A primeira parte dunha triloxía sobre a música en Los Angeles que continuaría coa cobertura do heavy metal entre 1986 e 1988 e o punk dos sen teito a finais dos 90, The Decline of Western Civilization utiliza unha expresión recollida polo crítico Lester Bangs (que citaba as palabras dun amigo, marcando a popularidade de The Stooges como "o declive da civilización occidental") para ofrecer un panorama do movemento punk na cidade, ignorado daquela pola meirande parte da crítica musical da época.
O filme recolle entrevistas aos principais grupos da escena punk de Los Angeles ou aos editores do influínte fanzine Slash, así como material dos concertos de grupos como Black Flag, Germs, X, Alice Bag Band, Circle Jerks, Catholic Discipline ou Fear. Ao documentar unha escena pouco coñecida no momento, máis que gañaría popularidade cos anos, The Decline of Western Civilization convertiuse nun filme de culto.
O filme, porén, quere ser máis do que unha mera documentación dos concertos da época, tentando analizar o contexto sociopolítico da música e introducila na realidade do seu momento. Con todo, Spheeris tamén recibiu críticas no sentido contrario, que a culpaban de facer excesivo fincapé en retratar a violencia, especialmente a través dos pogos nos concertos. O xefe de policía de Los Angeles, Daryl Gates, chegou a pedir por escrito que o filme non se proxectara na cidade por incitar á violencia.
Nacida en Nova Orleans en 1945, Penelope Spheeris estudou cinema e teatro na Universidade de California-Los Angeles. Spheeris entrou a traballar no audiovisual producindo sketchs para Albert Brooks no programa Saturday Night Life e asina con The Decline of Western Civilization a súa primeira longametraxe, á que seguirán outros documentarios musicais como os que completan a triloxía ou We Sold Our Soul for Rock 'n' Roll (1996). A súa carreira conta tamén con varios títulos de ficción dentro do cinema mainstream, como Wayne’s World (1992) ou The Beverly Hillbillies (1993).
A cuarta feira que ven, 14 de novembro, o Cineclube de Compostela súmase a convocatoria de folga xeral, e non haberá proxección. Mais o ciclo sobre o movemento punk vai continuar o 21 coa proxección de Crass. There’s No Authority But Yourself (Alexander Oey, Países Baixos, 2006). O filme estará acompañado dunha mesa redonda na que contaremos coa participación de Ángel Calvo (Skarmento, Desastre nuclear, Combat Noise, Fóra de control), Alberte Leis (Samesugas, Lixo Urbano) e Leo F. Campos (O Leo i Arremecághona, Labregos do tempo dos Sputniks, Das Kapital) e coa moderación de Susi Guerra.
O filme vai ser proxectado na súa versión orixinal con subtítulos en portugués. A entrada é de balde, puidendo adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o noso funcionamento, propoñemos unha aportación económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas. Os socios e socias poderán dispor do fondo do Cineclube antes das proxeccións, os mércores de 21:00 a 21:30.
PRÓXIMAS PROXECCIÓNS
CICLO PUNK
Mércores 7 de novembro ás 21.30 no Pichel
The Decline of Western Civilization
(Penelope Spheeris, EUA, 1981, 100’, VOSP)
Mércores 21 de novembro ás 21.30 no Pichel
Crass. There’s No Authority But Yourself
(Alexander Oey, Países Baixos, 2006, 64’, VOSG)
Mesa redonda sobre o movemento punk
Mércores 28 de novembro ás 21.30 no Pichel
Out of the blue
(Dennis Hopper, Canadá, 1980, 94’, VOSG)
Foto: Cineclube Compostela

