Entendemos este xuízo como ilexítimo, como unha manobra máis dentro da estratexia do Estado para amedrentar a militancia arredista. As condenas que pide o fiscal ascenden a 64 anos, pretendendo sen dúbida ser unha sentenza exemplarizante para o resto da mocidade independentista galega, alén da ruína da vida destas catro persoas.
Preocúpanos tamén que este proceso abra o paso á ilegalización do independentismo, xa que no momento no que a Audiencia Nacional (que é, lembremos, herdeira directa do Tribunal de Orden Público do franquismo, polo que non podemos recoñecelo como lexítimo, independente do poder político, nin xusto) decida que existe unha organización armada, en Galiza procederase á ilegalización de asociacións, organizacións, peches de portais da internet, etc.
A existencia do suposto grupo armado nunca foi probada e, porén, atopámonos con independentistas acusadas de pertenza a banda armada e tratadas xudicialmente como se dita organización existise. Queren infiltrar no imaxinario colectivo, coa axuda dos medios de comunicación, unha realidade paralela que cree alarma social; un mito ao que a sociedade debe temer. O Estado busca novos inimigos aos que criminalizar, xustificando así a brutal represión cara a todo o movemento disidente baixo a escusa de salvagardar a 'seguridade pública', sendo o Estado burgués o único axente que ataca esa 'seguridade'.
Por todo isto, desde ADIANTE reclamamos:
A inmediata posta en liberdade de todas as presas antifascistas galegas, e máis concretamente das catro que este día 24 van sentar no banquillo dos acusados de Madrid.
A derrogación inmediata da Lei antiterrorista.
O cese inmediato da política de dispersión carceraria.
O recoñecemento da categoría de presas políticas a todas as presas antifascistas do país.
En consecuencia, entendemos que, aínda que o día 24 xulgan a catro compatriotas, a catro camaradas, é tamén un xuízo contra o conxunto do independentismo. O 24 de xuño xúlgannos a todas, porque todas somos terroristas.
Por isto, ADIANTE apoia a mobilización convocada o día 15 en Compostela en solidariedade con Teto, María, Antón e Edu, e fai un chamamento á mocidade comunista galega a asistir. Se eles dan odio, o noso escudo será a solidariedade, o compañeirismo, a camaradaxe.
LIBERDADE INDEPENDENTISTAS!
LIBERDADE PRESAS ANTIFASCISTAS!


