraxes e cinco curtametraxes, dos que poderemos ver neste ciclo seis títulos, ademais de numerosas novelas publicadas.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.