As medidas que chegan dende a Xunta e, sobre todo, dende o Goberno central, di Manuel Martín, portavoz da plataforma, "cambian por primeira vez a Lei Xeral de Sanidade" e mesmo a Constitución. Coa aplicación de preceptos como a retirada da asistencia sanitaria universal para inmigrantes en situación irregular ou os atrancos para parados de longa duración e persoas maiores de 26 anos sen traballo estase a producir, na súa opinión, un verdadeiro "golpe de Estado incruento" que cómpre rexeitar na rúa, di.
Xunto á convocatoria da manifestación á que ademais dos colectivos organizadores se unirán, anuncian, diversos persoeiros do mundo da cultura, SOS Sanidade Pública centrou os seus esforzos nos últimos meses en acumular apoios para a súa Iniciativa Lexislativa Popular (ILP). Lonxe de quedar curtos o texto que aspira a ser lei, centrado na necesidade de que a Xunta preste os servizos sanitarios sen intermediarios privados e en aspectos como o reforzamento da atención primaria, acumula "entre 40.000 e 45.000 sinaturas" das cales 18.562 foron validadas pola Xunta Electoral de Galicia -o requisito legal son 15.000-. Así as cousas, só resta que a Mesa do Parlamento lle dea luz verde para que a súa toma en consideración poida ser debatida en pleno.
Foto: #denunciasalsol


