Cor can que foxe, a medio camiño entre o diario e a autobiografía, abre a filmación do eu ao imaxinario e propón un diálogo especular con todo tipo de imaxes alleas, significando unha viraxe nas habituais escrituras cinematográficas e videográficas do eu. É unha obra complexa e fragmentada que nos mostra o mundo máis achegado ao cineasta, un filme íntimo y poético, composto por retratos de amigos, paseos comentados e unha viaxe ao seu país natal, Venezuela.
"O relato autobiográfico de Duque", afirma Elena Oroz, "ou se cadra sería máis axeitado denominalo autográfico, opera coma un prisma que descompón o eu en impresións, sensacións, afectos, obsesións, lembranzas e fantasías. [...] Maís, con todo, emerxe un eu. Un dos trazos máis rechamantes do filme é o emprego estratéxico que o autor fai das citas fílmicas para se retrata a si proprio de maneira oblicua".
Andrés Duque, nacido en Caracas, Venezuela, en 1972, reside en Barcelona desde o ano 2000. Tras licenciarse en xornalismo, traballa para a división latinoamericana da HBO como guionista e realizador de reportaxes sobre cinema e cronista de festivais. Dáse a coñecer como cineasta con Ivan Z (2004), un retrato do director Iván Zulueta que lle valeu unha nominación aos premios Goya. En 2011 realiza a súa primeira longamentraxe, Cor can que foxe, estreada no Festival International de Cinema de Rotterdam e que obtivo o premio do público no Festival Punto de Vista. En 2012 é un dos cineastas convidados ao seminario Flaherty de Nova York. O seu último filme, Ensaio final para utopía, ven de recibir o Premio Ciutat de Barcelona.
O seu traballo sitúase na periferia da non ficción española, e está caracterizado pola autoprodución, a non suxeción a formatos ou duracións estándar e a hibridación xenérica. Malia a que a súa obra máis relevante se inscriba na práctica documental, ten realizado tambén unha ducia de pezas máis achegadas á video creación, aínda que nelas non deixe de servirse do mundo referencial (Salón vermello ou A fábrica) ou de imaxes de arquivo de carácter factual (Home Soverignty). Entre os seus filmes destaca tamén Life Between Worlds, Not in Fixed Reality, gravada cun teléfono móbil para a sección Heterodocsias do Festival de Punto de Vista 2008.
O mércores que ven, 29 de maio, o Cineclube vai acoller unha sesión especial dedicada ao cineasta pontevedrés Cris Lores, que visitará o Cineclube acompañado da presentación de Alberte Pagán e da música ao vivo de Urro. A sesión estará composta por unha selección das súas curtametraxes, que incluirá as seguintes pezas: Virando, Ventana, See the Sea, LimpaParaBrisas, Ponte Quieta, Cielulosas, Corpi in movemento Due, Nueve e 8.
O filme vai ser proxectado na súa versión orixinal. A entrada é de balde, puidendo adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o noso funcionamento, propoñemos unha aportación económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas. Os socios e socias poderán dispor do fondo do Cineclube antes das proxeccións, os mércores de 21:00 a 21:30.
PRÓXIMAS PROXECCIÓNS
MAIO 2013
Mércores 22 de maio, ás 21.30h no Pichel
Cor can que foxe
(Color perro que huye, Andrés Duque, Estado Español, 2011, 70′, VO)
Mércores 29 de maio, ás 21.30h no Pichel
Virando
Ventana
See the Sea
LimpaParaBrisas
Ponte Quieta
Cielulosas
Corpi in movemento Due
Nueve
8
(Cris Lores, Galiza, 2007-2013, 75', VO)
Presentada por Alberte Pagán. Coa presenza do director e a música ao vivo de Urro
Foto: Cineclube Compostela

