1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (7 Votos)

310313 borxaGaliza - Sermos Galiza - Após coñecer o escrito da acusación que pide 64 anos de cárcere para @s independentistas María Osorio, Antom Santos, Roberto R. Fialhega e Eduardo Vigo, conversamos con Borxa Colmenero, experto na lexislación antiterrorista, para deitar algo de luz sobre o "Estado de excepción" ao que fican submetid@s


Os procedementos abertos contra independentistas teñen un denominador común: non se penaliza un feito senón unha finalidade.

Efectivamente. Tal situación ten moito a ver coa chamada teoría do Dereito penal do inimigo, desenvolvida por Günter Jakobs e que recolle que debera existir un dereito penal para a cidadanía e outro para os inimigos.

O primeiro ten como ben xurídico a protexer aquel que se ve prexudicado polo feito concreto; o segundo vai contra quen pon en perigo o status quo. É dicir, o ben xurídico a protexer é o propio Estado, a orde constitucional, como acontece nos delitos de terrorismo, segundo o propio Código penal.

A regulación que o Código penal fai dos delitos de terrorismo contempla que non cómpre facer parte dunha organización catalogada como tal. Quen é terrorista?

Partindo da teoría anterior, o relevante non é tanto o delito en si como a súa finalidade. Neste sentido, o CP tipifica como terrorismo calquera feito que poña en risco o status quo, aínda que quen o cometa non faga parte dunha organización terrorista. A respecto de que é unha organización terrorista, houbo unha sentenza moi coñecida pola que foron condenados os integrantes dos GAL, en que se dicía que non eran organización armada, que serviu para determinar que elementos farían falla: un grupo de persoas organizado e estábel no tempo, co obxectivo antes mencionado.

Que acontece? Que nas expresións de violencia política rexistradas nos últimos anos non se estaban a dar estes elementos, non unicamente no caso galego, senón tamén en sabotaxes anarquistas ou outras accións sen contido político. Fóronse facendo modificacións que flexibilizaron moitísimo a definición de organización até que, nestes momentos, organización serían dúas ou máis persoas que de maneira coordenada cometen un acto cuxa finalidade é subverter a orde constitucional.

A que responden as imputacións de persoas por enaltecemento do terrorismo na Galiza ou a teima do PP en arrincar do Parlamento galego unha declaración institucional contra o terrorismo?

Eu aquí diferencio dúas cuestións. Dunha banda, desde unha vía xurídica, non ten moito sentido acusar unha persoa de pertencer a unha organización que non existe. Porén, doutra banda, esa lóxica xurídica necesita dunha lóxica político-mediática, que é o outro pau en que se sostén a lexislación de excepción: crear un 'pánico moral', unha sensación dun mal absoluto contra o que hai que aplicar todo o peso da lei porque atenta contra o status quo.

Ese papel xógano certos partidos políticos e medios de comunicación ligados a nivel empresarial e ideolóxico a eses partidos. Un pau e o outro sosteñen esta mesa que é a lexislación de excepción: acusamos de integración en banda armada que hai que probar mais xa nos encargaremos de, política e mediaticamente, facer crer e convencer de que, efectivamente, existe. Independentemente de que sexa unha montaxe, claro.

A detención de Júlio Saiáns e a súa imputación como "xefe do aparello financeiro", sumada ao último escrito de acusación, onde a imputación por "pertenza" supera por vez primeira a fase de instrución, farían tamén parte desa tentativa de probar a existencia de Resistencia Galega?

Desde 2007-2008 houbo un interese por parte da Garda civil de probar a existencia dunha organización terrorista que se chama Resistencia Galega, e cara aí dirixían toda a investigación policial, que non ten valor a efectos xurisdicionais. Estas investigacións eran asumidas en boa medida polo Ministerio fiscal mais, co avance da instrución, decaían. O último caso foi o de Santiago Vigo e José Manuel Sánchez Gorgas.

Esta é, por tanto, a primeira vez que supera esa fase. A pena que lles piden, 64 anos, é a suma de todos os anos para facer un pouco de propaganda. Non está fóra da realidade no sentido de que a cada un deles (María Osorio, Antom Santos, Roberto R. Fialhega e Eduardo Vigo) lles piden o máximo polos delitos que se lles imputan. Está dentro do previsíbel.

En definitiva, coas imputacións de que falabamos antes, por enaltecemento do terrorismo, ou a de Júlio Saiáns como suposto responsábel do aparello de financiamento, o que se intenta é abrir diferentes procedementos a nivel xudicial para vislumbrar se existe ou non unha estrutura de carácter militar, como din os informes de intelixencia da Garda civil. Esa lóxica que carrexa a creación do anterior inimigo do Estado, que era ETA, preténdese transladar ao caso galego.

Cal é a importancia real de que a acusación de "pertenza" pase a fase de instrución?

A relevancia xurídica é que eles consideran que teñen as probas suficientes para intentar demostralo, o cal marcará un antes e un despois na persecución da violencia política. Porén, quizais o matiz sexa máis de tipo político que xudicial no sentido de que por primeira vez intentan demostrar a existencia dunha organización en base a informes de intelixencia da Garda civil e se intenta artellar un esquema similar ao que había en Euskal Herría, mais completamente descontextualizado, facendo analoxías que en Dereito penal están prohibidas.

Nos sumarios dos distintos casos aparece sempre unha relación do material que se incauta: autocolantes de organizacións políticas e sindicais, panfletos editados por colectivos sociais, carnés de Siareir@s Galeg@s, "abundante literatura revolucionaria"... estamos moi lonxe dun 'Todo é Resistencia Galega'?

Hai uns anos, aquelas persoas interesadas polo Dereito penal e polo Dereito penal de excepción viñamos analizando que non sería unha loucura pensar que no futuro en Galiza se podería aplicar o fenómeno vasco do 'Todo es ETA', que alí se espallou a raíz dunha sentenza [do 19 de decembro de 2007, da sección terceira da Audiencia Nacional, sumario 18/98] onde se condenou membros de diferentes organizacións acreditando que facían parte de ETA e baseándose na integración indirecta, é dicir, que fas parte dunha organización sen que a estrutura en que ti militas faga parte. Isto afectoulle a Segi, a gaztetxes ou a colectivos polos dereitos humanos.

Había outra forma de integración, por complementariedade: a ti acusábante de pertenza porque a organización en que militas complementa a suposta estratexia de ETA. Isto que parecía unha quimera semella cada vez máis próximo. Dicilo hoxe aínda me parece arriscado. Porén, cada vez descártase menos, cando xa se fala de que existe un conglomerado de centros sociais, organizacións políticas, xuvenís, de montaña... e que se queira aplicar aquí ese modelo, collendo nomes e siglas que a priori non supoñen ningún problema para o sistema mais que si axudan a construír o monstro do inimigo.

Leis de excepción: a lexislación antiterrorista. Tribunais de excepción: a Audiencia Nacional. Medidas de excepción: dispersión e incomunicación. Réximes de excepción: o FIES-3. É esaxerado falarmos de 'Estado de excepción'?

Non, non é esaxerado. Este é un debate moi interesante que se vén dando na penalidade desde o 2000 para aquí, acusando a aparición dun novo modelo baseado no control social. Este modelo convive con outro que atende a unha lóxica, a da excepción, teorizada por Giorgio Agamben a partir das teses do xurista nazi Carl Schmitt, que sostiña que o Estado, cando se ve en perigo, pode violar as súas propias normas para garantir a existencia do status quo.

Isto é perfectamente aplicábel ao Estado español, que nunca foi construído en positivo, senón 'contra', e o inimigo que lle daba identidade interna foi ETA. Cando desaparece, todas as ferramentas de excepción necesitan outro inimigo. Nalgúns países son os inmigrantes, noutros a mafia... e no Estado español segue a ser o terrorismo cunha ubicación nova: de Euskal Herria a Galiza. Isto permítelles manter toda a súa andamiaxe e estabelecer dispositivos completamente arbitrarios, autoritarios e que violan incluso as propias leis, mais que ficarían amparados pola suposta Razón de Estado.

Pecháronlle a porta da sala cando un defendido seu ía declarar alegando que acaba de se decretar, de novo, o segredo de sumario. Que grao de arbitrariedade hai nesta medida?

Fai parte dos dispositivos de excepción, que se caracterizan porque supoñen a violación dun dereito fundamental. É completamente arbitrario e supón a vulneración do dereito de defensa [artigo 24 da Constitución española] Con todo, a lei permite isto [artigo 302 da Lei de Axuizamento criminal] ao habilitar un mecanismo para que o xuíz poida prohibir que a defensa coñeza a instrución dun procedemento por considerar que pode pór en risco a investigación. No Estado español acontece outra cousa: a defensa é tratada sempre como unha sorte de sospeitoso, de colaborador... nunca como un profesional independente á altura do Ministerio fical, a acusación, a quen nunca se lle aplica o segredo de sumario. O único límite está en que se ten que levantar dez días antes do xuízo.

Isto quere dicir que independentistas poden botar catro anos en prisión preventiva sen saber de que están acusad@s?

Exactamente.

Dixo antes que a investigación policial non ten valor xurisdicional. Como se garante a independencia nun procedemento en que a policía española e a Garda civil fan parte da instrución?

Este é outro dos dispositivos habituais dos procedementos de excepción: que se permita que esa investigación e a instrución xudicial se misturen. O Ministerio fiscal traballa man a man coa Garda Civil ou coa policía. O punto máis sangrante é cando a Lei de enxuizamento criminal fala de peritos e testemuñas, que deberán ser persoas sempre alleas ao proceso. Porén, policía e Garda Civil si poden actuar como peritos e como testemuñas, aínda sendo parte do proceso. Non se chaman profesionais independentes. Máis unha violación do dereito de defensa e da Lei de Axuizamento criminal.

E as detencións de mulleres? Agás María Osorio, todas quedaron libres e sen cargos. Cal é a finalidade de prender 'compañeiras de'?

As opresións machistas a que están submetidas as mulleres operan tamén na vía xudicial: préndenas xustamente por seren 'compañeiras de'. A finalidade é presionar, condicionar as declaracións. Non creo que vaia máis alá.

De todas as maneiras, si que é interesante que hai toda unha serie de investigacións encamiñadas para as mulleres. Non só na vía xudicial senón tamén na policial, amparándose en que xogarían algún tipo de papel. "Se ten moza hai que lle prender a moza, sempre, porque seguro que sabe algo ou que podemos presionala". Isto, que ten a ver cunhas declaracións perante a Audiencia Nacional, non se concretou aínda en nada.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.