A Secretaría da Muller da CIG incide na necesidade de afondar na formación con perspectiva de xénero para delegados e delegadas sindicais, ademais de aumentar a presenza das mulleres nas mesas de negociación e nas estruturas da central. Trátase das principais conclusións tiradas nun recente encontro celebrado en Vigo para analizar de que xeito específico está a afectar a crise económica ás mulleres.
As participantes afondaron na necesidade de incrementar a formación en perspectiva de xénero dos delegados e delegadas, ademais de facer fincapé na importancia de aumentar a presenza de mulleres nas mesas de negociación e nas estruturas de dirección da central nacionalista.
A xornada de debate celebrada recentemente no local da CIG de Vigo desenvolveuse en tres bloques: no primeiro avaliouse a situación da muller no mercado laboral galego, exposición que correu a cargo de Natividad López Gromaz, economista do gabinete técnico da CIG; na segunda intervención, Ester Mariño falou sobre o funcionamento diario e as principais experiencias como técnica de Igualdade; finalmente, a secretaria confederal de Muller e Mocidade, Margarida Corral, foi a encargada de abordar o traballo reivindicativo dende a óptica do seu departamento.
Unha vez rematadas as exposicións abriuse un coloquio no que se fixo fincapé sobre os principais efectos que a crise económica está a ter sobre o traballo das mulleres, ademais de poñer en común o xeito en que lles están a afectar os recortes. Neste senso, apostaron por continuar coas mobilizacións para dar unha resposta dende a óptica feminista tanto aos recortes sociais como á perda de dereitos laborais nas propias empresas.

