As mulleres da CUT poñen en marcha unha campaña de recoñecemento do traballo doméstico e a urxencia dunha folga de coidados, ademais do paro indefinido.
Levamos tempo dicindo, que para a CUT a folga non é un fin en si mesmo, senón parte dun proceso de loita organizada e creación de contra poderes capaces de abrir brechas e poñer en xaque un sistema que nos está roubando as vidas e o futuro.
Asumimos a necesidade de experimentar, en cada nova convocatoria de mobilización, metodoloxías distintas e proxectar novos discursos até agora invisibilizados.
Desta volta queremos colocar o traballo doméstico na axenda da folga, evidenciando o escaso recoñecemento co que conta e a necesidade de interpelar a sectores sociais até agora ignorados polo groso das centrais sindicais.
O traballo doméstico ou de coidados é imprescindible para a subsistencia e o benestar das persoas. Sen esas actividades, que historicamente desenvolvemos as mulleres debido a un inxusto repartimento do traballo, non sería posible sacar adiante as crianzas nin manter a saúde e a vida de maiores e adultos.
A pesar da súa importancia, este traballo non se recoñece, nin se valora. Estas tarefas, que debían ser de responsabilidade de toda a sociedade, cárganse no lombo das mulleres e, duns anos para acá, coa desculpa da crise, a cousa aínda foi a peor, porque os recortes e medidas que se están a tomar non fan máis que desviar cara a nós a presión asistencial da cal o estado e o conxunto da comunidade, desenténdense.
Por iso, este 14 de novembro, poñemos en marcha a campaña “Nos producimos, nos paramos” e reivindicamos a urxencia dunha folga de coidados, ademais do paro indefinido.
Unha mobilización que arroxe o até agora considerado privado á esfera pública, que cuestione o conxunto da sociedade sobre quen e en que condicións se están subministrando as tarefas que permiten soster a vida de crianzas, adultos e maiores, e cales son as consecuencias deste dispositivo de suxeición e control para a emancipación de nosoutras, mulleres.
Propoñemos que nesta folga xeral, seguindo a iniciativa das compañeiras de outros territorios na anterior convocatoria de marzo, cada muller e cada home amose, colgando un mandil da súa fiestra, que no interior dos fogares os coidados tamén han de parar para denunciar as políticas antisociais que están a recortar as nosas posibilidades dunha vida digna e con liberdade. Que cada fiestra sexa un berro de que os coidados tamén están en loita.
Foto: AM


