Stop Desafiuzamentos Compostela quere denunciar publicamente, a través da mobilización na rúa, as prácticas de desgaste, ninguneo, deixadez e bloqueo de negociacións que diversas entidades bancarias están a manter en case unha decena de casos de execucións hipotecarias que as afectadas, co respaldo da plataforma, puxeron enriba da súa mesa.
Dado que o dano á súa imaxe e a presión na rúa e nos medios son os únicos mecanismos que semellan efectivos para facer avanzar estes procesos, queremos facer un chamamento á solidariedade da cidadanía para que participen na mobilización que terá lugar este mércores, 15 de maio, ás 11:00h na Praza de Galicia.
Seguimos sinalando aos culpábeis: nesta ocasión, poñemos os nosos focos no Banco Santander-Banesto, en NGB e no Banco Popular-Pastor, especialmente naquelas persoas que ocupan nelas cargos con capacidade de decisión. Esiximos que asuman as súas responsabilidades e que se dignen canto menos a concertar unha xuntanza coas familias co obxectivo de resolver os casos un por un, e de tal forma que o dereito á vivenda e a dignidade das afectadas non sexa vulnerada como o foi ata agora.
Durante meses, Stop Desafiuzamentos Compostela asesorou e acompañou en múltiples negociacións a varias persoas en distintos momentos do proceso de execución coas tres entidades nomeadas. O resultado foi similar na meirande parte dos casos: sería exposto ás altas esferas, que darían unha resposta en contra ou a favor, e só restaba agardar a que esta chegara. O problema é que a resposta nunca chega, cos perxuízos económicos, persoais e sociais que esta incerteza constante ten para as afectadas.


