Desa revolución inminente que nunca daba chegado. E mentres tanto, moitas voces, moitas subversións, eran apagadas nos altares sacrosantos dese obxectivo realizábel, dese ben superior. Mais tiña que chegar ese intre no que a mocidade decidise saltar do tren en marcha da historia. Rebelarse disidente aos ritmos políticos que o turbocapitalismo nos quere impoñer. Impoñer os ritmos propios da alternativa: feminista, comunista, independentista. Restaurar a centralidade das nosas vidas, do noso futuro, no lugar no que erixiron outros deuses que non nos interesan.
Somos revolucionarias, radicais. Estamos pola fin de todo espolio, de toda explotación e de todo exercicio de dominación. Estamos decididas e decididos a non perpetuar este sistema, a deixar de pintar as súas fachadas de vermello, lilás ou azul/vermello. Trátase, xa que logo, de algo diferente, trátase de derrubalo case todo para erguermos unha sociedade máis xusta.
Por iso imos "aprendermos en común os camiños revolucionarios". Nada está aprendido. A dúbida e a inseguranza son as nosas bandeiras. Ao igual que o son as certezas colectivas. As ideas de transformación que se artellan a partir das moitas voces, da pluralidade de propostas, da necesidade de afondarmos en común nunha alternativa marxista e leninista hoxe e para o agora.
Camiñamos, "tecendo o arredismo de clase". Custodiando con ansia os retallos das múltiples resistencias. Fiando con coidado as vontades de todos os suxeitos políticos de emancipación. Apañando con forza a tea de cada un dos nosos principios, de cada proposta urxente e necesaria. Tecer é sumar, sermos máis fortes. Conciliar camiños e respostas.
Por iso o noso IV Congreso o vindeiro 20 de abril na cidade de Ourense. E claro está, venceremos!

