Milleiros de persoas percorreron o centro da cidade convocados pola Plataforma SOS Sanidade Pública e a Xunta de Persoal do Chuvi.
Milleiros de persoas percorreron onte as rúas do centro de Vigo nunha nova mobilización en defensa da sanidade pública e contra a privatización do novo hospital convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública e a Xunta de Persoal do Chuvi. Os promotores da protesta, entre os que se atopa a CIG, advirten que se a Xunta segue coa súa política de recortes e privatizacións "aumentarán as demoras, non haberá acceso a medicamentos innovadores e perderanse os niveis de calidade, anos de vida útil, multiplicándose o sufrimento e a ansiedade -como xa é evidente- e perderanse vidas innecesariamente".
A marcha partiu pasadas as 20.00 horas da Praza dos Cabalos e rematou na Porta do Sol, onde a actriz Uxía Blanco foi a encargada de ler o manifesto. Tras a faixa de cabeza, co lema "Hospital 100% público. Sanidade sen recortes nin privatizacións", marcharon os representantes da xunta de persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), que portaban unha faixa na que se podía ler "Pola sanidade Pública".
A continuación, milleiros e milleiros de persoas e numerosos colectivos sociais, políticos e sindicais marchaban berrando consignas como "Sanidade pública e gratuíta", "O público é servizo o privado beneficio", "Feijóo escoita, Vigo está en loita" ou "Non, non, non á privatización".
Xa na Porta do Sol, Uxía Blanco, que se dirixiu aos asistentes para trasladarlles as demandas da Plataforma SOS Sanidade Pública, deixou moi claro que "coa saúde non se experimenta, coa saúde non se xoga, porque a atención á saúde é un dereito e non permitiremos que remate sendo unha mercancía, un negocio a costa dos nosos impostos".
Ao mesmo tempo, criticou moi duramente o modelo de xestión escollido polo Goberno galego para o novo hospital: "Idearon un suculento negocio para a sanidade privada, entregándolle o novo hospital e unha empresa".
Finalmente, advertiu que no caso de que a Xunta continúe coa súa política de recortes e privatizacións "aumentarán as demoras, non haberá acceso a medicamentos innovadores e perderanse os niveis de calidade, anos de vida útil, multiplicándose o sufrimento e a ansiedade -como xa é evidente- e perderanse vidas innecesariamente".

