O emprego conta a historia de Domenico, un rapaz do rural italiano que no cerne do boom economico dos primeiros anos sesenta abandona a súa educación para participar nun proceso de selección de persoal nunha grande empresa de Milán. Do seu éxito en acadar un posto fixo depende toda a familia, que precisa dos cartos para manterse. Nunha pausa do proceso, coñece a Antonietta, alcumada Magali, unha moza en situación semellante, que deixou a escola para conseguir diñeiro para ela e a súa nai.
Nos anos 60, o neorrealismo xa parecía completamente esquecido e as tendencias do cinema italiano se dividían entre os novos vieiros de precursores como Rossellini ou Visconti e as novas correntes de autores como Fellini ou Antonioni. Porén, é neste momento cando Ermanno Olmi combina as bases do movemento neorrealista con influencias dos novos cinemas dos sesenta, especialmente da nouvelle vague francesa, para construír un filme como O emprego.
Traballando con actores non profesionais, con son directo e cun uso tremendamente expresivo do dialetto, Olmi narra en O emprego, nas palabras do crítico Morando Morandini, “a toma de contacto de Domenico, aínda integro na súa disponibilidade e intelixencia, co desolado, entristecido e escuálido mundo do emprego”. Mais Olmi non pretende ficar no retrato dunha historia individual: “Os meus primeiros filmes son historias da pobreza, nas que sempre hai un pouco da historia do noso país. [...] En O emprego, vese ben na casa de Domenico, unha casa de facenda na que xa non se traballa a terra e que virou apenas nun cuarto para a xente que vai traballar á fábrica e á cidade. En pouco tempo, nas cortes sen animais, teremos metidas a Lambretta e o Seiscentos”.
Nacido en 1931 en Treviglio, Bérgamo, nunha familia labrega e moi católica, Ermanno Olmi quedou orfo moi novo e non rematou os estudos secundarios, instalándose en Milán, onde se matriculou na Academia de Arte Dramática e comezará a traballar, mentres estuda, na empresa EdisonVolta, para a que rodará máis de corenta documentais entre 1953 e 1961. En 1959 estrea a súa primeira longametraxe, O tempo parou, na que inicia o seu estilo, encadrado polos críticos como continuador do neorrealismo ainda que o propio Olmi ten declarado que a súa pretensión era responder ao movemento neorrealista. Entre os seus filmes destacarán outros como O emprego (1961), Os noivos (1963) A árbore das zocas (1978) ou A lenda do santo bebedor (1988). O seu último filme, A aldea de Cartón (2011), estreouse no Festival de Cinema de Venecia do ano pasado.
Con esta proxección, remata o ciclo organizado no Cineclube sobre recursos humanos. A vindeira cuarta feira 24 o Cineclube vai acoller a proxección de O home do traxe branco (The Man in the White Suit, Alexander Mackendrick, UK, 1951), unha comedia da Ealing coa que continuaremos en certo xeito o tema das grandes empresas a partir da historia dun químico perseguido por inventar un traxe que nunca se mancha.
O filme vai ser proxectado na súa versión orixinal, con subtítulos en galego. A entrada é de balde, puidendo adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o noso funcionamento, propoñemos unha aportación económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas. Os socios e socias poderán dispor do fondo do Cineclube antes das proxeccións, os mércores de 21:00 a 21:30.
PRÓXIMAS PROXÉCCIÓNS
CICLO «RECURSOS HUMANOS»
Mércores 17 de outubro ás 21.30 no Pichel
O emprego
(Il posto, Ermanno Olmi, Italia, 1961, 93′, VOSG)
***
Mércores 24 de outubro ás 21.30 no Pichel
O home do traxe branco
(The Man in the White Suit, Alexander Mackendrick, UK, 1951, 84′, VOSG)
Mércores 31 de outubro ás 21.30 no Pichel
Adolescentes
(Ángel Santos, Galiza, 2011, 63′, VO)
Foto: Cineclube Compostela

