- Non aceptamos un novo cambio de Lei educativa. A sociedade está xa cansa de que cada novo goberno teime en modificar a lexislación educativa, máxime se, como está a ocorrer agora, se fai sen contar cos diferentes sectores buscando cambiar o actual modelo social para satisfacer consignas ideolóxicas.
- Non aceptamos mentiras para xustificar unha reforma do sistema educativo, terxiversando datos e facendo xuízos de valor que non están baseados en datos contrastados.
- Non aceptamos o desmantelamento da educación pública para beneficio exclusivo da iniciativaprivada, desviando os fondos públicos para financiar empresas privadas da educación, moitas de dubidosa legalidade que, incluso, atrévense a vulnerar a Constitución coa connivencia de quen deberían cumprir e facer cumprir o marco legal vixente.
- Non aceptamos que se eliminen todo tipo de axudas ao alumnado e ás familias, se incrementen as cotas e as taxas -aínda máis, creándoas onde non existían-, incumplindo o mandato constitucional da gratuidade do ensino e o dereito de acceso en igualdade de condicións.
- Non aceptamos que que os irresponsables políticos que nos gobernan sigan a insultar ao profesorado que ensina aos nosos fillos e fillas, profesorado que goza do respaldo das familias e do alumnado co que conviven a cotío, nun ataque sen precedentes contra a figura do funcionario público e dos interinos, aos que se trata en ámbolos dous casos como se fosen bonecos de feira, co único obxectivo de poñer a educación en mans da empresa privada e, con iso, de precarizar a profesión docente.
Ademais, como organización agraria que defende os intereses das explotacións labregas da Galiza, o Sindicato Labrego Galego condena as retalladas no ensino público, que se están a cebar especialmente coas escolas rurais, e que se veñen sumar á sangría de servizos públicos, tanto xerais como relacionados especificamente coa actividade agraria, que afondarán no despoboamento que sofre o noso medio rural e, polo tanto, o meirande do territorio galego. Cando a Xunta impón recortes ás escolas do rural está a agredir directamente e a hipotecar o desenvolvemento e futuro dos nenos e nenas daquelas familias que aínda apostan, contra vento e marea, por seguir vivindo no noso campo.
Foto: Greve de estudantes na UDC.

