Nos últimos dias puidemos ver o circo de declaracións tanto dos mass-media do imperio como dos partidos capitalistas do Estado Imperialista Español, xogando arredor dun argumento (por incapacidade analítica nalgún caso, por defensa dos seus intereses de clase noutro). Ese argumento é a cuestión da legalidade. Nós, como marxistas, partimos do axioma de que as leis están feitas para reproducir os privilexios dos posuidores e sabemos, tamén, que para cualificar unha acción como lexítima ou ilexítima non debemos usar a "xustiza" legal da oligarquía española, senón a xustiza moral, o compás de pobos e persoas cara a liberación do xugo que as escraviza.
Analizando a situación actual, nun estado coa metade da mocidade no desemprego, camiño dos seis millóns de paradxs; cun dos índices de miseria máis altos do mundo "civilizado", centos de miles de familias sen un só ingreso na casa; co desmantelamento total dos servizos básicos dos pobos (sanidade, cultura e educación); cos maiores retrocesos da historia en dereitos reprodutivos; co aumento vertixinoso de enfermidades psicolóxicas derivadas da violencia do réxime (estrés, ansiedades, depresións); coa persistencia dos accidentes laborais evitables causados polo aforro cobizoso da explotación... Case todo está xustificado. E máis no caso da nación andaluza, que padece un dos maiores índices de miseria de Europa co enquistamento medieval de terratenentes e nobreza posuidora.
En tanto todo isto aconteza e o pobo andaluz pase fame, a expropiación de supermercados, cuxos propietarios son parte dos responsables desta miseria, será sentido pola mocidade comunista de ADIANTE como total e absolutamente lexítimo achegando sempre o noso apoio e solidariedade.