A seguir, engadimos os comunicados elaborados pola Secretaría das Mulleres da CUT e pola Secretaría da Muller da Oficina Rexional Europea da FSM.
Comunicado da Secretaría das Mulleres da CUT
Neste 8 de marzo pouco temos que celebrar xa que neste último ano sufrimos as maiores agresións contra os dereitos da clase traballadora, e en particular contra as mulleres, dos últimos 30 anos. Recortes nas pensións, nos salarios, abaratamento do despido e un longo etcétera que de certo está lonxe de rematar.
Por que dicimos que as mulleres somos as máis afectadas? Pois porque somos nós as que temos unha vida laboral con máis ocos de cotización o que dificultará, aínda máis, poder acceder a unha pensión digna á hora da xubilación. Isto significará, de facto, alongar a idade de xubilación máis alá dos 67 anos. En canto á reforma laboral o único que vai traer é un aumento das desigualdades, maior fenda salarial, máis desprotección social para, en definitiva, aumentar a precariedade que as mulleres xa sufrimos en maior medida.
Neste ano tamén nos vemos afectadas por un aumento superior nos números do paro, pois a crise, como algunhas de nós levamos tempo dicindo é de tipo estrutural e non só financeira ou do sector da construción. Pouco a pouco vai chegando a todos os ámbitos e xa é o sector servizos un dos máis afectados.
E as agresións non paran, a modificación da negociación colectiva, facéndoa case inexistente e levando directamente á imposición patrón-obreira como único camiño; a privatización total dos servizos de emprego, deixando en mans do capital a formación e a inserción laboral; a continua perda de poder adquisitivo... E diante de todo isto as traballadoras galegas e a Central Unitaria de Traballadores/as debemos responder con maior organización obreira, con máis axitación en empresas e rúas, en definitiva, con maiores e mellores mobilizacións que rompan tamén coas prácticas oportunistas do sindicalismo domesticado. Facermos fronte de xeito decidido aos continuos embates do capital e dos seus lacaios coa mobilización permanente, eis a nosa tarefa fundamental nestes tempos.
É por isto que a CUT fai un chamamento a todas as traballadoras, diante deste 8 de marzo, a participar activamente en todas aquelas actividades reivindicativas que teñan lugar ao longo de todo o país. Así, unha vez máis e cunha soa voz, deixar ben claro que non imos pasar por máis agresións contra os nosos dereitos.
Viva o 8 de marzo!!
Mulleres libres na patria liberada!!
A mobilización permanente é o único camiño!!
Comunicado da Federación Sindical Mundial
Un ano máis, este 8 de marzo atopámonos novamente coa necesidade de seguir reivindicando e loitando polos dereitos das mulleres.
Non podemos obviar que as loitas tanto individuais como colectivas levadas adiante ao longo destes anos nos serviron para situarnos en mellor posición fronte á opresión estrutural que padecemos as mulleres en todas as esferas da nosas vidas.
Unha opresión que é consecuencia do actual sistema capitalista patriarcal que pretende continuamente situarnos ás mulleres como persoas sen dereitos.
Porque aínda que certamente nas ultimas décadas conquistamos dereitos que nos corresponden como cidadás: o dereito ao voto, a acceder ao mercado laboral, a unha planificación familiar,... por desgraza seguimos sen poder exercelos en igualdade de condicións xa que non se toman as medidas estruturais e integrais precisas para que podamos decidir libremente o noso futuro, sobre todo as que pertencemos á clase traballadora.
As mulleres accedemos a un mercado laboral totalmente desregularizado, en condicións precarias, a fenda salarial entre mulleres e homes segue estando situada arredor do 28%, somos as mulleres as que temos maior número de contratos temporais, polo que soportamos unha maior precariedade. Todos os traballos de coidado e do fogar seguen recaendo maioritariamente en mans femininas e todo isto non é casualidade. O actual modelo capitalista patriarcal adxudícanos ás mulleres un papel subsidiario de cidadás de segunda categoría impedíndonos a posibilidade de ter autonomía económica suficiente para poder decidir libremente o noso futuro, unhas condicións de vida dignas libre de violencia sexista como persoas autónomas.
Na actualidade, a crise mundial estanos afectando gravemente, a pesar de que as estatísticas escondan esta realidade, son millóns as mulleres que están perdendo os seus postos de traballo, sobre todo en sectores feminizados como o dos servizos, por non falar das que se atopan na economía somerxida sen posibilidade de prestacións económicas nin sociais de ningún tipo con un gran número de posibilidades de quedar en posición de exclusión social e de pobreza.
É imprescindible que as organizacións sindicais combatamos decididamente estas problemáticas para poder levar a cabo unha loita ideolóxica e de masas coa totalidade da clase traballadora para que a loita a favor dos dereitos das mulleres sexa a loita de todas as persoas.
Por isto, dende a Secretaria da Muller da Oficina Rexional Europea da FSM queremos remarcar a importancia que ten que en todos os países as organizacións sindicais nos mobilicemos e denunciemos a situación que padecemos as mulleres co fin de lograr os dereitos que nos corresponden e que nos son continuamente vulnerados.
Debemos seguir activando ao maior número de mulleres e homes en favor desta, nosa loita, para que realmente podamos avanzar na dirección correcta que non é outra que alcanzar unha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e a derrota do actual sistema capitalista patriarcal e os seus marcos de opresión, para que deste xeito sexa posible que as mulleres vivamos en liberdade e en igualdade de oportunidades.