Que valoración fai ECOAR da asistencia a manifestación en Vigo o pasado 1 de xullo?
A manifestación do pasado 1X ten varias lecturas, pero en termos cualitativos foi moi positiva. Se ben non reuniu tantas persoas como outras mobilizacións si que sacou á rúa a bastante xente sobre un tema que aquí aínda non está presente no boca a boca. Na coordinación a nivel europeo buscábanse dous obxectivos: focalizar o inimigo común (a troika, sabendo que en moitos dos lugares non era nada coñecida popularmente, como sucede aquí) e iniciar mecanismos de coordinación onde se aglutinaran todas aquelas forzas que se situaban en contra das medidas adoptadas pola troika. Nesta liña en Vigo conseguiuse que participaran na marcha 6 partidos, 3 sindicatos e ata 37 colectivos diferentes, algúns dos cales xa participaron ao longo desa semana nunhas xornadas nas que cada un deles achegou as súas alternativas e reflexións sobre a situación actual. Así que si, para nós a valoración foi moi positiva. Aínda así, está claro que o camiño da construción da resposta e a construción social aínda é un longo camiño que facer entre todas.
Por que credes que Vigo é unha e outra vez a cidade galega que logra convocar máis xente nas manifestacións contra os recortes?
As razóns son multiples, pero a razón básica reside fundamentalmente na súa identidade de base obreira. A cidade medrou ao longo do século pasado apoiada nas traballadoras e nos traballadores e, polo tanto, foi xerando unha identidade construída a través da organización, a coordinación e a loita social para conquistar e protexer os dereitos. Os movementos sindicais, veciñais, sociais,... fixeron que Vigo (e a súa contorna) a día de hoxe conte con máis de 200 colectivos que se organizan de diferente modo e atendan diferentes eidos, ademais dunha forte organización sinidical e veciñal. De aí que Vigo acugule unha e outra vez tanta poboación contra os recortes.
Cales son as próximas actividades que se planean dende ECOAR para facer fronte aos recortes?
Despois do 1X, de momento estamos contactando con colectivos de diferentes puntos do Estado e, sobre todo, doutras partes de Europa, para ver como seguir construíndo unha fronte cada vez máis complexa, organizada e forte contra as medidas da troika, pois entendemos que ten que haber unidade de acción entre as diferentes partes do continente para conseguir un cambio real. Ademais disto están todas as propostas que van chegando dende colectivos ou persoas que a título individual van construíndo e achegando a resposta social.
ECOAR defende "unha resposta unitaria e solidaria á crise capitalista". Que papel lle corresponde xogar na articulación desa resposta unitaria aos partidos políticos tradicionais cun ideario máis ou menos crítico co capitalismo?
Pois o papel nas institucións. Aquí hai dous planos nos que facer presión para combater as actuais políticas capitalistas: o plano institucional e o das mobilizacións, o de rúa, vaia. Os partidos políticos teñen unha responsabilidade fundamental que é dar a batalla nas institucións, onde os colectivos sociais non van estar. Hai que facer presión dende abaixo (lugar que ocupan adía de os colectivos sociais e as organizacións sindicais) e dende arriba (lugar que ocupan, por definición os partidos políticos, e tamén algunhas organizacións sindicais). E do que se trata é que cada unha das patas da construción da resposta social (partidos, sindicatos e colectivos) non perdan a súa identidade nin o seu espazo “natural”, pero, ollo, iso non significa que non se teñan que comunicar ou chegar a acordos. Para que se produza un cambio social real ningunha das partes pode capitalizar nin pasar por riba a cada unha das outras patas. E dende logo para que se produza un cambio real a medio-longo prazo, estas tres patas teñen que ter a súa voz e ollada unidas ao resto de partes de Europa.
Nesta crise económica unha parte considerábel da xente que protesta na rúa rexeita o protagonismo que tradicionamente tiveron os sindicatos tradicionais nestas mobilizacións. Por exemplo ECOAR defínese como "asindical". A que se debe? Non son os sindicatos a mellor forma de organizar a resposta aos abusos do poder por parte da clase traballadora?
ECOAR))) defínese como “asindical”, que non quere dicir que se defina como “antisindical”, que son cousas ben diferentes. ECOAR))) é un espazo independente que toma as súas decisións de xeito libre e non se pon baixo a bandeira de ningún sindicato nin partido, de aí o seu “asindicalismo” e o seu “apartidismo”. Pero iso non significa que tanto sindicatos ou partidos non teñan que ter, como xa dixemos na pregunta anterior, o seu propio espazo e a súa propia identidade. Os sindicatos teñen un papel básico na organización da resposta aos abusos á clase traballadora (a día de hoxe non hai outra forza social capaz de parar o país, a través dunha folga xeral) igual que os partidos políticos teñen que ter o seu labor específico en combater o sistema actual (son os únicos que poden ocupar espazo ns cámaras e institucións do estado para crear marcos a través dos cales trocar o sistema). Os colectivos e os movementos sociais nas súas diversas vertentes só veñen ocupar o oco que deixan sen cubrir estas dúas organizacións. A medida que a poboación en xeral e a sociedade civil en particular foi facéndose máis e máis complexa, foron xurdindo este tipo de movementos que se caracterizan pola súa diversidade en tódolos eidos (organizativos, temáticos,...), dende o Movemento polos Dereitos Civís en Estados Unidos, pasando polas respostas do movemento antiglobalización nos cumios da OMC ou o FMI ata o Nunca Máis en Galiza ou o actual #occupygezi de Turquía.
GC publicaba recentemente unha entrevista co cantautor Albert Plá, na que o artista ironizaba sobre as continúas mobilizacións e viña dicir que as manifestacións pacíficas só sirven para demostrar fracasos en masa. Que lle diríades as persoas que argumentan que malia as protestas nas rúas os gobernos seguen a aplicar políticas que prexudican aos máis desfavorecidos?
Para empezar o que hai que ter en conta é que a resposta social constrúese sempre porque hai un marco que a poboación xeral sente inxusto. Así que por esta cuestión decide organizarse. Outra cousa é como é esa resposta. Se a través de manifestacións pacíficas ou violentas, a través da desobediencia civil ou a través da recolla de sinaturas para acadar un cambio lexislativo. Dependendo do contexto no que se actúe, o obxectivo que se teña, o tipo de perfil social ao que se queira achegar e o tipo de liña ideolóxica de quen constrúe a resposta darase un tipo de resposta ou outra. A violencia ou a non violencia, funciona dependendo do contexto. Así pois a maioría da poboación europea a día de hoxe se as manifestacións foran violentas e non pacíficas, xerarían unha desafección da poboación xeral, aínda que probablemente se xeraran pequenos grupos violentos máis fortes.
Pero para que sirven daquela tantas manifestacións?
As marchas pacíficas están servindo para aglutinar cada vez máis xente que, ao tempo, van perdéndolle o medo a medidas que antes eran completamente marxinais, como é o caso da desobediencia civil, cada vez máis normalizada no noso contexto, aínda que moi lonxe de chegar á grande masa de xeito consciente (porque lembremos que cada vez hai máis campañas deste tipo na nosa contorna: a atención por parte dos e das profesionais da medicina ás persoas emigrantes saltándose a normativa, o profesorado de ciencias que en Galicia se negou a acatar o decreto do galego que prohibía o galego nas súas materias ou a manifestación do 25S deste ano). O problema é que cambiar o sistema establecido é un proceso complexo e moi longo que non se vai dar dun día para outro, senón que está afectando a todos os eidos da sociedade e nel interveñen moitos factores.

